Acusan os gobernos do PP de privatizar o público e laminar a universalidade desacreditando o seu labor
Ademais serve de escusa perfecta para dende o descrédito aos empregados públicos e aos principios de solidariedade fiscal que permiten o funcionamento das administracións e a universalidade dos servizos esenciais, subtraer recursos dos mesmos, xustamente cando, a situación castiga co paro e a exclusión social a miles de familias galegas, e a resposta esixe reforzalos e así garantir as coberturas sociais, o obrigado amparo do Estado e do Goberno Galego e a atención igualitaria, solidaria e universal, para toda a cidadanía.
Diante disto, as organizacións asinantes, que abarcamos a totalidade de colectivos no ámbito dos servizos públicos, queremos subliñar:
1. A nosa denuncia de ambos Gobernos de privatizar o público, eliminando as prestacións básicas, ensino, saúde e protección á dependencia, dos criterios de equidade e universalidade, e entregando como negocio ao sector privado a súa prestación.
2. O permanente descrédito aos que se somete aos empregados públicos, non so procura argumentar no sentido anterior, senón que serve de referencia para traballadores e traballadoras doutros sectores laborais, para diminuír máis se cabe os seus dereitos laborais e procurar argumentacións de desregulamentos laborais.
3. As empregadas e empregados públicos garantimos os dereitos aos cidadáns e cidadás e por eles temos que loitar, pola nosa dignidade e profesionalidade. Desenvolvemos o estado do benestar, a xustiza social, os dereitos e avances democráticos e os servizos públicos. Atendemos nos hospitais; garantimos a seguridade e os dereitos individuais e colectivos; o transporte e a comunicación, formamos en educación de xeito gratuíto as novas xeracións como garantía de equidade no acceso individual ao traballo, e aportamos co noso esforzo servizos públicos e sociais ao conxunto da cidadanía, á marxe da clase social ou dos recursos económicos que dispoñan, facendo posible o dereito á xustiza. E por iso temos que loitar.
Os empregados públicos, soportamos o peso da mala xestión deste recursos, a covardía dos gobernos en facernos responsables das súas incompetencias, e as decisións políticas de recortes de dereitos laborais e económicos, cuantificables, nos catro últimos anos en máis do 20%. e cunha enorme incidencia nas Administracións Locais, as máis próximas á poboación, que viron como se reducen os dereitos das súas persoas traballadoras e os recursos que necesitan para a prestación dos servizos sociais.
A reivindicación polo mantemento dos servizos públicos de calidade, e universais, a simplificación e racionalización do sistema público de seguridade, non é só dos empregados e empregadas públicos. Debe ser un berro único en defensa dos dereitos básicos e dos que os defendemos cada día dende o noso posto de traballo no Sector Público. É a hora de pasar da indignación á rebeldía cidadá e da loita na rúa, nos centros de traballo, cóbado a cóbado, estudantes e persoas desempregadas, autónomas, pensionistas, e traballadores e traballadoras dos distintos sectores de actividade, movementos sociais e o conxunto da cidadanía que quere e merece unha alternativa diferente, que ten dereito, a uns servizos públicos dignos que nos fagan sentir que, á marxe da situación económica que gocemos, seguimos sendo persoas.
Porque estes Gobernos se senten impunes actuando como actúan, non podemos permitir que se saian coa súa nin que utilicen a Lei para impoñer os seus intereses. Debemos expresar o noso rexeitamento con contundencia porque, de non o facer, sentiranse lexitimados para continuar gobernando de costas aos nosos dereitos como empregadas e empregados públicos e como cidadáns e cidadás, ás costas do noso pobo e contra os seus intereses.
Conscientes dos dereitos da cidadanía e comprometidos cos traballadores e traballadoras do sector público, asinamos o presente manifesto e convocamos os empregados e empregadas públicas de Galicia e o resto da poboación a defender os Servizos Públicos.
Manifesto asinado por:
CIG; CCOO; UGT; CSI·F; CESM; OMEGA; SATSE; USAE; STEG; ANPE; USO; USTG; CGT; STAJ; SIAT; ACAIP; CEP; UFP; AUGC; UniónGC