Denunciamos que o informe dos "expertos" só pretende reducir a contía e dificultar o acceso ás pensións para promover que quen poida subscriba plans de pensións privados.
Desde a CIG manifestamos o noso máis profundo rexeitamento ás propostas recollidas no informe dos “expertos” co que se pretende avalar unha nova reforma das pensións. Para nós, lonxe de pretender garantir a súa viabilidade a medio e longo prazo, o que se busca é reducir a contía das pensións, dificultar o acceso ás mesmas e promover que as traballadoras e traballadores con capacidade adquisitiva subscriban plans de pensións privados, para alimentar así o negocio da banca e dos especuladores.
Na CIG consideramos que non estamos ante un debate técnico, senón ideolóxico. Cuestionamos a propia natureza do informe e ás persoas que o elaboraron. Non son neutrais, practicamente todos están vinculados á banca e as aseguradoras, entidades que teñen que ver co negocio dos fondos privados de pensións. De feito, o resultado dese informe tería sido distinto se se encargara a súa elaboración a persoas cun perfil diferente.
Respecto do contido do informe, que máis unha vez insiste en que o sistema público de pensións non é viábel, lembramos que xa se ven recorrendo a este argumento desde os anos 90, momento no que tamén se presentaron informes de expertos vinculados ao sector financeiro que auguraban que no ano 2000 o sistema público ía entrar en déficit. Isto non só non se cumpriu, senón que ademais tivo superávit e o fondo das pensións supera os 60.000 millóns de euros.
A CIG defende que o sistema público, que se mantén coas cotizacións das traballadoras e traballadores en activo pero tamén das achegas directas dos Orzamentos, é moito máis garantista que os sistemas privados. En todo caso, advirtimos que vai moi vinculado ás políticas económicas que garanten a creación de emprego e salarios dignos e que de se manter así non vai ter problema. Se neste intre comeza a ter certo déficit é porque no estado español hai agora 6 millóns de persoas desempregadas, unha situación que ten que mudar porque de seguir así estariamos condenados ao desastre.
Alertamos ademais dos riscos que teñen os sistemas privados de pensións, que son utilizados polas entidades que os subscriben para investir e especular no mercado financeiro o que pon en risco eses recursos porque se sae ben acumúlanse beneficios, pero en tempos de crise non é así, co que os cartos que se foron destinando a eses fondos, no canto de aumentar diminúen.
Cómpre ser conscientes de que tras deste debate hai un posicionamento ideolóxico claro por parte das forzas políticas que defenden este tipo de propostas. Os sistemas privados de pensións moven moitos billóns de euros e pretenden facerse tamén con parte dos recursos que se moven no sistema público pola vía de xerar incertidume dicindo que non é viábel.
Outro dos mecanismos para promover que as traballadoras e traballadores se acollan a sistemas privados é adoptar reformas que leven a que as pensións futuras sexan máis baixas e que haxa máis dificultade para acceder a elas. Iso é o que hai detrás deste informe e do debate que se trata de suscitar. No propio informe que dará pé á nova reforma, os propios “expertos” xa recollen a necesidade de que os traballadores/as destinen os seus aforros aos fondos privados de pensións.
Factor de sostibilidade e de equidade interxeracional
Os elementos que se pretenden introducir nesta reforma son o chamado factor de sostibilidade e o factor de equidade interxeracional. No primeiro caso, refírense á pretensión de desvincular do IPC a revalorización anual das pensións introducindo outros criterios, co único obxectivo de rebaixar o poder adquisitivo das/os pensionistas.
No segundo caso, preténdese fixar a contía da pensión temporalmente, condicionándoa ás expectativas de vida de cada xeración, alén de vinculala ás cotizacións durante a vida laboral e ao número de anos cotizados. Isto tradúcese en que a maior expectativa de vida, de menor contía será a pensión.
A pretensión é que estes mecanismos comecen xa a aplicarse a partir do ano 2014 e atendendo a eses criterios, para 2015 a pensión sufriría unha rebaixa dun 0,7%, e no ano 2050 chegaría a reducirse nun 18,8%.
Cómpore recordar que do ‘factor de equidade interxeracional’ xa se falaba no pacto das pensións asinado en 2011 polo goberno do PSOE, CCOO, UGT e CEOE e mesmo fixábase a súa aplicación a partir do ano 2027.
Ante isto, desde a CIG denunciamos o apoio descarado do "experto" de CCOO a este último informe e sinalamos que tanto CCOO como UGT xa asumían a introdución destes criterios.
Cun panorama como este, apelamos á necesidade de dar un debate defendendo a viabilidade do sistema público, que é o máis garantista, aclarando que esa viabilidade pasa por facer políticas económicas que promovan o reparto da riqueza e a creación de emprego. Non debemos caer na trampa dos seus argumentos, que responden unicamente aos seus intereses, que se resumen en aumentar a súa cota de negocio.