- Detalles
Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos

Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade.
1. Cal é a miña situación laboral no día de folga?
Durante a xornada de folga, o contrato de traballo está suspendido, ficando sen efecto as obrigas recíprocas da persoa traballadora e a empresa: traballar e pagar o salario. Para os efectos da Seguridade Social, a persoa traballadora permanece nunha situación asimilada á alta.
2. Canto me poden descontar pola folga?
No día de folga, descóntase a parte proporcional dos conceptos salariais e extrasalariais que correspondan a esa xornada, así como das partes proporcionais das pagas extraordinarias. O teu dereito ao goce de festivos, vacacións e descanso semanal non se ve prexudicado polo feito de ires á folga.
3. A empresa pode substituírme se vou á folga?
Non. Esa conduta denomínase esquirolaxe e é ilegal tanto nas súas modalidades externa, interna e tecnolóxica.
4. Teño a obriga de comunicarlle á empresa que vou á folga?
Non, o dereito á folga faise efectivo unha vez que esta comeza. Non tes a obriga de comunicarlle á empresa se vas facer folga ou non. É máis, pedir a unha persoa traballadora que asine un escrito manifestando a súa intención de ir ou non ir á folga é unha infracción administrativa e pódese denunciar perante a Inspección de Traballo.
5. Se asinei un papel na empresa dicindo que non vou facer folga, podo mudar de opinión?
Aínda que llo asinases con sangue. O dereito á folga é un dereito irrenunciábel e exércese no momento en que a folga comeza.
6. Pódenme despedir ou sancionar por ir á folga?
De ningunha maneira. O dereito á folga é un dereito fundamental. En caso de sanción ou despedimento, sería considerado nulo e a empresa tería que reincorporarte nas mesmas condicións que tiñas.
7. E se a empresa é unha túzara e quere sancionarme ou despedirme igual?
Non asines nada. Asinar un finiquito pode implicar unha renuncia a reclamar. Vén ao sindicato de contado, porque os prazos son curtos, e dirémosche como proceder.
8. Pode calquera empresa fixar servizos mínimos?
Non. Os servizos mínimos están destinados á estrita prestación dos «servizos esenciais para a comunidade» (sanidade, educación, hixiene pública, transportes públicos, etc.) durante a folga, polo que é a Administración pública (autoridade laboral) a que estabelece en que empresas e Administracións hai que facelos e en que consisten. As empresas que non prestan estes «servizos esenciais para a comunidade» só poden impor «servizos de mantemento», destinados a garantir a seguridade das persoas e locais e o seu mantemento (instalacións, maquinaria, materias primas, etc.) cando sexa necesario, mais nunca con carácter produtivo.
9. Se me designan para os servizos mínimos e son abusivos, teño que ir traballar?
En principio, si. Non ires traballar cando es persoa designada para os servizos mínimos pode ser motivo de sanción ou mesmo de despedimento disciplinario. Así pois, debes ir ao teu posto de traballo e recorrer xudicialmente os servizos mínimos impostos se entendes que son indebidos ou excesivos.
10. É delito que a empresa me diga que se non vou traballar o día de folga me ateña ás consecuencias?
Por suposto que o é. A folga é un dereito fundamental, polo que a coacción para evitar o seu exercicio está tipificada como delito. Se a empresaria ou empresario fai iso, debes comunicalo ao sindicato para presentarmos a correspondente denuncia.
11. Compútase o día de folga para os efectos de cálculo do absentismo laboral?
Non. Está expresamente excluído este suposto para os efectos de cálculo do absentismo laboral.
- Detalles
A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas

A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna' para esixir da Xunta de Galiza e do Goberno español un Plan de Choque que permita frear o deterioro das condicións de vida da clase traballadora. A central sindical demanda medidas contundentes para paliar o encarecemento da vida, a pobreza salarial, a crise da vivenda, a precariedade laboral e a degradación dos servizos públicos mentres o grande capital continúa a obter beneficios extraordinarios.
A folga xeral abranguerá as persoas traballadoras das empresas privadas e do sector público en todo o territorio galego, incluído o persoal funcionario, estatutario e laboral. Desenvolverase o 11 de novembro, desde as 00:00 até as 24:00 horas, coas adaptacións horarias previstas para as empresas con varias quendas e para os medios de comunicación.
A suba dos prezos que a pague o capital
O medre constante e imparábel dos prezos fai máis difíciles as condicións de vida, levando á ruína o pobo e as clases traballadoras galegas. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade, hai que engadir unha grave deterioración dos servizos públicos e o retroceso nas políticas sociais.
A vivenda é un dereito fundamental para todas as persoas, pero a especulación converteuna nun luxo inacesíbel para a maioría social. Unha suba descontrolada dos prezos, agravada pola sequía, pero provocada polas guerras imperialistas e a ofensiva belicista que os Estados Unidos teñen en marcha, e que conta co entreguismo da Unión Europea e do Estado español. Perigosa deriva militarista que está a aumentar escandalosamente o gasto militar dos Estados e o criminal papel da OTAN.
Unha inflación que está aumentando as débedas das familias, polo que moitas delas non teñen onde vivir ou como acceder a bens e servizos básicos. Un encarecemento da vida que multiplica os efectos negativos que xa veñen causando as precarias modalidades de contratación impostas polas sucesivas reformas laborais (a tempo parcial, fixa-descontinua, ETT, etc.), que impiden ter condicións laborais e salariais estábeis e con dereitos.
Fronte a esta realidade, o capital segue enriquecéndose de forma imparábel, obtendo beneficios astronómicos. O IBEX 35 fulmina resultados e as empresas chegan a cifras nunca antes rexistradas. Velaí os últimos datos feitos públicos polas empresas enerxéticas, os bancos ou as do sector do comercio da alimentación.
Contra a complicidade dos gobernos e o auxe da ultradereita
As respostas dos gobernos demostran pouca vontade para darlle solución a esta crúa situación que padecemos a maioría social, tendo nula disposición a tomaren medidas contra o capital. A presión exercida polas grandes empresas sobre os mercados con manobras especulativas permítelles seguir controlando os prezos e aumentar a súa marxe de ganancia, facendo que os seus beneficios sigan sendo cada vez máis extraordinarios.
Todo isto pasa cando o capitalismo está nunha tendencia cada vez máis reaccionaria no social, no económico e no político. Alentan a ultradereita, a extrema dereita e o fascismo, que no noso caso é fomentando a ideoloxía españolista e negando a realidade plurinacional do Estado español.
Repiten o feito noutros momentos da historia e onde Galiza nos vemos claramente prexudicados: reforzar os mecanismos de explotación e represión ante o aumento do descontento social pola dureza das súas políticas económicas que xeran desemprego, baixos salarios e aumento da pobreza.
É hora de reaccionarmos!
Hai que dar un paso adiante e comprometerse para que sexa maior a capacidade das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas, mediante a loita social, as que impidamos, como até o de agora, que vaian a máis estas derivas españolistas e reaccionarias.
Cómpre ir a máis na resposta que levamos meses promovendo, coas folgas en moitos convenios colectivos, e avanzar coa convocatoria de Folga Xeral para o 11 de novembro. Temos que evitar que a clase traballadora galega paguemos, máis unha vez, esta nova crise, cando outras políticas públicas son necesarias e posíbeis, como vimos defendendo coas Propostas por unha Galiza con Dereitos, Traballo Digno e Igualdade.
Por un Plan de Choque en rescate da clase traballadora
É urxente a mobilización porque é inaprazábel a aprobación polo Goberno galego e o Goberno español un Plan de Choque asentado en:
1.- Paralizar o aumento do gasto militar e anular o que se ten aprobado para destinalo á protección social, servizos públicos e ter un sistema público galego digno de atención ás persoas.
2.- Intervención pública nos sectores estratéxicos, como o financeiro, enerxético, alimentación, vivenda e mobilidade, para garantir uns mínimos de benestar social.
3.- Fixar nos 1.374,74 euros mensuais o SMI con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026 para cumprir xa a Carta Social Europea (60% do salario medio). Garantir o carácter non compensábel nin absorbíbel de ningún dos complementos salariais. Aprobar a descentralización do SMI para que en Galiza teñamos competencia para mellorar o estatal.
4.- Promover o dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos salarios e as cláusulas revisión salarial conforme o IPC real, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte aos estatais.
5.- Os gobernos fixarán por lei prezos populares en produtos básicos de alimentación e prezos xustos para quen os produce. Demandamos actuacións contra quen especula nos mercados, contra as empresas enerxéticas e do comercio de alimentación.
6.- Prohibir os desafiuzamentos, conxelar as cláusulas das rendas dos alugueiros e que non se apliquen as subas de xuros nas hipotecas.
7.- Aprobar un Plan de acción que poña a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados. Intervir o mercado da vivenda fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar, que obrigatoriamente deberán cumprir os grandes posuidores. Creación dun Banco Galego de Vivenda para aluguer social.
8 .- Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país. Así mesmo, aprobar unha reforma do marco legal para limpar da factura os cargos que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, eliminar o mercado marxinalista e cambiar o sistema de fixación de prezos e desvincular o prezo da electricidade do prezo do gas.
9.- Fixación polo Goberno dun prezo máximo da gasolina e do diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.
10.- Reforzar os servizos de mobilidade aumentando as frecuencias, ampliando os horarios para facilitar os desprazamentos, reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliar os traxectos gratuítos.
- Detalles
No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais.
Publican como anexo I a relación de persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos sinalados anteriormente e que son emprazadas á elección de destino definitivo, segundo a orde que, en aplicación das bases das convocatorias, deberá seguirse para os efectos da adxudicación de destino.
Os postos ofertados e os requisitos exixidos para a súa ocupación figuran como anexo II desta resolución. As persoas aspirantes elixirán as prazas ao subgrupo e escala a que acceden e de conformidade co indicado no anexo II desta resolución.
Para o acceso á aplicación informática para a elección de destino, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal remitirá ás persoas aspirantes un correo electrónico co usuario e a clave de acceso á aplicación do proceso selectivo.
No prazo máximo de dous (2) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, a persoa aspirante, no suposto de que non recibise correctamente o seu usuario e clave, deberá poñerse en contacto co servizo informático da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no teléfono 981 54 54 78, para que se lle faciliten os datos necesarios.
Unha vez transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior, abrirase un prazo de cinco (5) días hábiles para que as persoas aspirantes que constan no anexo I desta resolución seleccionen telematicamente, a través do sistema electrónico, os destinos ofertados por orde de prelación.
A elección de destinos deberá realizarse a través do sistema electrónico a que se poderá acceder a través da páxina web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, https://www.xunta.gal/es/funcion-publica/procesos-selectivos/eleccion-destino
- Detalles
A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal.
A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) na tramitación do seu primeiro plan de igualdade: catro horas de formación en igualdade para as persoas encargadas de defender os dereitos do cadro de persoal, meses sen reunións, unha diagnose elaborada fóra da comisión negociadora e un intento de someter o borrador a votación sen expoñelo, debatelo nin negocialo na xuntanza do 9 de outubro. Na CIG Administración Autonómica sinalamos que a igualdade non pode quedar reducida á sinatura dun documento preparado pola empresa e a súa consultora.
A comisión negociadora, constituída por catro persoas delegadas da CIG, unha de CCOO e outra de UGT, constituíuse o 17 de outubro de 2025. Tras a reunión do 18 de marzo de 2026, non volveu reunirse até o 9 de outubro. O primeiro e único borrador do plan chegou o 11 de setembro e, apenas tres semanas despois, a empresa convocou a comisión coa intención de dar por finalizado o proceso.
Segundo as delegadas e delegados da CIG integrantes da comisión de igualdade de Seaga, no requirimento presentado, a diagnose é incompleta, non abrangue todo o censo de persoal e carece dunha valoración de postos e dun rexistro retributivo válidos que permitan sustentar unha auditoría salarial axustada á realidade da empresa. Sen coñecer e negociar as desigualdades existentes, insisten as persoas representantes do persoal, non se poden acordar medidas eficaces para corrixilas.
A documentación tampouco chegou co tempo necesario. Os borradores das actas de marzo e novas versións da diagnose e do protocolo contra o acoso remitíronse o día anterior á reunión do 9 de outubro. A CIG Administración Autonómica opúxose a aprobar as actas nesas condicións e reclamou debater o plan. Posteriormente, tivo que solicitar a rectificación da acta para que recollese integramente a súa intervención.
Despois chegaron as cancelacións: Seaga desconvocou a reunión do 16 de outubro alegando falla de tempo para estudar a documentación e as propostas sindicais da CIG. Tamén cancelou a do día 22, invocando a preparación dun proceso electoral, sen fixar unha nova data. Porén, presentar alegacións, pedir información e propoñer un protocolo fronte á violencia de xénero é exercer a participación sindical. Non pode utilizarse para responsabilizar á parte social da paralización.
A CIG Administración Autonómica exixe unha convocatoria inmediata, un calendario de negociación, toda a información necesaria e respostas motivadas ás propostas presentadas. Reclama un plan con obxectivos, recursos, persoas responsábeis e prazos verificábeis en materia de igualdade retributiva, promoción, formación, conciliación e protección fronte á discriminación e ás violencias machistas.
Cumprido un ano dende a constitución da comisión, Seaga debe deixar de adiar a negociación. A CIG Administración Autonómica mantén a súa disposición a negociar e a acudir á mediación, sen renunciar ás actuacións inspectoras ou xudiciais que procedan.
O persoal precisa igualdade efectiva, non máis demoras!
- Detalles
A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais
Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal empregado público e para reivindicarlle ao Goberno galego e ao estatal medidas para reverter este empobrecemento.
A mobilización, que estivo precedida dunha asemblea de persoas delegadas, partiu de San Lázaro e rematou cunha concentración ás portas do complexo administrativo da Xunta en San Caetano onde se reclamaron salarios dignos, garantía salarial e vivenda accesíbel e se lanzou un chamamento á secundar a folga xeral deste 11 de novembro.
Nos últimos anos os salarios do persoal empregado público acumulan unha perda do 23%, froito de anos de acordos salariais insuficientes e da ausencia de garantías que impidan que a inflación siga reducindo o valor dos nosos salarios. Poñemos especial atención nas dificultades económicas que están enfrontando as traballadoras e traballadores das categorías maioritarias na administración, como os grupos C1 e C2, e nos baixos salarios de moito persoal dos concellos, cuxas retribucións nas RPT xa quedaron por debaixo do SMI e teñen que percibir un completo a salario para chegar ao mínimo legal.
A CIG critica que os orzamentos presentados polo Goberno galego non dean resposta aos problemas do persoal para poder facer fronte ao medre imparábel da carestía da vida e facilitar o acceso á vivenda; e que o Goberno do Estado non garanta unhas bases retributivas que impidan que sigamos perdendo poder adquisitivo.
Neste senso, lamentamos que CSIF, CCOO e UGT teñan asinado ano tras ano acordos retributivos insuficientes que non garanten a capacidade adquisitiva” e “dan por boa a perda continuada dos nosos salarios.
Cláusula de revisión e medidas para facilitar o acceso á vivenda
Para reverter esta realidade, as reivindicacións máis urxentes da CIG-Administración pasan polo estabelecemento dunha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC real e blindada por lei que permita actualizar os salarios en función da evolución do custe da vida e un plan plurianual para recuperar a débeda salarial acumulada.
Xunto a isto, un plan público de vivenda en alugueiro para o persoal empregado público; medidas que faciliten o acceso á vivenda nas zonas cos prezos máis elevados; complementos ou mecanismos retributivos que teñan en conta o custe da vivenda; así como a recuperación do poder adquisitivo e a mellora real das condicións laborais.
En materia de vivenda, a Xunta de Galiza ten competencias plenas e capacidade política para impulsar solucións, polo que lle exiximos que deixe de tratar o problema da vivenda como se non tivera nada que ver coas condicións de vida de quen traballa para a Administración.
Este paquete de propostas responden a necesidades reais, porque detrás de cada nómina hai persoas e familias que teñen que facer fronte a gastos cada vez máis elevados, porque a vivenda non pode absorber unha parte cada vez maior dos salarios e porque uns servizos públicos fortes necesitan persoal valorado, con dereitos e condicións de traballo dignas.
Folga xeral por unha vida digna
A CIG seguirá defendendo os nosos dereitos, reclamando solucións e mobilizándonos até conseguir avances. Facemos un chamamento a secundar á folga xeral do vindeiro 11 de novembro e saír á rúa para reivindicar medidas que garantan unha vida digna.
- Detalles
No DOG do 30/10/2026 publican:
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e do 5 de xullo de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 129, do 7 de xullo).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de mantemento de servizos, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 221, do 21 de novembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de análises de laboratorio, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 221, do 21 de novembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de cociña, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e do 24 de xuño de 2025 (Diario Oficial de Galiza número 123, do 30 de xuño).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade de guía intérprete de patrimonio natural, as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade de patrón de embarcación, as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade de mecánico naval, as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de recursos naturais e forestais, especialidade de capataz, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 221, do 21 de novembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidade de mariñeiro vixilante, as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de recursos naturais e forestais, especialidade de oficial, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 221, do 21 de novembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de condución, as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de laboratorio, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galiza número 20, do 29 de xaneiro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de mantemento de servizos, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de cociña, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e pola Resolución do 24 de xuño de 2025 (Diario Oficial de Galiza número 123, do 30 de xuño).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala de gardas de recursos naturais, as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira na agrupación profesional, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de limpeza e cociña, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados pola Resolución do 12 de maio de 2021 (Diario Oficial de Galiza número 94, do 21 de maio), do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro), do 6 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 216, do 14 de novembro) e do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 221, do 21 de novembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira na agrupación profesional, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de recursos naturais e forestais, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro) e do 16 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galiza número 221, do 21 de novembro).
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira na agrupación profesional, subgrupo AP, escala de persoal de mantemento de servizos, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas resolucións do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galiza número 244, do 26 de decembro, e Diario Oficial de Galiza número 245, do 27 de decembro).
O prazo posesorio para o persoal aspirante que superou algún dos procesos a que se refiren estas resolucións será de quince días naturais a partir do 19 de novembro de 2026, de acordo coa Resolución do 6 de xullo de 2026 (DOG núm. 128, do 10 de xullo) pola que se declara a urxencia e se reducen os prazos nos procesos selectivos convocados pola Consellaría de Facenda e Administración Pública en que a súa elección de destino se convoque ou resolva en período estival (meses de xullo, agosto e setembro).
O cesamento deberá efectuarse o día 18 de novembro de 2026.
- Detalles
No DOG do 30/10/2026 publican:
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes técnicos en xestión ambiental.
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma Galiza, subgrupo C1.
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de cociña.
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de coidadores.
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal subalterno.
- RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo, mediante o sistema de oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.
O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao das publicacións destas convocatorias no Diario Oficial de Galiza (DOG).
- Detalles
A CIG denuncia a falta de compromiso e de vontade negociadora da Consellaría e advirte de que non vai permitir que se siga adiando unha reivindicación histórica do persoal non docente.
As expectativas xeradas pola apertura dunha vía de negociación coa Consellaría de Educación para acadar un acordo que dea resposta ás demandas do persoal non docente quedaron frustradas na primeira xuntanza. A ausencia por enfermidade do director xeral e a incapacidade do subdirector para concretar un calendario, fixar uns prazos e presentar un plan de traballo deixaron en evidencia a falta de preparación e de compromiso da Xunta cun proceso que debería ser prioritario.
Este mércores 28 de outubro tiña que ser o día. O día agardado despois de moitos anos de loita, reivindicacións e mobilizacións do persoal non docente. Porén, a Consellaría volveu demostrar que non está á altura das necesidades nin das expectativas das traballadoras e dos traballadores que sosteñen cada día o funcionamento dos centros educativos públicos.
Unha reivindicación histórica, unha loita que vén de lonxe
Cómpre lembrar que a loita pola mellora nas condicións de traballo de centros de ensino ven de lonxe. Nos anos 2007 e 2008 conseguimos negociar melloras para o persoal laboral de centros de ensino que tamén callaron e se recolleron no Convenio Colectivo, e melloras para o persoal funcionario (daquelas só o eran o persoal auxiliar e o persoal subalterno).
Máis recentemente, nestes últimos 3 anos, intentamos poñer no foco a necesidade de novos acordos (con máis forza dende que o anterior director xeral de Emprego Público declarara que despois dos acordos acadados con Política Social e SPIF tocaba o de persoal non deocente).
E así:
- Setembro de 2024. A CIG-Autonómica reitera á Consellaría de Educación a necesidade de abrir as negociacións e remite unha táboa reivindicativa coas demandas do persoal.
- Outono de 2025. Tras unha concentración diante da Consellaría, a CIG entrega máis de 1.000 sinaturas de traballadoras e traballadores que reclaman avances e respostas ás súas reivindicacións.
- Xullo de 2026. A CIG, xunto co resto das organizacións sindicais, planta a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal na negociación da RPT para esixir unha data para abordar o acordo. Daquela presión sae a data inicial do 21 de outubro.
- Setembro de 2026. A CIG solicita á Consellaría que se adiante a xuntanza e presenta un documento no que recolle os piares básicos que, ao seu xuízo, debe contemplar o futuro acordo.
-20 de outubro de 2026. A Consellaría comunica o adiamento da xuntanza por mor da enfermidade do director xeral, trasladándoa ao 28 de outubro.
Escusas de mal pagador
E chegou o día. Mais, en lugar de atopar unha Consellería preparada para negociar, a xuntanza converteuse nunha sucesión de desculpas: que as propostas sindicais eran demasiado xerais, que determinadas demandas —como as relativas ás ratios— non eran competencia exclusiva da Consellaría e, finalmente, que non se podía avanzar sen a presenza do director xeral e sen consultar previamente ás delegacións provinciais.
A enfermidade dunha persoa non pode converterse nun pretexto para paralizar unha negociación nin para deixar o persoal non docente sen respostas. Se a Consellaría tiña dúbidas sobre as propostas presentadas, o que correspondía era concretalas, achegar documentación, aclarar as competencias e fixar un calendario de traballo. Iso é negociar. O que non é aceptable é convocar as organizacións sindicais sen ter preparado un plan de traballo nin unha proposta para avanzar.
Despois de expresar o noso malestar pola falta de respecto ás organizacións sindicais e ao persoal ao que representamos, o único compromiso que conseguimos arrincar do subdirector foi a promesa de propoñer, nun prazo de dúas ou tres semanas, unha nova data, acompañada dunha orde do día e da documentación correspondente.
Un compromiso vago e insuficiente que, lonxe de ofrecer garantías, prolonga a incerteza e evidencia a ausencia dunha vontade real de avanzar con decisión.
O persoal non docente merece respecto e solucións
O acontecido confirma que a Consellaría de Educación non está á altura do persoal que traballa nos centros educativos públicos. Falamos de traballadoras e traballadores imprescindibles para o funcionamento do ensino público, que levan anos reclamando melloras e un recoñecemento efectivo do seu traballo e das súas condicións laborais.
Desde a CIG acudimos á negociación cunha actitude construtiva, con propostas concretas e coa vontade de avanzar cara a un acordo que dea resposta ás demandas do colectivo. Pero a boa fe negocial non pode confundirse con paciencia ilimitada, nin a disposición ao diálogo pode servir para xustificar novos atrasos.
O acontecido nesta primeira xuntanza foi un auténtico xerro de auga fría sobre un colectivo canso de agardar e dun inmobilismo que se prolonga desde hai anos.
A Consellaría debe ter claro que as reivindicacións do persoal non docente son xustas e que non imos renunciar a elas. Non aceptaremos que esta negociación se converta nunha nova promesa baleira nin que o acordo quede atrapado nunha sucesión interminable de adiamentos.
A CIG seguirá defendendo os dereitos e as condicións laborais do persoal non docente, impulsando as iniciativas e mobilizacións que sexan necesarias.
Non imos parar ata acadar un acordo para o persoal non docente!

- Detalles
Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos.
Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos esenciais para a cidadanía e que na súa meirande parte están en mans de empresas privadas pero pagados con fondos públicos, vemos como son as persoas traballadoras as que sosteñen estes servizos públicos co seu traballo diario e que, demasiadas veces, reciben como recompensa a incerteza, a falta de recoñecemento e decisións tomadas de costas a elas.
Tamén acontecen despedidas que se viven con alivio. Especialmente cando marcha quen, desde a súa responsabilidade política, contribuíu a empeorar as condicións de traballo, a deteriorar os servizos públicos e a ignorar sistematicamente as demandas do persoal traballador. Ou cando unha conselleira é reclamada polos dirixentes do PP de Madrid para capitanear novos barcos nas augas mesetarias. Un ascenso, din algúns; unha recompensa polos servizos prestados, poderiamos dicir nós, con toda a retranca do mundo. Porque, á vista da situación na que deixa a Consellaría, o difícil non é mellorar a súa xestión: o difícil sería empeorala aínda máis.
Esta é a herdanza que deixa Fabiola García:
Máis agresións ao persoal traballador, nun contexto no que faltan medios, protección e respostas efectivas para garantir a seguridade de quen atende a persoas en situacións de especial vulnerabilidade.
Un persoal técnico desbordado, cunha carga de traballo incompatible cunha atención individualizada e de calidade. Cunhas ratios esaxeradas e inasumibles.
Un sistema de protección ao bordo do colapso, incapaz de dar resposta adecuada ás necesidades existentes e cada vez máis dependente das prazas concertadas con entidades do terceiro sector.
Máis desprofesionalización e menos especialización, debilitando os equipos e comprometendo a calidade da atención.
Un avance continuado da privatización do sistema de protección ás persoas en situación de vulnerabilidade, abrindo cada vez máis espazo á xestión externa en detrimento do reforzo dos servizos públicos.
Un acceso colapsado aos recursos de dependencia e discapacidade, con persoas e familias condenadas a agardar por unha atención que precisan aquí e agora.
Unhas condicións laborais con xornadas abusivas, falta de medidas de conciliación e cunhas táboas salariais que non dan para a carestía de vida, a maioría está no SMI ou mesmo por debaixo.
E esta é só unha parte da factura da súa xestión. Detrás de cada dato hai profesionais precarizados, desbordados, equipos insuficientes, persoas desatendidas e familias obrigadas a soportar as consecuencias dunha política que non estivo á altura das necesidades sociais.
Pero hai algo que define aínda mellor estes anos de xestión: o desprezo polo persoal traballador
Ás carencias materiais, á sobrecarga de traballo e ao deterioro dos servizos públicos sumouse a falta de vontade política para escoitar e negociar con quen coñece de primeira man os problemas. Centos de demandas, conflitos e dificultades quedaron sen resposta. As canles de negociación permaneceron pechadas mentres o persoal seguía facendo fronte, día tras día, a unha situación cada vez máis difícil.
Porque gobernar non consiste en ocupar un despacho, facerse fotografías e anunciar compromisos que logo non se cumpren: pura propaganda. Gobernar implica asumir responsabilidades, poñer medios, escoitar as persoas traballadoras e negociar solucións. E nisto, Fabiola García deixa moito que explicar e demasiado por reparar.
Por iso, desde a CIG, a CUT e o SNEP, este bye, bye Fabiola non é unha despedida triste. É unha despedida cargada de alivio e tamén de esperanza. A esperanza de que a súa marcha poña fin a unha etapa marcada pola falta de diálogo, polo abandono do persoal e polo deterioro dun sistema público esencial para garantir dereitos. É un obxectivo acadado cando xa viñamos, mobilización tras mobilización, pedindo a súa dimisión.
E desexámosche, Fabiola, que «tanta paz leves como desfeita e desleixo para o persoal deixas».
Mais non confundamos o alivio pola marcha dunha conselleira coa solución dos problemas que deixa atrás. Cambiar a persoa que ocupa o cargo non abonda se non cambia a política que conduciu a esta situación. Os problemas seguen aí, o persoal segue soportando as súas consecuencias e as persoas usuarias seguen precisando respostas urxentes.
Por iso, tamén lle damos a benvida á nova conselleira, Ángeles Vázquez, á que lle desexamos acerto no desempeño das súas novas responsabilidades e, sobre todo, a vontade política que faltou ata agora. Recibe unha Consellaría con moito traballo pendente, conflitos sen resolver e servizos públicos que precisan medidas urxentes. Agardamos que veña cun talante diferente, con disposición real ao diálogo e coa vontade de construír, xunto coa representación social, solucións que permitan recuperar e reforzar uns servizos públicos de calidade.
Pero que ninguén se equivoque: a paciencia do persoal non é infinita, e a disposición ao diálogo non significa renunciar á reivindicación nin á mobilización. A negociación non pode ser unha operación de imaxe nin unha sucesión de reunións sen resultados. Ten que servir para resolver problemas, mellorar as condicións de traballo, reforzar os cadros de persoal e garantir unha atención digna e de calidade.
Desde a CIG, a CUT e o SNEP seguiremos defendendo os dereitos do persoal e denunciando todas as decisións que debiliten os servizos públicos. Non imos normalizar a sobrecarga de traballo, a falta de medios, a privatización nin o desprezo cara a quen sostén estes servizos co seu esforzo diario.
Nos vindeiros días volveremos remitir a petición de apertura das mesas de negociación. Esiximos que se convoquen, que se aborden os problemas reais e que se poña enriba da mesa un compromiso efectivo coa construción dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, con persoal suficiente, condicións laborais dignas, atención profesionalizada e garantías públicas de calidade.
Porque os servizos sociais non poden seguir funcionando a costa do sacrificio das persoas traballadoras. Porque a atención ás persoas non pode quedar subordinada á improvisación nin aos intereses privatizadores. E porque Galiza precisa uns servizos públicos fortes, públicos de verdade, planificados desde o país e ao servizo das necesidades da súa xente.
Fabiola marcha. Os problemas quedan. E a loita por uns servizos públicos galegos, dignos e de calidade continúa.
Nin un paso atrás na defensa dos dereitos do persoal e dos servizos públicos!
- Detalles
Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a consellería convocounos a unha xuntanza para tratar de ultimar os cambios.
Despois de que a consellería explique as últimas modificacións, dende a CIG valoramos que hai avances aínda que tamén certas demandas non foron atendidas.
- Atenden a nosa alegación de non modificar e volver á redacción orixinal do artigo 1 para non excluír ao persoal que pase a segunda actividade.
- Aceptaron a alegación referida ao descanso semanal mínimo de 60 horas e á determinar que a quenda semanal se entende como a comezada ás 00:00 horas do día no que se inicie o primeiro servizo da quenda.
- Matizan o novo artigo 2.bis introducindo unha prelación, pero non excluíndo como antes, para prestar servizos en embarcacións tripuladas por persoal de empresas privadas, dando preferencia a quen non ocupe praza de patrón ou mecánico.
- En relación ao número máximo de horas que non se poden exceder nas prolongacións de xornada pasan de 12 a 10 (nós pedíamos 8).
- No caso do número máximo de quendas nocturnas aceptan que se fixe que non se poden realizar máis de 3 consecutivas pero non reducen o número a 6 como propón a CIG e manteñen as 8 mensuais.
- Aceptan a suba da compensación do 24, 25, 31 de decembro e 1, 5 e 6 de xaneiro a 120 euros fronte aos 90 actuais.
- Actualizan a contía suplementaria do complemento específico recollida na orde polo importe actual de 746,40 euros.
- Aceptaron en case a súa totalidade a alegación da CIG referida á formación.
- Tamén aceptan que a comisión se reúna ordinariamente 2 veces ao ano e que poida facelo de xeito extraordinario a petición dunha das partes.
Hai que dicir tamén que outras alegacións non foron aceptadas.
- Non aceptan que o descanso adicional de 10 días por ano traballado pase de computarse en días naturais a hábiles, aínda que si aceptan, que no caso de postos con adaptación ou redución de xornada por conciliación, baixas, embarazo, maternidade e lactación ou permisos legais retribuídos, non se aplique a proporcionalidade e se desfruten na súa totalidade. E aceptan que se poidan desfrutar, a petición do interesado, de forma continuada, aínda que suxeita ás necesidades do servizo.
- Aínda que, como dixemos antes, reducen o número máximo de horas que non se pode exceder nas prolongacións de xornada a 10 horas mensuais, non recollen a nosa demanda de topar o semestre en 16, nin de reducir a 3 horas prolongación por quenda.
- Tamén queda sen resposta a redución proposta de 10 quendas de fins de semanas e festivos e de quendas nocturnas como máximo en cada período de 6 meses, mantendo as 16 de fin de semana e 18 nocturnas de fin de semana actuais.
- Tampouco aceptan considerar como xornadas especiais de traballo os festivos de carácter estatal e autonómico.
Gardacostas como servizo público esencial
Unha das demandas fundamentais e que non foi atendida, se ben é certo que tería que ir fóra desta orde de horarios, recollerse nunha lei e que necesita o visto e prace de Orzamentos, sería a da consideración deste Servizo como servizo público esencial a efectos de cubrir as baixas e poder facer chamamentos de persoal.
Isto solucionaría moitos dos problemas, e repercutiría na calidade do servizo que se presta, na minoración da carga de traballo, na creación de emprego e movemento das listas, na racionalización dos cuadrantes, na seguridade e saúde no traballo, etc,
Dende a CIG levamos anos insistindo que se acepte que moitas das funcións centrais deste servizo que están ligadas ao salvamento marítimo, loita contra a contaminación, etc. son en esencia propias dun servizo de emerxencia.
A consellería di que a Dirección Xeral de Orzamentos non atende esta demanda e nós pola nosa banda, solicitamos a través dunha proposta de emenda que enviamos aos grupos parlamentares, que se inclúa aos efectos antes mencionados o Servizo de Gardacostas como prioritario e servizo esencial.
Porque as consecuencias prácticas de non facelo é que Orzamentos non permite cubrir case a metade das necesidades de interinidades e substitucións cada vez que se solicitan.
ÚLTIMA MODIFICACIÓN: hoxe, día 27, a consellería envíanos un correo dicindo que aceptan a redución de 8 a 6 quendas nocturnas mensuais.


