Na Comisión de Persoal do 17 de novembro votáronse as convocatorias de procesos selectivos de promoción interna para o corpo superior A1, corpo de xestión A2, e corpo auxiliar C2 . O noso voto foi en contra das bases desas convocatorias xa que non estamos conformes coas restricións do número de prazas, de escalas nin de recualificación dos postos ou dalgún sistema que facilite a proximidade xeográfica. É inaceptable que despois de moitos anos haxa que coller as maletas a Compostela. Por último non estamos conformes co 2º exercicio do A1, nin coa proba de informática do C2, nin con limitar a antigüidade a 25 anos.
Na rolda de intervencións preguntamos pola elección de destinos do persoal veterinario publicada no DOG do 13/11/26, xa que unha vez máis non ofertan destinos que quedaron sen escoller no concurso de traslados. A resposta da DXEP, como ven sendo habitual, é que en todos os procesos ofrecen un número de destinos similar ao número de aprobados/as. Efectivamente, esta directora mantén este tipo de rutinas tan prexudiciais para os traballadores/as alegando que son cuestións organizativas propias de Función Pública.
Tamén preguntamos por datas de publicación de listas complementarias (repescas) e di a directora que dende a súa dirección xeral van pedindo aos tribunais listas de novos aprobados/as e que cando poidan irán publicando. Nada novo.
Para a elección de destinos de patrón e mecánico en gardacostas di que están seleccionando os postos. Para a resolución de adxudicación de PSX e persoal xerocultor non ten data reservada en DOG e non pode concretar data de publicación e para o concurso de informática di que están traballando no baremo provisional.
No caso das convocatorias dos procesos de funcionarización do persoal que está en excedencia noutras categorías de persoal laboral. O persoal que está en excedencia en categorías que se transformaron en corpos e escalas de persoal funcionario ten dereito a poder quedar en excedencia neses corpos ou escalas.
Pero como xa levamos dicindo dende que optaron por este modelo de funcionarización, para facelo hai que garantir que os dereitos do V Convenio se recollan nun acordo regulador e mesmo, despois de gañar no Tribunal Supremo o contencioso contra a chantaxe da funcionarización para poder cobrar a carreira, que se recoñeza ese dereito por parte de Emprego Público. De aí que non nos opoñamos a que convoquen pero que non poidamos dar o visto e prace ao non recoñecer as nosas demandas.
Vista a falta de concreción típica, pedimos calendario de todo o que queda pendente por resolver pero nega poder facilitalo.
