Máis que CIG-Autonómica

A CIG gaña unha sentencia definitiva no Xulgado Central Contencioso Administrativo que anula a orde do INSS de pagar aos inspectores médicos por reducir os tempos de baixas dos traballadores e traballadoras. En marzo do 2011 o INSS creou un complemento de produtividade para os inspectores médicos en función das altas que promovían; cantas máis altas, máis cobraban.

Esta decisión atentaba contra a saúde dos traballadores e traballadoras e provocaba que moitas persoas sen estar curadas fosen dadas de alta para o traballo, perxudicando a súa curación e a súa saúde. Medidas como estas demostran que este goberno só actua en función das reclamacións da patronal despreciando os nosos dereitos e a nosa saúde.

No ano 2011, a Secretaría de Estado da Seguridade Social aprobou os obxectivos estratéxicos do Instituto Nacional da Seguridade Social que incluían un “índice de baremación da duración dos procesos de incapacidade temporal”. Segundo isto, no plus de produtividade pasábase a computar o número de altas médicas para o seu cálculo. Isto traducíase, no caso do INSS, en que cantas máis altas se concederan maior puntuación se obtería no índice de produtividade e polo tanto máis diñeiro se cobraría.

O xulgado central do Contencioso-Administrativo número 5, con sede en Madrid, vén de emitir a sentenza pola que se anula este índice por consideralo contrario a dereito.

Nunha anterior sentenza, emitida xa no mes de abril, o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo núm. 2, con sede en Madrid, estimaba tamén o recurso da central sindical contra a resolución do Secretario de Estado da Seguridade Social que fixaba os obxectivos de xestión para o ano 2011, e que servían igualmente de base para o cobro do complemento de produtividade dos médicos do ISM.

Estas dúas sentenzas son importantes polo que significan en si pero, sobre todo, polo que revelan. Estamos nun momento no que hai un dogma segundo o que o estado debe reducir o seu déficit, debe ingresar máis e debe gastar menos. Con estas dúas sentenzas ponse de manifesto unha forma de reducir o gasto, pero ademais de facelo mal, porque se fai en fraude de lei e faise pondo en perigo a saúde laboral dos traballadores.

No referido ao ISM, os médicos de Seguridade Mariña realizan os recoñecementos de embarque marítimo, que serven para determinar que as condicións psicofísicas dos mariñeiros son compatíbeis co posto de traballo e non supoñen perigo para a saúde e seguridade do traballador embarcado, do resto da tripulación do buque e da propia navegación marítima.

No caso da sentenza referida ao INSS a súa transcendencia é moito maior tanto no ámbito, porque afecta ao conxunto de traballadores de todo o Estado, como pola súa transcendencia económica, xa que o Instituto Nacional da Seguridade Social é o que paga as prestacións por incapacidade temporal das traballadoras e traballadores que se encontran de baixa por enfermidade ou accidente.

O punto en común das dúas sentenzas é que se introduce como complemento de produtividade dos médicos, tanto do INSS, como do ISM un factor que prima os obxectivos económicos das entidades xestoras sobre o propio dereito á protección da saúde do artigo 43 da Constitución.

A introdución dun complemento económico na xestión da duración das baixas e os recoñecementos que ten como consecuencia que se pague máis en produtividade, ao conxunto do servizo, obtendo un resultado antixurídico porque o que se pretende é aforrar custos á administración da Seguridade Social. A consecuencia é que hai traballadores/as que reciben alta médica cando as súas condicións probabelmente non son as máis idóneas para traballar.

Isto é contrario tanto ao código deontolóxico profesional médico, xa que non poden ver condicionada a súa actuación por factores económicos, como á propia definición do complemento de produtividade, que debe pagar a rendemento, dedicación e interese que un/unha traballador/a ou funcionario/a pon na prestación do seu traballo. Isto último foi o que nos corroborou pola propia Organización Médica Colexial que entende que o dito obxectio condiciona o labor e o acto médico en si.

Neste sentido, as/os profesionais tanto do ISM como do INSS síntense condicionados/as por unha banda polo resto de compañeiros/as da administración do Estado, porque este complemento de produtividade non se daba exclusivamente ao persoal médico senón que se repartía a partes iguais entre todas as traballadoras e traballadores da Dirección Provincial.


Desde a CIG tamén se intentou convencer as persoas responsábeis da Secretaría de Estado da Seguridade Social da necesidade de que se retirase este apartado, entendendo que afectaba á libre prescrición e libre actuación dos/as médicos/as. A administración sempre argumentou que os obxectivos non eran materia incluída na negociación colectiva senón que os marcaba a administración como unha estratexia de xestión.

Para a CIG a prestación sanitaria por IT (incapacidade temporal), é fundamental na medida en que garante a subsistencia material das traballadores e traballadores en situación de enfermidade. Ante estas sentenzas, denunciamos que as políticas de austeridade están levantando sospeitas sobre as/os traballadoras/es que se ven na necesidade de exercer este dereito. Hai cantidade de persoas que teñen que acudir aos seus postos de traballo dados de alta estando enfermas e mesmo casos de despedimentos para aqueles que pola súa situación de enfermidade non están aptos para realizar o seu traballo en condicións óptimas.

No medio dunha campaña mediática de demonización dos traballadores/as que se ven obrigados/as a recorrer a unha baixa por enfermidade estas sentenzas constatan que é a propia administración a que fai trampa para conseguir uns obxectivos puramente económicos.