Na histórica xornada do 8 de marzo do pasado ano, miles de galegas ateigamos as prazas e vilas do País participando no Paro internacional de mulleres, conseguindo pór no foco do debate social a problemática dos coidados e a discriminación que sufrimos as mulleres tanto nos lugares de traballo como fóra destes. Un ano despois, cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita, para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar.
O obxectivo da folga de 24 horas para este 8 de marzo, no dia internacional da muller, é mostrar a repulsa á desigualdade e invisibilidade histórica que soportamos as mulleres, á discriminación laboral e social, que se incrementou debido á situación de crise económica que atravesamos, pero aínda máis, por mor das medidas que supostamente foron deseñadas para paliala. Así os recortes no gasto público supuxeron un grande impacto nas mulleres dada a nosa presenza no sector público, que fai que sexamos as principais afectadas na Galiza pola redución de salarios e a eliminación de emprego.
A Xunta de Galiza incumpre coas súas traballadoras
A Xunta deseña propagandísticos plans estratéxicos de igualdade para Galiza e abre ridículas liñas de axuda para fomentar a realización de plans de responsabilidade social e igualdade en empresas e pymes mentres nin sequera ten feito o seu propio plan de igualdade.
A Lei orgánica 3/2007 do 22 de marzo para a igualdade efectiva entre homes e mulleres, nos seus artigos 45 e 46, deixa clara a obriga das empresas de máis de 250 persoas traballadoras de realizar un plan de igualdade. A Xunta de Galiza, con mais de 20.000 no caso da Administración Xeral, 12 anos despois ten os deberes sen facer: o Plan de Igualdade da Xunta nin existe nin se lle espera.
O plan de igualdade urxe, acumúlanse as demandas por incumprimentos á lei ao non permitir a conciliación laboral e familiar, por non establecer medidas organizativas que axuden a conciliación no persoal a quendas, protexer a saúde ou incluso chega a complicar a suspensión por risco no embarazo e lactación.
Os salarios mais baixos nas mulleres empregadas da Xunta
A maioría das mulleres (máis do 80%) traballadoras na Xunta están situadas nos grupos máis baixos. A diferencia salarial entre os grupos altos e baixos é enorme e, se tes en conta o recente complemento da carreira profesional que afonda nesta diferencia, temos como resultado que as mulleres na Xunta cobramos moito menos que os homes.
A CIG demanda o plan de igualdade para o persoal da Xunta de Galicia
Porén a identificación destes problemas é o primeiro paso para a realización dun plan que estableza medidas correctoras, e por iso dende a CIG pedimos estes datos e nestes anos vimos esixindo en numerosas ocasións a elaboración do plan de Igualdade.
No 2019, a Xunta de Galiza segue a ocultar datos en materia de persoal, acidentabilidade e salarios por xénero. En definitiva non fai nada pola igualdade entre homes e mulleres nin planifica facelo: só traballa para a propaganda.
As mulleres temos motivos de sobra para ir á FOLGA este 8 DE MARZO, baleirar os edificios administrativos e saír a rúa para participar nas mobilizacións.
A FOLGA O 8 DE MARZO
A folga dará comezo ás 00:00 horas e rematará ás 24:00 horas agás aquelas que teñan traballo a quendas, nese caso o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24:00 horas.
Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista!!