Máis que CIG-Autonómica

A CIG critica a urxencia coa que o Goberno de Feijoo tramita o Proxecto de Lei, que se debaterá no Parlamento o vindeiro martes


O persoal dos servizos públicos de Galiza saíu á rúa, una vez máis, para rexeitar, xunto a moreas de galegos e galegas, o Proxecto de Lei de Medidas no Emprego público da Xunta de Galiza e en defensa do servizos públicos. E saíu á rúa, no solpor deste xoves porque, tal e como se recolle no manifesto ao que deron lectura ao remate, dos servizos públicos “dependen a gratuidade, a calidade e a universalidade da educación, da sanidade e uns servizos sociais que atendan ás persoas e desenvolvan a lei de dependencia”.


Nas concentracións e manifestacións, que se repetiron nas sete cidades galegas e no Barco de Valdeorras, denunciaron que este proxecto de lei supón un servero retroceso nos dereitos laborais e sociais do persoal do sector público, que é lesivo para o propio sector, provocará a destrución de emprego  e afectará á calidade dos servizos.

Así mesmo, a CIG critica tamén a urxencia coa que o Goberno do PP está tramitando o Proxecto de Lei, xa que vulnera a lexislación que obriga á Xunta a someter este tipo de decisións ao ditame do Consello Económico e Social. Ademais, a tramitación parlamentar farase o vindeiro martes, 28 de febreiro, por lectura única, minimizando así os prazos para presentar emendas por parte dos grupos políticos e, polo tanto, a posíbel modificación do texto. Coincidindo co debate no Parlamento do Proxecto de Lei, as organizacións sindicais teñen convocada unha nova concentración diante do Pazo do Hórreo.

O persoal do sector público considera que é inadmisíbel facer recaer o custo da crise sobre as traballadoras e traballadores, que xa sufriron, nos tres últimos anos, unha diminución do seu salario real do 13% e una importante perda de dereitos, alén dunha moi baixa taxa de reposición e una redución do emprego público, pola vía das interinidades e substitucións.

Entenden que as medidas presentadas supoñen un novo erro nas políticas adoptadas para saír da crise e só terán efectos negativos, tanto sobre o conxunto da actividade económica, retraendo o consumo e o poder adquisitivo dunha parte da poboación, como sobre os servizos públicos, reducindo o persoal e, polo tanto, a calidade dos servizos que se prestan.

Consideramos as medidas propostas como un acto demagóxico para xustificar a política de recortes nos servizos públicos, practicada por este goberno, mentres que o gasto público e o malgasto se dispara en asesores políticos, asistencias técnicas e gastos suntuarios, sen que este goberno adopte medidas correctoras”. Fronte a isto, denuncian que non se toman medidas contra a fraude fiscal, nin se aplica una política fiscal progresiva que grave máis ás rendas de capital e que pague máis o que máis ten.

Do mesmo xeito, lembran que desde hai tres anos o goberno galego vén reincidindo no recorte do gasto público como única vía de reducir o déficit público, sen que isto se traduza nunha recuperación da actividade económica. “Non se pode seguir incidindo nas políticas de recorte de gastos. Galiza ten marxe de competencias para actuar en materia fiscal e obter máis ingresos para diminuír o déficit e non continuar desmantelando o Sector Público e recortando dereitos laborais e salariais dos seus empregados e empregadas”.

Ademais, entenden que son medidas discrecionais que quedan, en moitos casos, ao arbitrio da administración e provocan desigualdades entre os diferentes colectivos, alertando de que non todas supoñen unha suspensión temporal de normas ou preceptos, senón que introducen cambios estruturais baixo a aparencia de medidas conxunturais. “Consideramos discriminatorio que o persoal interino ou temporal poida ver reducida nun terzo a súa xornada e retribucións, mentres o seu traballo pode ser feito por empresas privadas”.

Denuncian que o obxectivo real é a redución de emprego público e advirten que vulnera o dereito á negociación colectiva na Administración Galega e no sector público autonómico, derrogando convenios e modificando unilateralmente o V Convenio Colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galiza.

Reduce o salario, xa que recorta prestacións sociais que son salario diferido”, afirman, engadindo que, “non garanten que non poidan vir novos recortes dos Orzamentos Xerais do Estado”.

Galería de imaxes