Novas por contido

O tribunal de selección do corpo administrativo-C1-promoción interna, da Oferta de Emprego do 2012 publicou o pasado venres 10 de marzo a Resolución pola que fan pública a puntuación provisional da baremación da fase de concurso. Na puntuación recoñecida para a base II.3.1.1.b), “Grao persoal consolidado e formalizado” podemos observar como hai 10 persoas con puntuación “0”, cando as bases comezan puntuando con 3 puntos o grao mínimo do grupo C2. O motivo dos “0” puntos é que para ter o grao “formalizado” o funcionario ou funcionaria ten que facer unha solicitude expresa a Función Pública e que esta recoñeza por escrito o grao que de feito o funcionario xa ten “consolidado” e polo que xa está a recibir as retribucións, estando os datos en poder da propia Función Pública.

Este é un problema que aparece no proceso de promoción interna a C1, pero que se repetirá nos demais procesos, con consecuencias desastrosas para xente que vai quedar fora en beneficio doutras que entrarán.

Certo que todos e todas participan no proceso baixo as mesmas bases, que o que é un requisito para uns tamén é para outros, e que se obteñen praza uns deixan de obtela outros. Pero en todo caso comprendemos ás persoas que xa contaban con obter praza por sacar unha boa puntuación na fase de oposición e agora van quedar fora ou retroceder postos na orde de prelación ao perder tres puntos na fase de concurso.

Cando o 14 de xullo do ano 2014 a CIG presentou as alegacións a estes procesos selectivos de promoción interna, alegabamos:

"Grao persoal consolidado: en aras do recollido na Lei 30/1992, non ten sentido pedirlle á persoa interesada a certificación de datos que xa obran en poder da Administración. Por outra banda, o feito de actuar de oficio, fai máis eficiente a realización desta parte do procedemento o diminuír o volume de papel. Xa que logo, solicitamos a retirada do epígrafe "formalizado".

É dicir, que a CIG solicitou no seu día que a Dirección Xeral de Función Pública, ao estar en posesión dos datos do grao consolidado de todo o seu persoal funcionario, aplicase de oficio a puntuación correspondente sen máis esixencia de documentación. Función Pública non aceptou, e agora veñen consecuencias.

Outras novas recentes

Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Mércores, 21 Outubro 2026

A loita polas condicións laborais do Persoal Non Docente dos centros de ensino

Logo de anos de loita semella que comeza a verse algo de luz ao final do túnel, estamos expectantes ante a reunión que nos agarda. Creemos que é fundamental unha regularización e actualización das funcións así como dotar dunha estrutura organizativa departamental encamiñada á profesionalización, acorde coas novas realidades técnicas  e  que dea resposta ás necesidades...
Martes, 27 Outubro 2026

A Xunta pretende pechar en falso a negociación do persoal lingüista (grupo I-40) após dous meses sen facilitar os datos básicos

A CIG denuncia que a Consellaría de Cultura convoca a terceira mesa de negociación sen achegar a información sobre cargas de traballo, necesidades de persoal e externalizacións, nin ofrecer garantías contra a precariedade, a desregulación e as desigualdades salariais.  O 20 de outubro, Casares, deputado do PP, anunciaba no Pleno do Parlamento un principio de acordo, acadado...