Novas por contido

O 1 de decembro as organizacións sindicais fomos convocadas a unha sesión extraordinaria da Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza co punto único na orde do día de Estudo do anteproxecto relativo á masa salarial do capítulo 1 do proxecto de lei de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2017. Ao comezo desta reunión a CIG solicitou o aprazamento da Mesa e unha nova convocatoria na que se nos proporcionara previamente a documentación necesaria, posto que non sabemos nin sequera cales van ser as liñas xerais da política de xestión do persoal ao servizo das administracións públicas galegas por parte da Xunta de Galiza despois de estar xa formado o “novo goberno” resultado das últimas eleccións nin tampouco temos coñecemento das intencións de cara a estes orzamentos para o ano 2017. 

A CIG expuxo como cuestión "irrenunciábel" que calquera negociación pasa por poñer enriba da mesa a recuperación de todos os dereitos laborais do persoal xunto coa recuperación do emprego público e a blindaxe dos servizos públicos. 

O único que se nos trasladou foi que as pagas extra de xuño e setembro se cobrarán completas e que comezarán a  devengar en xaneiro. Porén, no relativo a retribucións, todo queda igual que en 2016 á espera do que establezan os orzamentos xerais do Estado. Canto á taxa de reposición, anunciouse que se aplicará o máximo que permita a lei do Estado.

Ante a negativa da administración á solicitude de aprazamento da Mesa Xeral e a unha nova convocatoria, a CIG e o resto de sindicatos levantámonos da Mesa  e denunciamos que estabamos, un ano máis, ante “un paripé” no que “non hai posibilidade de negociación algunha". Ao tempo advertimos que nos reservamos o dereito a demandar á Xunta por vulnerar o dereito á negociación colectiva

Diante desta realidade á que nos abocaron durante os últimos anos aquí en Galiza e que se resume en destrución de emprego público, precarización das condicións laborais do persoal empregado público, desmantelamento dos servizos públicos e a súa consecuente desaparición ou privatización, a CIG fai as seguintes

 Propostas dirixidas a recuperar os servizos públicos en Galiza e a dignidade das persoas empregadas públicas :

  1. Emprego público

As limitacións que a lexislación básica do Estado impuxo para a reposición de vacantes ano tras ano levou a facer inviábel o mantemento de servizos públicos esenciais para moitas e moitos cidadáns. E a obrigatoriedade da eliminación de prazas vacantes non orzamentadas multiplicou a destrución de emprego.

Non é suficiente coa taxa de reposición do 100 % das vacantes producidas no ano anterior. É preciso abordar un plan de choque para recuperar, cando menos, os niveis de emprego público do ano 2009, recuperar os servizos públicos privatizados e os eliminados e ter uns cadros de persoal que permitan por unha banda ofrecer uns servizos de calidade á cidadanía e por outra banda manter unhas condicións laborais dignas.

  1. Precarización laboral nas administracións públicas.

A precarización está instalada nas administracións mediante dous sistemas básicos: a temporalidade e a degradacións das condicións laborais e económicas.

Hai, por parte dos gobernos destes últimos anos, tanto na Xunta de Galiza como no Estado Español, unha vontade de precarización sistemática do persoal ao servizo das administracións. Xustificándose na crise económica estableceuse unha política de descrédito dos servizos públicos que lle permitiu ao goberno acadar un dobre obxectivo: mermar as condicións laborais do persoal empregado público, limitando os seus dereitos e atacando a súa independencia profesional e entregar servizos públicos esenciais ao afán depredador de empresas privadas que teñen como único obxectivo a mulitiplicación dos seus beneficios económicos.

Este camiño de destrución ten que ser abandonado definitivamente. Temos que recuperar e dignificar o emprego público. E para iso hai que instaurar medidas no senso de rematar coa altísima taxa de temporalidade instalada nas administracións e acadar unhas condicións laborais, profesionais e económicas dignas.

Temporalidade

  • Plans de consolidación de emprego que permitan aproveitar o potencial de moito persoal xa experimentado e ao mesmo tempo regular a súa relación laboral, en moitos casos irregular.

  • OPE con todas as vacantes, incluídas as que necesariamente deben ser creadas para, cando menos, recuperar os niveis de emprego público do ano 2009.

Condicións laborais, profesionais e económicas

  • Restablecemento do complemento por incapacidade temporal que permita manter o 100% das retribucións

  • Aplicación do dereito á xubilación parcial a todo o persoal

  • Aplicación a todo o persoal da xornada de verán dende o 1 de xuño ate o 30 de setembro.

  • Promoción Interna: establecemento de procesos de promoción sostibles no tempo, que garantan que o persoal que acceda a distinto corpo ou escala de funcionarios por este procedemento se lle respecte a localidade de residencia e retribucións.

  • Revisión dos regulamentos e procedementos para a provisión de postos de traballo do persoal laboral e funcionario, no senso de reducir os procedementos de cobertura de xeito extraordinario (comisións de servizo, adscricións provisionais e adscricións temporais) e regulalos de xeito que permitan a transparencia e a igualdade de oportunidades, incluíndo un sistema de baremación mediante méritos obxectibábeis.

  • Establecemento como sistema ordinario de provisión do concurso permanente e aberto que garanta os principios de igualdade, mérito e capacidade.

  • Eliminación dos sistemas de provisión que non garanten estes principios: os concursos especiais.

  • Establecemento dun sistema real de carreira profesional que inclúa o desenvolvemento do previsto no EBEP respecto da creación do Grupo B, vinculandoo ao previsto no Sistema Nacional de Cualificacións e aos programas de formación para o emprego das Administracións Públicas.

  • Establecemento dun sistema de formación permanente que garanta a actualización dos coñecementos do persoal ao servizo das administracións e permita a promoción profesional

  • Incremento retributivo xeral de maneira que se restablecezan os salarios e pagas extras completas e coa súa actualización segundo o IPC resultante dende o ano 2010 até hoxe.

  • Reposición dos importes das pagas extraordinarias á situación anterior ós recortes. Consideramos unha inmoralidade a devolución fraccionada en cada campaña eleitoral da parte das pagas extras, gañada por sentenzas favorabeis ás empregadas e empregados públicos, por parte do goberno de Feijoo. Pagas extras completas xá (vella demanda da CIG, que, unha vez conquerida, volveron a nó-la quitar).

  • Fondos para a recuperación do poder adquisitivo perdido dende o ano 2010.

  • Reposición dos Fondos de Acción Social nos importes anteriores ós recortes. Restabelecerase o acordo entre a Xunta e as organizacións sindicais para que se destine o 1% da masa salarial do Capítulo I dos orzamentos da Xunta de Galiza ao Fondo de Acción Social.

Temos que facer mención aparte da utilización por parte das distintas administracións dun sistema específico de precarización do persoal ao seu servizo: a utilización da denominada administración paralela ou administración instrumental para manter o seu persoal nunhas condicións laborais e económicas en moitos casos denigrantes. Dentro das administracións hai entes, consorcios ou empresas públicas que non teñen convenio colectivo propio nin se lles aplica o da administración da que dependen. As relacións laborais dentro desta parte da administración regúlanse polo Estatuto dos Traballadores, permitindo salarios e condicións laborais moito por baixo do resto do persoal. Iso si, á hora dos recortes salariais estes si lles son de aplicación.

É preciso unha norma básica que determine que o persoal da administración instrumental ten que ter as mesmas condicións que o resto do persoal. Aplicación a este persoal da normativa que regula as relacións laborais da administración da que dependen.

Para evitar situacións de discriminación entre persoal ao servizo da administración galega a normativa que restitúa dereitos ten que ser de aplicación directa a todas as administracións e a todas as persoas empregadas públicas

E para respectar tanto a autonomía organizativa das distintas administracións públicas como o exercicio das súas competencias tanto as disposicións da lexislación do estado e as autonómicas, que teñan carácter de normas básicas deberán ter sempre o carácter de mínimas.

Non existe unha política pública sobre o uso do galego nas administración públicas. Hai que implantar unha política que normalice e garanta o dereito ao uso do noso idioma nas administracións públicas da Galiza.

 

Outras novas recentes

Mércores, 25 Xuño 2025

Concurso persoal veterinario e persoal de laboratorios, mantemento, condución, cociña, capataz, mecánico naval, patrón, guía patrimonio n...

Onte, día 24 de xuño foi a Mesa Sectorial de Funcionarios dous concursos no que se trataou o Concurso de Persoal Veterinario e o Concurso de persoal de laboratorios, mantemento, condución, cociña, capataz, mecánico naval, patrón, guía patrimonio natural, mariñeiro-vixiante, limpeza, subalterno. Tamén se nos aportou información importante sobre o concurso de "escalas...
Mércores, 25 Xuño 2025

Monte e rural galego, razóns de vida para a prevención de riscos. Quique Casanova in memoriam (26/06/2025)

Xornada técnica de incendios organizada pola CIG-Autonómica de Lugo, in memoriam de Quique Casanova, prezado compañeiro falecido nun incendio forestal.  A xornada terá lugar o xoves 26 de xuño de 2025 no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo. Dará comezo ás 9.30 h, e a súa clausura está prevista para as 14.30 h. O aforo é libre, previa inscrición no enderezo
Mércores, 25 Xuño 2025

Cursos AFD en centros de ensino públicos. Máis carga de traballo sen compensacións!

O persoal non docente nos centros de ensino ve incrementada de novo a súa carga de traballo sen contraprestacións. No marco do acordo de colaboración entre a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración, ofértanse as accións formativas do Plan Formativo para o emprego (cursos AFD).Na Orde do 1 de...