Novas por contido

Convocadas as organizacións sindicais pola subdirección coa seguinte convocatoria na orde do día: "Configuración das escalas do Spdcif e desenvolvemento dos procesos de adaptación necesarios para a provisión dos postos mediante persoal funcionario".

DE TODO O QUE PROPOÑÍA NA ORDE DO DÍA, DENDE A SUBDIRECCIÓN SO SE LEVABA PREPARADO ISO, O TÍTULO DA ORDE DO DÍA.

Abre a reunión o subdirector de persoal presentando esta a modo de declaración de intencións, onde logo de non aportar ningunha novidade sobre o proceso convida as organizacións a que expoñan o seu parecer sobre o proceso. Dende a CIG amosamos a nosa queixa polo sinsentido desta maneira de facer.

Xa fai uns meses tiveramos unha xuntanza coa mesma orde do día, sen chegar a acordo xa que dende a Xunta apenas se nos ofrece información ou un plan arredor da proposta de funcionarización, e agora voltan convocar outra reunión para apenas aportar nada novo sobre o tema.

Dende a subdirección de persoal comunícasenos que apenas teñen marxe de manobra na maioría das cuestións referentes a funcionarización, ao noso entender na maioría de cuestións que preocupan os/as traballadores/as do Spdcif – de aí que nos sorprenda que a estas xuntanzas non asista Función pública- , so podendo ofertar nese aspecto "inventariar" a modo de foto cal é o perfil curricular dos traballadores e traballadoras do Spdcif.

Esta cuestión xa fora desbotada pola CIG no pasado mes de marzo cando así se propuxera dende a Subdirección xeral de persoal por unha sinxela razón: non se pode comezar a casa polo tellado.

  • NON existe unha proposta minimamente seria arredor da funcionarización.
  • NON houbo a máis mínima negociación.
  • NON sabemos o que vai a pasar co persoal Fixo descontinuo.
  • NON temos coñecemento de como serán os procesos.

Un sen fin de dúbidas que dende a Subdirección de persoal, non saben, non contestan....

Dado o cinguido das propostas, ao non poder resolver nesta mesa a maioría de demandas que temos, manifestamos que do que alí se nos propón e que poidamos abordar, se garanta a carreira profesional coa creación dos corpos axeitados para as diferentes categorías do Spdcif, feito que a día de hoxe non acontece.

Acadamos entre todos/as o compromiso de enviar de novo as propostas que sobre o proceso teñen as organizacións sindicais para logo dar traslado dende a subdirección de persoal a función pública de cara a facer proposta deica a nova lei de medidas do vindeiro ano.

Dende a CIG insistimos, por enésima vez, en que os procesos selectivos previos a calquera funcionarización, sexan como laborais, asumindo os compromisos acadados no pasado tanto nas OPEs como no asinado o día 8 de setembro do 2016 no acordo de Bombeiros forestais.

Demostrado está a día de hoxe, que a funcionarización non conta máis mínima planificación, polo cal estamos a tempo de todo e máis.
Comezariamos logo por dar solución á elevadísima porcentaxe de persoal temporal -que non para de medrar cada ano que pasa- , cumprindo os compromisos asinados, cumprindo co convenio colectivo e logo unha vez axeitado comezar calquera proceso que se teña que abordar cunha mesa e un decreto de funcionarización, con vistas no medio prazo e que resolva todas as eivas e dúbidas xurdidas arredor desta " entelequia".

Xa que estabamos alí, aproveitamos para facer chegar as nosas demandas en relación a outros incumprimentos do acordo de Bombeiros forestais que, logo de dous anos, entendemos que non deben agardar unha semana máis:

1. Esiximos por enésima vez, a modificación da RPT, onde se inclúan as categorías profesionais recollidas no acordo de Bombeiros forestais, determinantes para reforzar a seguridade xurídica na aplicación de diversos dereitos inherentes a esta como enfermidades profesionais, fundamentais nun colectivo con tanta carga de traballo e cunha idade media tan elevada. Lembramos que a día de hoxe, as xefaturas territoriais encádrannos en profesións que a certos efectos nin existen, xa que seguen anquilosadas nun pasado que sequera seguridade social recoñece.

2. Adecuación dos grupos de cotización dos Bombeiros forestais ao grupo que lles corresponde.

Tamén seguimos insistindo en que se coloque aos Bombeiros forestais no grupo de cotización que lle corresponde. A día de hoxe a maioría está encadradas no grupo de cotización 10 (traballadores maiores de 18 anos non cualificados) sendo a única comunidade autónoma que ten aos seus bombeiros forestais nestes grupo non axeitado.

O grupo de cotización axeitado sería o 8 (oficiais de primeira e de segunda) debido ao grao de especialización e cualificación que intrinsecamente ten a profesión de Bombeiro Forestal.

3. Esiximos á Subdirección de Persoal que informe ás diferentes xefaturas provinciais e de distrito que apliquen o acordo de Bombeiros forestais, en canto o recoñecemento das categorías, para que o apliquen nos certificados de servizos prestados e/ou calquera outro tipo de certificado ou documento que expidan, incluídos por suposto os partes de atención por accidente ou consulta nas mutuas.

INSTRUCIÓNS PARA A PROVISIÓN TEMPORAL NOS POSTOS DA CONSELLERÍA

Achégasenos documento sobre como vai aplicar Medio Rural aos criterios para as concesións da adscricións temporais e superior categoría na Consellería. Dado que é una asunto de interpretación do convenio, pedimos que se leve ao Intercentros xa que é o órgano que debe tratar estas cuestións de interpretación.

Dende a Subdirección xeral dinnos que non teñen pensado levalo, polo que advertimos que certas cuestións que aquí se tratan, e que non están acordes co que estritamente recolle o convenio poidan dar lugar a futuros problemas. 

Dende a mesa, comunícannos que non o van a mudar, e que van aplicar estas instrucións que entendemos non van a ter máis percorrido en canto a oficialización, como publicación e demais.

A CIG nestes termos, non está de acordo.

TEMPO DE TRABALLO PARA O PERSOAL DE REFORZO DE VERÁN

Continuamos aquí co “xogo de trileros" iniciado xa fai tempo pola Xunta arredor desta cuestión.

O Subdirector de persoal afirma que van a ser catro meses de contrato, pero que a día de hoxe están tendo problemas para aplicalo, polo que dende a CIG, namentres non exista documento que o acredite, non podemos aseverar que este cuarto mes de traballo a día de hoxe estea confirmado, tal e como logo fomos constatando nas diferentes xefaturas provinciais.

Dende a Cig convidamos á Consellería do Medio rural confirme ou desminta de maneira oficial e por escrito si vai haber ou non esta ampliación e en que termos e condicións se fará.

Outras novas recentes

Luns, 16 Febreiro 2026

Concursos de estatística e persoal experto lingüista (CP 13/02/2026)

A Xunta decide mudar o modelo de baremo dos concursos, eliminando o tempo de permanencia no posto e suprimindo o achegamento ao domicilio das fillas, fillos e dependentes, limitándoa só ao achegamento á persoa cónxuxe. O venres pasado, 13 de febreiro, tratamos en Comisión de Persoal o concurso de traslados de estatística e o de persoal experto lingüista, ademais de varias...
Mércores, 18 Febreiro 2026

Listas de substitucións do Servizo de Prevención de Incendios Forestais: convocatoria para realizar as probas físicas

No DOG do 18/02/2026 publican a RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan para realizar as probas físicas as persoas aspirantes integrantes das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas categorías e escalas e especialidades da Administración da Comunidade...
Xoves, 19 Febreiro 2026

Convocatorias de concursos de traslados: expertas lingüístas e escala técnica de estatística

No DOG do 19/02/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se convoca o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, escala de expertos/as...