Novas por contido

O venres 14 as 14:00h foi a Mesa Xeral de Empregados Públicos, e a única xuntanza que houbo e vai haber para tratar este asunto. Foi convocada o martes 11, con cambios constantes de documentación ata o día 14.

Aínda así e ante a gravidade desta regulación que vai a afectar a preto de 30.000 empregados públicos autonómicos, a CIG-Autonómica, vén de presentar alegacións ao documento do anteproxecto de Decreto da carreira administrativa e da avaliación do desempeño. Reiteramos e denunciamos que neste proceso “exprés” a Administración incumpriu, unha vez máis, os principios básicos de boa fe negociadora. E que este modo de proceder evidencia que non existe vontade real de negociar, senón de impor un modelo que incrementa o control xerárquico sobre o persoal e condiciona dereitos básicos como a carreira profesional, a mobilidade e incluso o salario futuro.

Porque temos claro que o texto presentado pola Xunta non busca mellorar servizos nin organización: busca controlar ao persoal se non o negociarían buscando o acordo, xa que se trata de materia obrigada segundo o artigo 37 do EBEP.

Explicámosche polo miúdo as cuestións máis lesivas. O texto completo (descargar) e as alegacións da CIG aquí:

Unha carreira lenta e que segue sendo discrecional

O texto da Xunta mantén un modelo:

• Dependente de convocatorias e prazos marcados unilateralmente pola Administración. Non garante que unha vez accedas ao grao o cobro sexa ao 100%, incluso a administración pode volver fixar “cómodos” prazos nas súas convocatorias.

• Con períodos de permanencia abusivos (5+6+6+7 anos) e que ademais o seu número quédase curto para unha vida profesional medio-longa (complétase en 24 anos). Necesítanse máis graos.

• Que obriga a superar avaliacións do desempeño arbitrarias e mal definidas, sen garantías e sen permitir unha soa avaliación negativa.

• Que exclúe a colectivos de empregados públicos de entes ou axencias a pesar de que o persoal con contratos de alta dirección si que vai poder acceder a carreira. Ten que aplicarse de xeito subsidiario a todo o persoal mentres non teñan unha carreira propia.


A CIG reclama un sistema automático, como no caso dos trienios, no que os graos se recoñezan no momento en que o persoal cumpra os requisitos, sen solicitudes, sen convocatorias e que se asegure que non vai ter tramos porcentuais e cunha avaliación do desempeño obxectiva. Só así se evita que a carreira profesional se converta nun instrumento de chantaxe ou recompensa discrecional.

Avaliación do desempeño: un sistema punitivo, arbitrario e pensado para someter ao persoal

A avaliación proposta pola Xunta non é unha ferramenta de mellora, senón un mecanismo de control xerárquico que pode condicionar a carreira profesional, a mobilidade e o salario.

O texto introduce criterios vagos como “compromiso”, “implicación” ou “conduta profesional”, sen definición nin modo de medición. Isto deixa a valoración á libre interpretación das xefaturas, abre a porta a favoritismos e penaliza a quen exerce dereitos ou é diferente. As persoas con IT, permisos de conciliación, diversidade funcional ou cos postos adaptados por razón de saúde vano ter aínda máis difícil e tamén os seus compañeiros/as.

Dependencia absoluta das xefaturas

As xefaturas deciden os obxectivos colectivos, obxectivos individuais, a valoración das competencias e a identificación das circunstancias excepcionais polas que non sería necesaria a avaliación dunha persoa ou dun determinado grupo de traballadores/as.

1. Obxectivos colectivos (30% da avaliación)

O rendemento individual depende do que faga ou deixe de facer toda a unidade.


• Penaliza persoas con IT, embarazo, discapacidade, tarefas sindicais ou discriminadas dentro das unidades.

• Permite que unha xefatura poida “afogar” a avaliación dunha persoa simplemente poñendo obxectivos inalcanzables ou non substituíndo baixas na unidade.

• O persoal pode suspender aínda cumprindo o seu traballo.

• Quen sufra prácticas de exclusión interna (non asignación de tarefas, non inclusión en grupos de comunicación, etc.) queda automaticamente prexudicado.

• A xefatura pode “afundir” a avaliación dunha unidade só por fixar obxectivos inalcanzables ou non cubrir baixas.

2. Obxectivos individuais mal definidos


O artigo 25 introduce termos completamente vagos: “conduta profesional”, “grao de compromiso”,“implicación” pero faino sen definir métodos de medición que permiten:

• Avaliacións baseadas en simpatías ou afinidades.

• Discriminación por afinidade política, sindical, ideolóxica ou persoal (que o texto prohibe, pero co sistema deseñado non o evita).

3. Enquisas de competencias individuais (20%)


Realízanse mediante enquisas sobre “comportamentos” como “responsabilidade”, “harmonía social”, “constancia” ou “honestidade”. É imposible garantir obxectividade nese tipo de valoracións.

Un aprobado imposto do 6 sobre 10

A esixencia dun mínimo de 6 puntos, combinada coa ponderación excesiva dos obxectivos colectivos e a subxectividade das competencias individuais, vai facer que sexa practicamente imposible superar a avaliación en moitas unidades.

Sen garantías reais: procedemento de revisión insuficiente

O prazo para reclamar avaliacións negativas é mínimo e o procedemento carece de órganos paritarios con participación da representación do persoal que garantan unha defensa efectiva. O silencio non é positivo e coa saturación do órgano de revisión podes quedar sen carreira.


PROPOSTAS DA CIG PARA UN SISTEMA POSITIVO, AUTOMÁTICO E NEGOCIADO

Carreira profesional aberta, automática e consolidable, sen prazos nin convocatorias.

Reconducir a avaliación do desempeño a unha ferramenta útil e motivadora, orientativa e positiva e non disciplinaria.

Igualdade retributiva entre subgrupos: para que non se incremente a fenda salarial entre subgrupos, necesitase subir a contía dos grupos inferiores.

Formación accesible e sen mínimo de horas: a formación debe ser accesible a todo o persoal que a solicite xa que os puntos esixidos superan en moito a oferta formativa da EGAP por traballador/ano.

Exclusión do persoal con contratos de alta dirección. O persoal que ostenta a condición de funcionario e pasa a ter un contrato de alta dirección entra en situación de excedencia por prestación de servizos no sector público polo que non devengarán retribucións.

Garantías plenas e transparencia en todo o proceso, con comisións paritarias e control da representación dos traballadores nas materias ou obxectivos avaliables.

Sistema universal para todo tipo de vínculo (temporal, interino, laboral ou funcionario de carreira) e que valore o tempo traballado noutras administracións.

Período experimental dun ano sen efectos punitivos mentres non este garantida a sua correcta aplicación.

Negociación real, sen chantaxes e partindo de cero, con participación de todas as organizacións sindicais sen recorrer a “pactos de despachos” ou negociacións paralelas con algúns sindicatos.

Outras novas recentes

Luns, 20 Xullo 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo de educación infantil e auxiliar coidadores

No DOG do 20/07/2026 publican a RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos,...
Venres, 17 Xullo 2026

Datas dos concursos de traslados e procesos selectivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do xoves 16, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) deu información actualizada das previsións das datas de toma de posesión dalgúns concursos de traslados e procesos selectivos. Indica a DXEP que debido ás incidencias técnicas das últimas semanas, tiveron que ampliar os prazos (como foi en corpos xerais ou escalas sociosanitarias) para...
Mércores, 15 Xullo 2026

Concurso Específico de persoal técnico de Medio Rural: a crónica dun concurso á carta

O martes 14 de xullo, discutimos con Medio Rural a súa proposta de Concurso Específico para os postos de xefaturas de distrito forestal. Constatouse unha máxima da moi rica e variada gastronomía galega: igual que temos caldo de repolo, de nabizas ou de grelos coas miles de variantes comarcais e incluso familiares, a Xunta pretende emulala nos concursos específicos.  O...