Ante a insistencia da Xunta solicitando das organizacións sindicais que remitan as posíbeis alegacións, a CIG reitera o absoluto rexeitamento ao “Código ético institucional” promovido polo Goberno galego e demanda do PP que aplique este mesmo baremo aos seus cargos políticos implicados/as en casos de corrupción; cargos aos/ás que até o momento non esixiu responsabilidades. A CIG solicita, unha vez máis, a retirada inmediata deste borrador.
Para a CIG o Presidente da Xunta é tamén o máximo responsábel do PP, un partido que ten a numerosos cargos imputados e que porén, non está a actuar atendendo a criterio ético ou moral algún ao mantelos no seu posto sen facer que dimitan nin cesalos. Entende que, polo tanto, se alguén ten que aplicar un código ético é o propio Partido Popular.
Petición conxunta das tres centrais sindicais
Neste senso, as centrais sindicais CIG, CCOO e UGT, con presenza na Mesa Xeral de Negociación do persoal da Xunta de Galiza, acaban de solicitan, novamente, a retirada do borrador do "Código ético institucional", promovido polo Goberno Galego, xa que semella que a administración non se deu por enterada co plante feito polas organizacións sindicais á reunión á que foron convocadas.
As tres organizacións sindicais entenden que con este anuncio feito de maneira tan propagandística e con tanta presenza nos medios de comunicación, “o único que se pretende, por parte Goberno galego é desviar a atención dos múltiples casos de corrupción nos que están implicados numerosos cargos institucionais do PP en Galiza”. Cargos, lembran, aos que non se lles ten esixido até o momento ningún tipo de responsabilidade por parte da formación política que representan.
“O ético e empalaríante sería que calquera político/a imputado por corrupción, fose apartado das súas responsabilidades, até que se clarificase a súa situación penal e non ao revés, que se manteñan nos postos até que son condenados en firme”, remarcan no escrito remitido á administración.
De igual xeito, denuncian “o ridículo intento de implicar ao persoal que traballa na administración pública, sinalándonos, como posíbeis perceptores de agasallos”. Unha cuestión que consideran “intolerábel pois constitúe un intento badoco de desviar a atención, para que non se fale dos verdadeiros culpábeis dos escandalosos casos de corrupción”.
Paralización das políticas privatizadoras
As tres centrais sindicais consideran que, precisamente, as políticas privatizadoras e de desmantelamento dos servizos públicos son o principal foco de corrupción. Por iso solicitan o cese destas políticas, á vez , que se esixe, por parte da Administración e do Goberno galego que se garantan uns servizos públicos de calidade e universais, “con xestores públicos e non con cargos nomeados politicamente como até o de agora”.
Como moi ben recolle o propio borrador do mencionado código, xa existe normativa marco suficiente neste ámbito, que o Goberno Galego non está a aplicar nin facer cumprir. “Os e as empregados/as públicos non necesitamos ningún código ético, pois somos profesionais que actuamos baixo os principios de independencia e imparcialidade, e estamos sometidos ao cumprimento das normas e do noso propio réxime disciplinario. Os/as que necesitan que lles apliquen códigos de conduta son as políticas e os políticos imputados, para que sexan apartados das súas responsabilidades públicas. Deberíase de cumprir o principio de político/a imputado, político/a apartado”, aseveran.
Por todo o anterior, as organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT solicitaron a retirada do referido borrador, “xa que non queremos ser cómplices da campaña propagandística e difamatoria na que queren e están a involucrar aos traballadores e as traballadoras da Xunta de Galiza”.