Novas por contido

A decisión vén motivada polo apoio incondicional do dono desta rede social, o magnate Elon Musk, a Trump

A “victoria” de Donald Trump e o apoio millonario de Elon Musk á súa reelección
Donald Trump vai tomar posesión como novo presidente dos Estados Unidos de América o 20 de xaneiro de 2025, despois de gañar de novo as eleccións á Casa Branca o martes 5 de novembro, cunha victoria tan rotunda como imprevista fronte á demócrata Kamala Harris. Porén, outro “gañador” por partida dobre deses comicios é o tamén multimillonario avenado Elon Musk, un vicepresidente na sombra no segundo mandato de Trump, que se espera que estea presente nesa toma de posesión.

Seica “naceu unha estrela”...
No seu discurso de victoria electoral Trump referiuse ao seu novo aliado coa expresión de “naceu unha estrela”, mentres, cheo de euforia, Musk dicía en X que “o futuro vai ser fantástico”, acompañando o chío cunha imaxe  dun Starship despegando, entre outras moitas mensaxes.
Considerado por Donald Trump como unha gran persoa de negocios e, de paso, con grandes intereses comerciais privados que defender, vén de ser nomeado o 12 de novembro como responsábel do Departamento de Eficiencia Gobernamental-DOGE, coa misión de reducir, entre outros, o peso do persoal funcionario na administración pública estadounidense. Elon xa prometeu vantaxes fronte a Rusia e China na carreira espacial e na chegada a Marte antes de que Trump remate o seu mandato, polo que é máis que probábel que asuma responsabilidades no eido espacial —hai que ir facendo caixa…

Deus críaos e eles xúntanse!
O fundador de Tesla (fabricante de vehículos eléctricos) e dono de SpaceX (fabricante de naves espaciais e lanzadeiras, satélite de comunicacións, cuxo obxectivo é colonizar Marte), entre outras compañías, pasou de ser enimigo acérrimo de Trump a ser o seu fiel partidario, entregado ao movemento MAGA (Make America Great Again, Fagamos Grande a Norteamérica de Novo). Polo pan baila o can…!
Elon non dá puntada sen fío e “investiu”, segundo apuntan algunhas fontes, uns 200 millóns de dólares para axudar á volta de Trump á Casa Branca, nun bo exemplo de como as grandes fortunas poden influír e manipular os resultados duns comicios. Financiou, entre outros, publicidade, mitins, e discursos do vicepresidente electo James David Vance e, por suposto, empregou a fondo a rede social X para apoiar a campaña.

A alianza do mal
Elon está xa a tirar moi boa tallada dos seus investimentos electorais, e isto non acaba máis que de comezar. A chamada telefónica de Trump ao presidente ucraíno Volodymyr Zelensky o mércores 6 de novembro incluía unha sorpresiña: Elon Musk estaba tamén ao teléfono durante a chamada, unha clara mostra de até que punto chegan as influencias de Musk na segunda presidencia de Trump. Elon Musk díxolle a Zelensky que continuarían apoiándoo a través de Starlink, unha constelación de internet por satélite operada por un provedor internacional de telecomunicacións propiedade de SpaceX.

Ese mesmo día comezaban as respostas dos mercados á alianza de millonarios Trump-Mask. Unha mostra clara disto son as ganancias de Musk con Tesla, que obtivo unha revalorización do 31,1% na Bolsa en só uns días, multiplicando por 300 o investimento feito na campaña electoral de Trump.

Manipulación e propaganda a través de X
Hai dous anos Musk, a persoa máis rica do mundo, segundo a revista Forbes, mercou a exitosa rede Twitter, e ademais de mudarlle o nome a X e o dominio, dende entón veu facendo e desfacendo, segundo lle peta, as funcionalidades e configuración da rede social que o público en xeral coñecíamos até entón, desbaratándoa e converténdoa nun medio feito á súa imaxe, semellanza e necesidades de control e manipulación. Xa apuntaba maneiras nada máis facerse con Twitter, despedindo ao 50% do cadro de persoal.

Esta rede social, unida á chuvia de millóns en beneficio de Trump, foi empregada por Musk para amplificar a propaganda de Trump, contribuíndo de xeito decisivo á súa victoria e reelección.

A actividade de Musk en X foi frenética durante a xornada electoral e despois dela, e continúa nestes días poselectorais, onde segue facendo propaganda de Trump e de si mesmo, agora xa como integrante da Administración de Trump, pese ás máis que evidentes incompatibilidades.

A CIG-Autonómica deixa X
Dende a CIG-Autonómica damos por finalizada a nosa presenza nunha rede social de desinformación ao servizo da recada de votos para a reelección de Trump, a censura, a manipulación informativa, o racismo, os discursos do odio e teorías da conspiración da extrema dereita  e o enriquecemento de Elon e as súas empresas; e dun “futuro fantástico” para o fascismo.

Outras novas recentes

Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Luns, 19 Outubro 2026

Destinos e convocatoria oposicións (axen. ambientais, c2-cociña, coidador, subalterno, limpeza, e P.I. administrativo) (MSF 16/10/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Funcionario (MSF), discutimos coa Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), as bases das convocatorias de varios procesos selectivos. Na rolda aberta de intervencións, a DXEP deu información sobre a convocatoria de elección de postos de diversas escalas. Convocatoria de procesos selectivos Respecto das...