Suso Seixo, secretario xeral da CIG, foi o encargado de defender no pleno do Parlamento, como portavoz da comisión promotora, a Iniciativa Lexislativa Popular a través da que máis de 19.000 galegos e galegas demandaban a derrogación do chamado plus de altos cargos. Xunto a el tamén asistiron ao pleno membros da executiva Confederal, os secretarios nacionais das federacións de Administración Pública, Saúde e Ensino e membros das súas executivas.
O obxectivo desta ILP non era outro que “corrixir unha deriva gravemente errónea, inxusta, discriminatoria e, aparentemente pouco meditada, na regulación legal das retribucións dos funcionarios que desempeñaron postos de altos cargos”, segundo explicou Seixo na súa intervención, ou o que é o mesmo, a derrogación da disposición adicional 17ª da lei de Función Pública de Galiza, que foi votada a favor polos grupos parlamentarios o 27 de xullo de 2007, logo de que o PP a introducira como emenda.
Seixo lembrou que esta decisión lexislativa “foi obxecto dunha enorme contestación social, reveladora do distanciamento que nesta materia existe entre a sociedade galega e moitos dos seus representantes políticos” e que subverte “o principio de que o desempeño de cargos públicos ou de designación política non pode converterse nun atranco, pero tampouco nunha vantaxe, para a carreira profesional dos funcionarios”.
O secretario xeral da CIG explicou que do que se trata, xa que logo, é de reintegrar “os servidores públicos que desempeñaron postos de confianza política no réxime ordinario da carreira profesional aplicábel a todo o funcionariado” e non como ocorre desde a aprobación da Lei de Función Pública, onde se recoñece o dereito a cobrar ese plus para aqueles funcionarios que se teñan reincorporado ou se reincorporen, en diante, ao servizo activo logo de ter desempeñado postos coa consideración de altos cargos na Administración galega durante dous anos continuados ou tres con interrupción.
O plus do “super trinta”
Para Seixo, este complemento de destino que se coñece co nome oficioso de “super trinta” revela unha concepción “pouco democrática da Administración e do servizo público”, afirmou, porque asimilar o nivel retributivo dos funcionarios ex altos cargos ao dos directores xerais implica rebordar o límite de trinta niveis legais que integran a carreira administrativa introducindo “un nivel retributivo supremo que só poden atinxir os funcionarios que desempeñen altos cargos –de designación política- e nunca os funcionarios que seguen unha carreira ordinaria, por exemplar e brillante que esta sexa”, trasladándose así o mérito político á orde dos méritos da carreira funcionarial.
Alén diso, o secretario xeral da CIG sinalou que se crea unha profunda fenda entre o funcionariado de carreira e o resto dos cidadáns que non sendo funcionarios públicos desempeñen ou vaian desempeñar nalgún momento das súas vidas cargos públicos ou de representación política. “Estes cidadáns, sexan traballadores da empresa privada desempregados, pensionistas, ou mesmo persoal laboral das propias administracións públicas, non ven recoñecida a súa participación nos asuntos públicos mediante unha retribución como a que se estabelece para o funcionariado”. Unha situación, dixo, que “é incoherente co imperativo do artigo 9.3 da Constitución, que obriga os poderes públicos a facilitaren a participación de todos, sen excepcións nin favoritismos, na vida política”.
Escasa conciencia social
O secretario xeral da CIG denunciou a escasa conciencia social amosada polo Parlamento de Galiza cando aprobou esta disposición adicional, “obviando a realidade dun país en que os salarios da maioría dos traballadores se sitúan por baixo da cantidade prevista para un director xeral só en concepto de complemento de destino”.
Por iso, presentou esta ILP como unha oportunidade para que a cámara galega reconsiderara a súa posición e aprobara unha Iniciativa coa que se pretendía “introducir elementos de racionalidade, xustiza social e austeridade na regulación legal das retribucións dos funcionarios que desempeñaron altos cargos”.
Acumulación de privilexios
Xunto á derrogación do plus de altos cargos, a CIG demandou tamén a derrogación dun anterior privilexio introducido polo artigo 9 da Lei 2/1998 do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, que permite aos funcionarios que desempeñaron ou desempeñen postos coa consideración de altos cargos, con excepción do persoal eventual, consolidaren de forma acelerada o grao persoal correspondente ao nivel de complemento de destino 30, sempre que pertenzan ao grupo A1; ou ben a gozar do importe equivalente ao dito nivel, en lugar di que puidera pertencerlles conforme ao grupo que corresponda.
A austeridade do goberno
Para reforzar a súa argumentación, respecto da discriminación que supoñen estes plus, Suso Seixo lembrou ao goberno toda unha serie de medidas que se están poñendo en marcha invocando un suposto principio de austeridade. Así, fixo referencia ao cativo incremento retributivo do 0,3% para o conxunto dos empregados públicos, cando máis da metade non alcanzan os mil euros ao mes; a suspensión dos acordos retributivos pactados co persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde; á redución dos orzamentos destinados ao ensino público galego nun 0,9%; á liquidación do sistema de gratuidade universal dos libros de texto; a privatización dos Centros de Día dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; o desmantelamento das oficinas de I+B, o despedimento das súas traballadoras ou o despedimento dos traballadores/as dos centros públicos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.
Actuación, todas elas, que “contribúen a degradar e desmantelar os servizos públicos en ámbitos tan relevantes como a administración xeral, a educación, a sanidade, a asistencia social e a innovación científica e tecnolóxica”.
Modificación da regulación das ILP
A CIG aproveitou tamén a posibilidade que lle brindaba esta comparecencia parlamentaria para defender a necesidade de modificar a vixente Lei sobre o exercicio da Iniciativa lexislativa popular.
Neste sentido, Seixo lembrou que as sinaturas que avalaban a presente ILP foron rexistradas no mes de xuño de 2008, hai 17 meses, sen que até hoxe tivese lugar o debate de toma en consideración. A modificación estaría dirixida a garantir que estas iniciativas “sexa debatidas, para a súa toma en consideración no Pleno, nun tempo razoábel, que non pode depender da vontade dos grupos que conforman a cámara, como sucede na actualidade”.
O resultado segundo o voto anunciado
O debate da ILP promovida pola CIG non introduciu grandes sorpresas, logo de que os grupos parlamentarios anunciaran xa con anterioridade a súa posición respecto da mesma. O BNG, a través do seu deputado Alfredo Suárez Canal, apostou pola súa toma en consideración, atendendo así a unha demanda social avalada por máis de 19.000 sinaturas. Toma en consideración necesaria para “restaurar e incrementar o crédito da actividade política” dixo, eliminando, en consecuencia, un “privilexio para un determinado tipo de funcionarios”. Privilexio que, segundo as contas do BNG, supón para as arcas públicas un gasto de 3 millóns de euros.
Porén, desde o PSOE, optaron por entender a demanda de eliminar o chamado plus de altos cargos como un freo ao proceso de modernización da administración pública galega . “Respectamos as ILP”, sinalou o seu deputado José Manuel Lage Tuñas, “pero temos que dar pasos no debate e ser conscientes do papel que queremos que teñan os altos cargos. Queremos unha administración con profesionais directivos cualificados”, afirmou. Profesionais que, polo sentido da súa argumentación, só estarían ao dispor da administración a cambio de cuantiosos beneficios económicos que recibirían pola vía destes plus para o resto das súas vidas.
De feito, con ese plus, o Partido Popular entende que non se están a introducir “medidas de tipo elitista”, explicou o seu deputado Antonio Rodríguez Miranda, “senón a súa equiparación co resto das comunidades autónomas”. Afirmación tras da que enumerou un listado de todas as comunidades autónomas nas que xa se aprobara a introdución dese plus. Algo que, ao seu entender axudará a que a administración pública galega “poida contar cos mellores”.
Unha afirmación que resultou indignante para o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen logo de desmentir a longa enumeración de comunidades nas que se puxera en marcha o famoso plus asegurou que “os nacionalistas temos pensamento propio e non copiamos o que fan os demais”.
Porén, se se trata de copiar para equiparar e eliminar discriminacións, Seixo convidounos a comezar polo máis urxente, lembrando que en Galiza temos os salarios máis baixos, as pensións máis baixas e grandes carencias en infraestruturas ou en servizos sociais.
Descarga aquí a folla informativa sobre a defensa da ILP contra o plus dos altos cargos.