Novas por contido

A Administración da Xunta que segundo o PP "defende as familias", segue sen normalizar o permiso parental de 8 semanas, nin o retribúe nin o concede a todo o persoal que ten dereito.

O permiso parental de 8 semanas para o coidado de fillos e fillas menores de 8 anos foi introducido en xuño do 2023 no Estatuto Básico da Persoa Empregada Pública ante a obriga marcada pola Directiva (UE) 2019/1158.

Se ben polo de agora non é un permiso de ampla solicitude na nosa Administración, está claro que é un permiso moi necesario para a conciliación, no especial para o seu uso nas adaptacións e vacacións escolares. E por riba de todo, trátase dun permiso que garante a atención adecuada das crianzas achegando tranquilidade e capacidade de previsión aos pais e nais que traballan.

Denegacións do permiso parental

Aínda que este permiso está perfectamente articulado no artigo 49 g) do TREBEP e se recolle no PORTAX como un máis dos permisos, están a avisar compañeiras de que se lles denega con motivacións xenéricas como a falla de regulación, a dificultade de cobertura dunha determinada escala ou as necesidades do servizo que non xustifican.

E si, os permisos do persoal empregado público, como as vacacións ou os asuntos persoais, poden ser denegados puntualmente (pero non eliminados), polas necesidades de servizo debidamente xustificadas, sen que se poidan admitir denegacións xerais ou sistemáticas.

A denegación dos permisos de conciliación produce unha clara situación de abuso por parte da Administración xa que, ante a negativa, só queda a reclamación, e o recurso xudicial cun custo económico e temporal inasumible para a maioría. De que nos serve gañar no xulgado dentro duns anos se necesitamos agora o permiso para o coidado do noso fillo ou filla menor de 8 anos?

Si ou non retribuído?

O que non indica expresamente a normativa básica española é se o permiso parental de 8 semanas é retribuído ou non. A Xunta, no caso de autorizalo, non o retribúe.

Somos conscientes de que, aínda que a modificación do TREBEP está nun apartado onde o resto dos seus permisos SI son retribuídos, o Goberno non tiña esa intención inicialmente e leva atrasando o asunto demasiado tempo, pedíndolle prórrogas a Unión Europea e artellando agora unha modificación do TREBEP no Congreso para retribuílo so parcialmente no que, tanto Sumar como o PSOE, eméndanse a si mesmos e piden modificar o texto na tramitación parlamentaria, reducindo a retribución a catro semanas por fillo.

Os cumprimentos de directivas europeas non poden quedar nunha simple aparencia e que dous anos despois nos veñan con miudezas. Por outro lado, a Administración da Xunta de Galiza que tanto di defender as familias, tivo e ten a oportunidade de facelo, pero negouse a avanzar neste dereito. Non nos pareceu rara a resposta prepotente do daquelas director xeral de Función Pública na Mesa Xeral de Persoas Empregadas Públicas cando lle solicitamos que o incluíran na LEPG (e o pagaran) coa lei de medidas que acompañaba a lei de orzamentos do 2024, cando dixo con rotundidade que “non era retribuído e que así o persoal non o ía solicitar”.

E co tempo vemos que estaba errado e que cada vez hai máis solicitudes simplemente PORQUE É UN PERMISO NECESARIO para as familias.

A resposta xudicial

Hai sentenzas recentes que veñen a darlle a razón a persoal empregado público doutras administracións que demandaron para que se lles retribúa este permiso. O argumento fundamental do fallo é que as lexisladoras e os lexisladores tiñan que ter regulado o permiso no tempo establecido pola directiva, que era antes do 2 de agosto de 2022, e que as disposicións da Directiva (UE) 2019/1158, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional das persoas proxenitoras e coidadoras, son incondicionais, suficientemente claras e precisas e atribúen dereitos aos traballadores e traballadoras. Porén, polo de agora os fallos non causan xurisprudencia, co que non poden ser ampliados ao resto do persoal empregado público e hai que ir a presentar recursos individuais.

A postura da CIG-Autonómica está clara: que o retribúan xa e que lle paguen de oficio ás persoas que dende o 2023 tiveron que solicitalo sen retribución e deixen de amolar. E “acabou o conto”.

Se tes problemas con este permiso, ponte en contacto coa CIG, avaliaremos xuntas a situación e defenderémoste.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...
Mércores, 30 Setembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de varias escalas do subgrupo C1, C2 e da agrupación profesional

No DOG do 30/09/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escalas técnicas de mantemento...