O forGA vén de lanzar a nova Oferta Formativa Subvencionada (Intersectorial) de cursos da convocatoria 2012-2013.
Os cursos da plano Intersectorial están dirixidos preferentemente a traballadores e traballadoras en activo de todos os sectores produtivos, aínda que tamen existe un cupo de prazas que poden ser destinadas a traballadores e traballadoras en situación de desemprego. Do mesmo xeito, cabe a posibilidade de que un reducido número de prazas poidan ser dirixidas a traballadores e traballadoras da Área Pública.
A Consellería de Traballo e Benestar, como entidade subvencionadora, xunto co Goberno do Estado, nun ano tan difícil para o emprego como o 2012, reduciron os orzamentos destinados á formación nunha porcentaxe aproximada do 75% a respeito da dotación de 2011.
Esta circunstancia fai que as entidades impartidoras de formación, entre elas a propia forGA, non poidan impartir nesta convocatoria grande parte das accións formativas que se viñan realizando en anos precedentes, reflectíndose claramente na Previsión de datas e lugares de execución dos cursos que a forGA se viu obrigada a programar para a presente convocatoria 2012-2013.
A forGA aposta firmemente pola Formación para o Emprego e, a través da súa Oferta Xenérica, recolle os intereses formativos dos usuarios e usuarias da plataforma www.forga.org, e axusta a planificación de cada convocatoria ás súas necesidades formativas dentro dos parámetros orzamentarios concedidos pola entidade subvencionadora.
Por todo isto, animámoste a que consultes a Previsión de datas e lugares de impartición dos cursos subvencionados (plano Intersectorial) e te preinscribas naqueles cursos que che resulten de interese, tanto para solicitalos nesta convocatoria (no caso de que estean programados), como para facer constar o teu interese en que sexan incluídos en próximas convocatorias.