Convoca unha xornada nacional de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño “Pola recuperación dos dereitos XA”
A CIG acordou este luns, día 4 de xuño, tras reunir os seus organismos de dirección, suspender a folga convocada para o 19 de xuño e substituíla por unha xornada nacional de mobilización con manifestacións en todas as comarcas baixo o lema de “Pola recuperación dos dereitos XA”. A central sindical retomará a convocatoria de folga nos próximos meses se o novo goberno do PSOE -e a correlación de forzas que o fixo posíbel- non derroga e anula todas as reformas que rouban, saquean, explotan e empobrecen á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego.
Cando a CIG convocou a folga xeral do 19 de xuño, concibiuna como a moción de censura -que outros non facían- da clase traballadora galega fronte á situación de emerxencia nacional, social, política e institucional, para conseguir a recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados so pretexto da crise e demandar a fin dun goberno do PP que, en minoría parlamentar e cheo de corrupción actuaba con total impunidade.
A caída do goberno do PP a consecuencia da moción de censura é un primeiro paso que confirma a axeitada análise realizada pola CIG no momento da convocatoria aínda que somos conscientes, porén, de que o PSOE é responsábel e causante de moitas das reformas que padecemos, que xunto ás que aplicou o PP estes anos, lévanos á realidade de que ter un traballo ou unha pensión non nos permite vivir en condicións dignas.
Coa mesma responsabilidade coa que convocamos a folga xeral, hoxe acordamos suspendela uns meses, á espera de que se produza ese cambio nas políticas e se atenda a nosa táboa reivindicativa. Non imos esperar de brazos cruzados, senón que imos esixir coa mobilización os nosos dereitos, mesmo retomando a convocatoria de folga.
A mobilización e a loita da clase traballadora é a que pode conseguir vías alternativas que nos permitan vivir e traballar dignamente na nosa terra. A CIG condiciona a suspensión da folga a que haxa unha recuperación real dos dereitos nos próximos meses.
A CIG apostou duro e con valentía por cambiar esta situación, con toda a nosa capacidade de acción, pasando á ofensiva coa disposición de impedir que nos rouben tamén o dereito a loitar polas nosas condicións de vida e por un futuro digno, e considera que coa nosa loita temos contribuído á caída do goberno do PP, mentres que o resto dos sindicatos mantiñan unha actitude de conformismo e pasividade ou mesmo de colaboración, nalgúns casos, diante desta grave situación.
Xornada nacional de mobilizacións
Por todo isto chamamos á xornada nacional de mobilizacións para o vindeiro día 19 de xuño en todas as comarcas para exixir “un cambio inmediato de políticas” entre as que salientamos a derrogación das reformas laborais que nos empobrecen; conseguir avances reais para as mulleres; defender as pensións públicas; rematar cos abusos da patronal; frear as políticas de recorte contra a xente desempregada; acabar coa privatización de servizos públicos; impedir o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais e conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.
XORNADA NACIONAL DE MOBILIZACIÓNS - 19 DE XUÑO
- A Coruña: Praza de Vigo, 20h
- Cee: Praza 8 de marzo 20h
- Ferrol: Praza de España, 20h
- Santiago: Praza Roxa, 20h
- Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h
- Vilagarcía: Casa do Mar, 20h
- A Estrada: Praza do Mercado, 20h
- Vigo: A Doblada, 20h
- Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h
- Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h
- Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h
- Monforte: Praza de España, 20h
- As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h
- A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h