Este mércores 12 de xuño, na defensa do emprego e a exixencia de medidas que garantan a supervivencia e recuperación dos nosos sectores produtivos
A CIG ten convocadas este mércores, 12 de xuño, mobilizacións en Vigo, Compostela, Pontevedra, Ribeira e Ferrol para denunciar a grave situación de desemprego que padecen estas comarcas e as nefastas políticas que está a impor o Partido Popular e a Xunta de Galiza.
En Vigo, a manifestación terá lugar ás 20:00 horas, con saída da Vía Norte, baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha industria con futuro”. Tanto a cidade como a súa comarca padecen un desemprego galopante e de feito, nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade. Unhas cifras que superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas.
En Compostela está convocada para as 20:00 horas, con saída da Praza Roxa. Nesta comarca a CIG tamén convoca manifestación en Ribeira, con saída ás 20:30 horas da Praza do Peixe. O desemprego tamén é a principal preocupación e é que a cidade de Santiago sitúase tan só por detrás de Ferrol en taxa de paro, cun 27% segundo os últimos datos da EPA. O mesmo ocorre en Ribeira, onde está en xogo a industria da conserva, motor económico da zona.
En Pontevedra, haberá unha mobilización de delegados/as ás 12:00 horas na Praza da Ferrería e as súas demandas tamén se centran na exixencia á Xunta de Galiza, de medidas que permitan a recuperación económica e a creación de emprego.
A CIG de Ferrol chama a secundar a folga comarcal deste 12 de xuño, que augura será un “enorme éxito”
Ás 12:00 horas, baixo o lema “Ferrolterra esixe solucións” sairá a manifestación dende o Inferniño
Logo de semanas de intenso traballo, ducias de asembleas en empresas, reunións con colectivos sociais diversos, encontros con representantes de todos os sectores (autónomos, comerciantes, empresarios, hostaleiros,...) e repartos masivos de octavillas nas rúas, na véspera da Folga Xeral Comarcal deste 12 de xuño, os voceiros da CIG de Ferrol avanzaron un éxito rotundo da convocatoria e animan a toda a clase obreira e ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación que sairá ás 12:00 horas dende o Inferniño.
“A sensación que temos é moi positiva, estamos seguros de que a folga vai ser todo un éxito”, aseguraba o co-responsábel comarcal da CIG de Ferrol matizando que se están adherindo á convocatoria colectivos moi diverxentes: dende autónomos, pasando pola hostalería, o mercado e o comercio local (coas súas propias reivindicacións) e até mesmo se aprobaron mocións de apoio en distintos Concellos da bisbarra. Tal é o caso de Narón ou Fene, do que o co-responsábel da CIG de Ferrol destacou o respaldo unánime dado pola Corporación á declaración de apoio “e non hai que esquecer que o PP ten o goberno de Fene”.