Atención: os actos do día da Patria están a ser desconvocados, incluidas as manifestacións, polo accidente de tren que ocorreu o día 24 en Compostela con numerosos falecidos/as e feridos/as. Dende a CIG-Autonómica, transmitimos o noso pésame ás familias e amigos/as das persoas afectadas.
A Confederación Intersindical Galega (CIG) chama un ano máis a toda a súa afiliación e simpatizantes a participar nas mobilizacións convocadas polas distintas organizacións nacionalistas o vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela para conmemorar a celebración do Día da Patria Galega. A central anima tamén a súa militancia a apoiar coa súa presenza todos actos que se organizan ao longo do país nestas datas para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.
A CIG considera que o actual marco xurídico é insuficiente para garantir os dereitos nacionais de Galiza, sobre todo nas materias que máis nos afectan como clase traballadora.
No actual contexto de crise do sistema capitalista neoliberal, a mobilización para reivindicar un autogoberno sustentado na autodeterminación e na soberanía nacional cobra aínda máis importancia de cara á mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.
Na nosa central entendemos que este ano a participación é máis necesaria que nunca para amosar o rexeitamento da clase traballadora galega ás políticas que está a aplicar a dereita española no noso país que abocan a milleiros de mozos e mozas á emigración.
Estase a producir tamén unha perda constante de dereitos laborais, baixadas de salarios e aumentos de xornada, ao tempo que se desmantelan os nosos principais sectores produtivos como sucede na actualidade co naval, unha industria fundamental nas comarcas de Vigo e Ferrol e estratéxica para o conxunto do país.
Diante disto, animamos a toda a afiliación a apoiar coa súa presenza as mobilizacións e os distintos actos que se convoquen ao longo do país no contexto do Día da Patria Galega para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.
Por unha Galiza ceibe e sen explotación!