Máis que CIG-Autonómica

Primeiro de Maio: pola defensa do emprego, os dereitos e as prestacións sociais

A CIG vai desenvolver o vindeiro 1 de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, unha campaña de manifestacións por todo o País, continuando as mobilizacións que nos últimos meses a central veu desenvolvendo para reclamar que a crise a pague o capital. Este ano o lema das manifestacións será “Emprego, Dereitos e Prestacións Sociais” reivindicacións históricas que cobran especial importancia nestes tempos de crise non só económica, senón tamén de sistema.

A intensidade coa que se está a desenvolver a crise do capitalismo, está provocando de xeito acelerado a destrución de miles de emprego en Galiza. As empresas aproveitan a  caída da actividade para impoñer despedimentos baratos do persoal con contratos fixos por  medio de ERE. Non debemos esquecer as cifras do paro dos últimos meses, que superan xa os 200.000 desempregados/as no País, a falla de cobertura das prestacións sociais, a presentación diaria de expedientes de regulación ou a paralización interesada da negociación dos convenios colectivos por parte da patronal.

Mentres a CEOE e institucións públicas como o Banco de España reclaman reformas estruturais na lexislación laboral destinadas a recortar os dereitos dos traballadores/as, a  diminución do poder adquisitivo e recortes nas coberturas e prestacións sociais. A clase traballadora ten que achegar unha resposta contundente que obrigue a tomar medidas extraordinarias de alcance político.

Medidas do goberno: na liña de sempre

Pero cales son as respostas do Goberno á crise? As medidas recollidas no Real Decreto van polo camiño habitual: favorecer ao capital. A novidade máis salientábel das propostas do executivo de Zapatero atópase nunha curiosa fórmula para incentivar a contratación: que o traballador/a cubra os gastos á seguridade social coas prestacións ou subsidios. Segundo se recolle na medida até ao 31 de decembro de 2009, a contratación indefinida de traballadores/as desempregados/as beneficiarios de prestacións ou subsidios por desemprego ou da renda activa de inserción (RAI) vai dar dereito á bonificación de 100% da cota empresarial á Seguranza Social.

Deste xeito estase creando unha clara discriminación entre aqueles traballadores/as que gozan de prestacións e os que xa as esgotaron ou non xeraron dereito a recibir subsidio.

“Estamos ante a medida máis desafortunada das incluídas no Real Decreto-Lei, pois lanza os desempregados a unha competición desigual polo emprego, na cal serán máis «atractivos» para as empresas os traballadores cunha prestación pendente máis elevada (que permiten bonificar unha maior cota, reducindo o seu custo salarial) fronte a aqueles que teñen menor prestación pendente ou non son perceptores de prestación ningunha”, explica o avogado da CIG, Héctor López, nun informe.

Reivindicacións máis necesarias

Dende a CIG, o vindeiro Primeiro de Maio continuarase a reclamar a reactivación da economía coa creación dunha banca Pública, tamén en Galiza, que non permita o estrangulamento do sistema produtivo; a protección dos desempregados/as e daqueles/as que xa non teñen ingresos por medio dun salario de reinserción laboral; unha fiscalidade progresiva na que paguen máis os máis ricos, ampliar os sistemas de protección social básicos (saúde, pensións, atención a situacións de dependencia e discriminación, etc, ); o desenvolvemento de infraestruturas e actividades económicas que se baseen  na protección do medio ambiente e potenciar a soberanía alimentar..., é dicir, avanzar cara a un novo modelo económico e social, que comprometa a soberanía do pobo galego e o socialismo do século XXI.

Sobran as razóns para participar o vindeiro 1 de Maio nas manifestación convocadas pola CIG en todo o País.

MANIFESTACIÓNS PREVISTAS NAS DISTINTAS COMARCAS

  • VIGO: ás 12:00 con saída dende a Doblada.
  • A CORUÑA: ás 12:00 horas dende a Praza de Vigo.
  • COMPOSTELA: ás 12:30 horas dende a Praza Roxa.
  • FERROL: ás 12:00 horas con saída na Avenida do Esteiro.
  • A MARIÑA: ás 12:30 horas dende a Praza do Conde de Fontao (FOZ).
  • LUGO: ás 12:00 horas dende a Ronda da Muralla
  • OURENSE: ás 12:00 horas dende o Pavillón dos Remedios.
  • PONTEVEDRA: ás 12:00 horas dende a Praza da Ferrería.

Outras novas recentes

Mércores, 20 Setembro 2023

Actualización das axudas de custe de quilometraxe e xantar

Na nosa Administración temos postos itinerantes, postos con xornadas especiais e alongadas, e moitas outras situacións de traballo nas que se require traslado en coche propio, xantar e mesmo durmir fóra. En todos os casos, as cantidades indemnizadas levan 18 anos sen actualizarse (30/12/2005). Na CIG levamos solicitado, tanto no marco estatal como no autonómico, a...
Venres, 15 Setembro 2023

A EGAP, incapaz de aplicar os propios criterios que adopta no 2023, adíaos para 2024

Perpetúa deste xeito a discriminación existente cara ao persoal cun vínculo temporal, que seguirá con menos posibilidades de acceso á formación até entrado 2024.  A EGAP enviou ao DOG  tan só uns días despois do último consello reitor unha corrección da Resolución da EGAP 10 de maio (DOG do 23 de maio de 2023 - novas condicións de participación na formación). Con esta...
Martes, 19 Setembro 2023

Resumo da xuntanza co DXFP por múltiples asuntos (14 e 15/09/23)

Asistimos a xuntanzas co director xeral de Funcion Pública (DXFP) os días 14 e 15 de setembro, para falarmos de múltiples asuntos que poderían ser do teu interese. Negociación de procesos selectivos (e promoción interna) Queixámonos porque de acceso libre xa se examinaron e sería de sentido común que tomaran posesión a P.I. antes que o acceso libre. Ademais en decembro...