A CIG fai un chamamento a toda a sociedade galega a participar nas concentracións en rexeitamento á violencia machista, convocadas polo movemento feminista tras do asasinato este xoves de María Elena Rodríguez Quiroga, en Foz.
Dende a CIG manifestamos o rexeitamento a todas as estruturas e valores patriarcais que perpetúan e consolidan na sociedade esta violencia sexista, instamos aos poderes públicos a combatela de xeito prioritario e integral, recuperando o seu carácter prioritario, dotando de orzamentos suficientes as políticas de igualdade, xunto con programas de prevención e actuación. Comezando tamén por unha política educativa desde idades temperás que permita erradicar comportamentos discriminatorios, de xeito que sexamos quen de acadar unha Sociedade libre de violencia.
Por todo isto, a CIG chama a manifestarse coa cidadanía e non xunto cos políticos responsábeis deste tipo de recortes que provocan a marcha atrás que esta Sociedade está a sofrer con respecto aos dereitos das mulleres. Chamamos a manifestarse tamén por outro tipo de dereitos fundamentais das mulleres, que é o dereito ao aborto, cercenado e vilipendiado polos mesmos que se van facer a foto hoxe en San Caetano e nas delegacións provinciais da Xunta de Galiza.
As concentracións que hoxe se van desenvolver no noso país (en Vigo e Ferrol xa se celebraron o pasado sábado) son:
- Compostela - luns 28 ás 20h Praza 8 marzo, Porta do Camiño (Movemento feminista de Compostela).
- A Coruña - luns 28 ás 20h no Obelisco (Movemento feminista da Coruña).
- Foz - luns 28 ás 20 horas na Praza do Concello (Observatorio da Mariña pola Igualdade).
- Ourense - luns 28 ás 20h diante da Subdelegación do Goberno, Parque San Lázaro (Marcha Mundial das Mulleres).
NON Á VIOLENCIA MACHISTA!