Novas por contido

Para a Secretaría Xeral Técnica, a modificación da RPT é sinxela, para cuestións puntuais, e non estrutural nin transversal, como foron as últimas, e consta de tres partes:

1) Creación dunha praza de persoal enxeñeiro vía execución de sentenza.
2) Creación dunha xefatura de sección na Área de Financiamento, sobre todo para reforzar todos os expedientes que están tendo en materia de financiamento para o Polo de Lugo, e para manexar os fondos Feder que veñen do Ministerio, os que están territorializados.
3) Atendendo a peticións anteriores dos sindicatos, faise un pequeno axuste da RPT como consecuencia da modificación dos estatutos que xa vén de atrás, que xa se falou cos sindicatos anteriormente,:
- Péchanse unicamente a persoal funcionario unha subdirección/dirección de área, que antes estaba aberta á alta dirección (podía vir calquera non funcionario/a).
- Pásanse varios postos de LD a CE.

O secretario xeral indica que na memoria non vai, pero di que adianta, aínda que no anexo entregado para a reunión xa vai incluido, que están coa modificación de estrutura da GAIN na que se van crear dous servizos. O decreto de modificación da estrutura da GAIN vai ir en paralelo, polo tanto, á modificación da RPT.

Insístese que a estrutura non é obxecto da negociación, pero adiántannolo: créanse dous servizos:
- un servizo para reforzar todo o polo aeroespacial galego, que está instalado en Rozas, e vaise crear unha praza para o control in situ do que se está facendo alí: manexo de fondos, manexo de persoal, instalacións, as obras que se están levando a cabo
- un servizo de reforzo na Área de Xestión, precisamente para todos estes expedientes de carácter económico que se están facendo da man do Ministerio e das ordes de fondos Feder plurirexional.

CIG

- PROTESTAMOS PORQUE POR SISTEMA ESTA CONSELLARÍA NON FACILITA TODA A INFORMACIÓN ANTES DAS REUNIÓNS AOS SINDICATOS, E SOLICITAMOS PARA VALORAR A RPT QUE SE NOS ENTREGUEN:
• O BORRADOR DE DECRETO DE ESTRUTURA DA GAIN
• AS LIÑAS ORZAMENTARIAS COAS QUE SE VAN IMPLANTAR OS CAMBIOS NA RPT
• AS SENTENZAS

A modificación da estrutura da GAIN non se comunique antes da reunión aos sindicatos, e a consecuencia é que moitas das alegacións que tiñamos debíanse aos cambios realizados na RPT en resposta a esta nova estrutura.

Por parte desta Consellaría sempre se fai a mesma xogada: presentan unha documentación -memoria económica, memoria funcional, e un anexo de equivalencias- e despois durante o transcurso da xuntanza indícannos que se está tramitando paralelamente á RPT a modificación da estrutura da GAIN, aínda que esa nova estrutura xa se está aplicando na documentación que se entregou, pero sen que este dato clave do decreto de modificación de estrutura se facilite para poder interpretar a RPT.

Deste xeito, a GAIN inclúe na RPT un Departamento de coordinación do Polo aeroespacial, ou a xefatura de departamento de Xestión Financeira, que supoñemos que tamén van crear, cando na estrutura en vigor da GAIN non aparece...
É unha auténtica tomadura de cabelo, terían que ter mandado toda a documentación antes da xuntanza.

Tamén fan outra modificación, dado que aparece a outra xefatura de departamento cunha denominación distinta á que figura nos estatutos, e imaxinamos que no decreto de modificación da estrutura o recollerán. No anterior decreto a denominación empregada era Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria, e agora cámbiano para Departamento de Xestión Económica e Tesouraría.

Non obstante, aclárase por parte da GAIN que non hai modificación na denominación do Departamento de Xestión Económica e Orzamentaria, senón que se trata dun erro no documento entregado aos sindicatos.

Por se isto fose pouco, non nos facilitan ningunha información sobre de onde van sacar os cartos para facer estas modificacións. Na memoria económica esta información non figura, na memoria funcional tampouco. En definitiva, están a presentarnos modificacións da RPT para as cales nos facilitan unha documentación incompleta.

O mesmo sucede coas sentenzas polas que se crea a praza de enxeñeiro de Telecomunicacións: non se presentan xunto coa documentación previa á xuntanza.

- SOLICITAMOS ACLARACIÓNS SOBRE A CREACIÓN DA PRAZA DE ENXEÑEIRO POR EXECUCIÓN DE SENTENZA

Non dispoñemos de información para saber se a praza creada por aplicación da sentenza é a correcta, xa que no extracto que figura na memoria funcional indícase:
[...] el actor está vinculado con la XUNTA DE GALICIA, al servicio de la CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA, como trabajador, con la categoría de ingeniero de telecomunicación, dentro del Grupo I, Anexo II, del IV Convenio Colectivo Único del Personal.

Por iso esiximos que nos remitan a sentenza para poder analizada con detemento. Tamén solicitamos a información sobre a execución da sentenza que se reflicte na RPT, dado que non foi facilitada a documentación aos sindicatos. Queremos saber de que datas son as sentenzas, e queremos saber tamén cantas veces a persoa tivo que recorrer á xustiza para que se lle cree este posto, porque dá a sensación de que ou houbo unha desidia, ou algo que é peor, que houbo unha persecución. Ata tres veces foi solicitada a execución de sentenza de creación da praza. A primeira sentenza é de 2011, e a última, do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, de 2015, segundo a información obtida pola CIG.

Seguimos sen entender que se lle cree a praza como funcionario enxeñeiro de funcións facultativas, cando a sentenza establece que se lle cree a praza laboral de enxeñeiro de Telecomunicacións, e cando hai sentenzas, a última do IET, que condenan á Xunta de Galiza a converter en laborais prazas de persoal funcionario creadas indebidamente.

O secretario xeral indica que vai trasladarnos as sentenzas, e que a única intención da secretaría, e supón que tamén da Axencia, é cumprir a sentenza. Non hai interese en que sexa laboral ou funcionario, senón que o que hai que facer é cumprir a sentenza do mellor xeito posible. Engade o director de Área que a intención da GAIN é cumprir a sentenza da forma máis estrita posible, seguindo o criterio tamén de Función Pública no referido á categoría.

Insistimos en que se indique de que ano era a sentenza, e o director indica que a última é de 2015, e indica que o proceso se iniciou na extinta Fundación, e a primeira sentenza no 2011 segue sendo da Fundación, que hai unha sentenza que se gaña en primeira instancia, e se perde logo. O que están facendo agora é o cumprimento desa sentenza. Explican que non se fixo antes porque non se fixo até o de agora unha RPT de todo o que era a estrutura organizativa do que era GAIN agás modificacións puntuais: a integración e dúas sentenzas anteriormente ditadas, no ano 2014. A praza está creada cunha codificación ficticia que se leva á situación concreta onde está prestando os seus servizos e o perfil corresponde exactamente á literalidade da sentenza e da titulación que ten a persoa que a ocupa.

- SOLICITAMOS ACLARACIÓNS SOBRE AS TITULACIÓNS

Subliñamos que non existe homoxeneidade nas titulacións requiridas para varios postos.

Non ten sentido a denominación de enxeñeiro/a de funcións facultativas no posto EI.A11.00.002.15770.027 cando se abren á escala de Ciencias – Especialidade de Bioloxía e Especialidade de Química, é dicir, ás titulacións de biólogo/a e químico/a (ESC1 e ESC2).

A resposta da GAIN é que van analizar se retiran as especialidades de Ciencias. Trátase de prazas que están nunha unidade específica que leva todo o proceso de avaliación de axudas, que basicamente está constituído por enxeñeiros, pero que en determinadas modalidades de axuda aparecen proxectos en áreas de Bioloxía, Química, etc. Non significa que os enxeñeiros/as non poidan facer o seguimento e a avaliación dos proxectos, pero nos servizos considerábase como positivo que algún tivera unha titulación distinta.

No referido ao mérito de propiedade industrial (apoio ás solicitudes de patentes, etc.) hai dúas prazas que teñen ese mérito de formación específica ao estar no Servizo Galego de Propiedade Industrial. Entendemos que deberían ser prazas de licenciatura/grao, e polo tanto abertas a Administración Xeral dado que a especialidade de propiedade industrial pode acadarse por parte de calquera licenciado/a ou graduado/a (é unha especialidade de dereito mercantil, aberta a todos os licenciados ou graduados sen distinción de disciplinas), e en vez de mérito que sexa requisito imprescindible a especialidade en propiedade industrial.

A propia Dirección Xeral de I+D+I financiou esta especialización a técnicos non enxeñeiros antes da fusión na GAIN.

- OPOÑÉMONOS Á AMORTIZACIÓN DE PRAZAS CANDO SE DEMOSTRA NO DÍA A DÍA A FALTA DE PERSOAL NA GAIN PARA TRAMITAR AXUDAS

Queremos saber, dado que non se nos facilitou esa información, se os postos amortizados están ou non vacantes, e se se volve a recorrer ao criterio de non ocupación para as amortizacións.

Preguntamos cantas veces se ofertan, e de que forma, os postos vacantes de difícil cobertura. Pídese mais información que xustifique a difícil cobertura de postos antes da súa amortización, xa que existen varias formulas alternativas para cubrilos, listas etc.

Neste punto, a secretaría indica que os postos están vacantes, pero non se responde a se se ofertaron e de que forma se ofertaron.

Solicitamos que nos aclaren onde estaban eses postos, e se nalgún momento estiveron ocupados, porque curiosamente hai uns meses atrás estivemos falando dunha traballadora auxiliar administrativa do GAIN que estaba facendo funcións de técnica, e que estaba no xulgado con este tema.

Resúltanos curioso que se tanto traballo se fai nese departamento, como para coller a unha auxiliar administrativa para que faga funcións de técnica, algo recoñecido polo director da Área de Xestión de Axudas ante o Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza, non incrementen os postos aí, dado que son necesarios os postos técnicos, non os de auxiliar administrativo.

- SOLICITAMOS INFORMACIÓN SOBRE O PECHE A ESPECIAL DA XEFATURA DE DEPARTAMENTO DE XESTIÓN DA INNOVACIÓN

Na xefatura de Departamento de Xestión da Innovación, que antes estaba aberto a XERAL/ESPECIAL, agora só queda a ESPECIAL, cando nas outras xefaturas seguen mantendo XERAL e despois dúas titulacións. Non sabemos por qué se recorta esta posibilidade.

- O CONCURSO ESPECIFICO DA XEFATURA DE HABILITACIÓN E TESOURERÍA

A GAIN aclara que no caso das prazas que aparecen en concurso específico, só aparecen dúas que non sexan xefaturas de departamento: o habilitado de persoal e o habilitado de xestión económica e tesouraría, e é precisamente o feito de levar xestión de tesouro (a GAIN ten tesouraría propia) é o que xustifica que aparezan esas prazas como concurso específico.

En relación ao concurso específico de habilitados/as, os concursos específicos que se abriron a habilitados/as foron os concursos específicos de nóminas, que ao mesmo tempo teñen por un acordo a dispoñibilidade horaria. Abrir a concurso específico o habilitado/a do capítulo II non o teñen nas outras consellarías, e entendemos que seguen sendo de concurso, por moito que xestionen cartos.

Dende a GAIN indican que fan ordes de transferencia e pagamentos bancarios, é tesouraría pura e dura.

Dende a CIG argumentamos que a función que fan é do capítulo II, e en todas as consellarías vai por concurso.

Dende FP indica a secretaría que lles trasladaron que é concurso específico, non é o capítulo II puro e duro, senón que hai pagamentos directos.

- OPOÑÉMONOS AOS CONTRATOS DE ALTA DIRECCIÓN

Amosamos a nosa oposición aos contratos de alta dirección dos postos EI.A11.00.003.15770.001 e EI.A11.00.004.15770.001, xa que consideramos que poden ser cubertos por C ou CE.

- SOLICITAMOS INFORMACIÓN SOBRE A ÁREA, SITUACIÓN E CODIFICACIÓN DAS PRAZAS DOS PLUSES DA GAIN (QUE SE TRATARÁN NA SEGUINTE REUNIÓN DESE DÍA)

Hai unha codificación que está mal: o responsable de control, que o poñen na Área de Xestión de Compostela, a súa codificación é da Área de Servizos, entón, unha de dúas, ou é de un sitio ou de outro. A codificación actual que lle van poñer é EI1100003, esa codificación 003 correspóndese coa Área de Servizos, dado que a Área de Xestión é a 001. Gustaríanos saber onde está situado este posto.

Por parte da GAIN, indícase que nesta RPT aparece na área na que está o posto actualmente (Área de Servizos), e na RPT que se está a tramitar de pluses recolócao noutra área (na Área de Xestión).

- OUTROS ASUNTOS

Comentouse a posibilidade de que a consellaría poña en RPT todas as prazas de temporais que actualmente non aparecen.**Por parte da secretaría, e a raíz das peticións de dúas centrais sindicais, insístese que consonte ao persoal temporal a curto e medio prazo non está sobre a mesa abrir unha vía de incorporación á RPT de postos de persoal temporal proveniente da extinta Fundación, nin procesos de estabilización ou consolidación deste persoal. Agora ben, se hai unha proposta por parte das centrais sindicais, calquera que sexan, estas poden trasladala á Consellaría, e estudarana e verán as viabilidades.

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

RPT do Consorcio: morrer matando

Durante anos sen convenio, sen trienios... e agora queren meter o acelerador para que apandemos con todo o que queiran impoñer A directora xeral de Emprego Público e o xerente do organismo propoñen niveis e salarios máis baixos que na Xunta para o persoal do Consorcio de Igualdade e Benestar. A nova RPT chega nos últimos días do ano 2024, non negociada, inzada de centos de...
Mércores, 18 Decembro 2024

A CIG reclama a recuperación de dereitos do persoal das administracións públicas

A lei de Orzamentos para 2025 perpetúa os recortes de 2012 e non avanza nengunha mellora, excepto para a escala de letrados, polo que dende a CIG solicitamos a extensión desa mellora para todo o persoal A CIG concentrouse o martes 17/12/2024 diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos Orzamentos da Xunta para 2025 para denunciar que con esta lei se perpetúan...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...