Máis que CIG-Autonómica

A CIG convoca concentracións en cidades e vilas de toda Galiza este xoves, día 11 de abril, para manifestar a oposición da central sindical ás reformas aprobadas polo goberno no último mes. Reformas como o decreto para a contratación da mocidade (minijobs); a autorización ás mutuas para dar altas de enfermidade; a das pensións anticipadas, voluntarias ou forzosas e o recorte do dereito ao subsidio para maiores de 55 anos, que provocarán máis pobreza e discriminación entre a clase traballadora.

So pretexto de favorecer a contratación de menores de 30 anos o Goberno de Mariano Rajoy autoriza, con carácter xeral, a contratación de menores de 30 anos con salarios inferiores a 500€ e, en moitos casos, sen dereito á prestación por desemprego.

Non satisfeito con isto, o Goberno ofrece a cambio importantes axudas ás empresas, ás que permite facer estes contratos para os que a CIG denuncia que previamente despedirán a outras/os traballadoras/es por calquera causa. “Poderán substituír a un/unha traballador/a antigo/a e maior por varios novos, precarios e baratos”.

Permite ademais ás ETTs facer estes contratos baratos e pagar con diñeiro público a empresas privadas que os xestionen en substitución do INEM.

Mutuas dando altas por IT

O Goberno xa presentou un borrador de decreto para que as mutuas dean altas nas IT por enfermidade. Deste xeito, o criterio parcial e interesado das mutuas precipitará a alta de persoas que non estean curadas, co risco para a saúde e maior indefensión ante un despedimento, por non estaren en condicións de traballar.

Reforma das pensións

Con esta nova reforma aumenta a idade para xubilarse anticipadamente e penalízanse os coeficientes de tal xeito que o desconto na pensión é moito maior, aínda que non sexa por causa imputada ao traballador ou traballadora. Aquelas persoas maiores despedidas ou afectadas por un ERE de extinción ou peche de empresa que non atopan traballo serán as especialmente castigadas.

Afectará tamén a traballadoras/es dos oficios máis duros e sempre tamén con menor salario que teñen limitacións físicas ou incapacidades e que non poden seguir traballando.

O ano pasado o PP xa reformou o subsidio daquela para maiores de 52 anos, elevouno a 55 e reduciu a cotización para a pensión. Agora deixarán a centos de miles de traballadoras/es se poder cobrar esta prestación e sen cotización para a pensión ao exixírenlles unha renda familiar inferior  a 967€.

Para a CIG isto é un ataque “ás/aos pobres, ás/aos desempregadas/os, á clase traballadora, reducindo gasto social para darllo á banca, aos seus amigos, aos ricos, para alimentar a corrupción no seu propio partido”.

Concentracións

A Coruña, ás 20:00 horas na Subdelegación do Goberno

Compostela ás 20:00 h. na Praza do Toral

Ferrol, ás 19:00 horas na Praza do Concello

Ourense, diante da Subdelegación do Goberno español ás 20.00 horas

Pontevedra, na Praza da Peregrina ás 20.00 horas

Vigo, na farola da Urzaiz ás 20.00 horas

Vilagarcía: ás 20:00 horas, na Praza de Galiza