O pasado 11 de decembro, UGT e CCOO asinaron xunto coa patronal e o Partido Popular o pacto da vergoña, un novo pacto social, chamado nesta ocasión ‘Acordos para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria e sostíbel’. O documento contempla que estas organizacións farán uso de forma opaca e obscena de moitos millóns de euros públicos.
Coa súa sinatura, UGT e CCOO lexitiman as políticas regresivas de Feixóo e da patronal, avalan as reformas laborais e os recortes que se veñen aplicando en todos os planos e asumen a continuidade das demoledoras políticas antiobreiras e antigalegas que o PP executa dende o Goberno da Xunta.
Todo isto cando nos atopamos en plena crise industrial, con 50.000 persoas menos traballando neste sector dende o ano 2009; cun medre da destrución de emprego; cunha extensión da pobreza polas reformas laborais e das pensións e polos baixos salarios; cun gravísimo problema de emigración da nosa mocidade, que se ve expulsada por falta de alternativas do futuro; ou con constantes recortes na sanidade pública, no ensino e nos servizos sociais.
CCOO e UGT renuncian á recuperación dos dereitos laborais e sociais e a termos un plan de choque para crear emprego e industrialización en Galiza. Esta sinatura é un acto de entreguismo grave, que supón unha auténtica labazada á clase traballadora e ao pobo galego.
Perda de credibilidade
A fotografía que lle veñen de regalar ao PP a poucos meses das eleccións ao Parlamento galego é unha imaxe coa que selan a relación de complicidade co Goberno de Feixóo e coa que asumen a continuidade das demoledoras políticas antiobreiras e antigalegas do PP, que están contidas nos Orzamentos para 2020 e que tanto dano están a facer.
Polo tanto, con esta sinatura UGT e CCOO perden a súa pouca credibilidade e quedan invalidados para representar e defender o conxunto das traballadoras e traballadores.
Un acordo indignante en materia de igualdade
O acordo asinado contén moita literatura, mais contempla poucas ou nulas medidas reais -algunhas de dubidosa legalidade-, con ridículas dotacións orzamentarias para levalas adiante. Chama moito a atención e retrata de xeito claro quen son UGT, CCOO e a patronal o feito de que no primeiro apartado do acordo decidan facer uso de forma obscena e opaca de moitos millóns de euros públicos.
Dedican todo un apartado a recoller iniciativas ou programas que xa existen, que forman parte da normativa e sobre as que este pacto non achega nada novo, polo que denunciamos que:
- A meirande parte das medidas van dirixidas a financiar gabinetes técnicos de asesoramento, elaboración de guías de plans de igualdade e accións formativas nesta materia, nunha área na que a patronal e as centrais sindicais asinantes do documento xa deberan estar a realizar ese tipo de accións con fondos propios, tal e como fai a CIG dende hai 15 anos. A este apartado consígnanse un total de 400.000 euros, cando a Unidade Administrativa de Igualdade da Xunta non ten orzamento suficiente para desenvolver o seu traballo.
- O acordo de formación en igualdade ten o mesmo contido que as accións formativas que se desenvolven no marco do Consello Galego de Relacións Laborais, e a única novidade que introducen radica en unificar o procedemento de certificación dun plan de igualdade e o da Marca Galega de Excelencia en Igualdade nun novo distintivo autonómico galego; para isto dedican 50.000 euros. É indignante que se aporte esta contía económica a premiar as empresas por cumprir a lexislación.
- Con respecto ás ferramentas para a promoción, medición e mellora da igualdade laboral e de oportunidades, na CIG entendemos que dedicar 90.000 euros para a creación dun portal web é un gasto excesivo de cartos, xa que estes cartos poderíanse aforrar se se actualizasen os materiais xa dispoñíbeis ao novo marco legal.
Polo tanto, todo parece indicar que o obxectivo do acordo non é avanzar cara a unha Galiza máis igualitaria e sostíbel, senón financiar o funcionamento de CCOO, UGT e da patronal.
Fomento dos ERE, dos ERTE, das reducións de xornada e nulas políticas activas de desemprego
No relativo a políticas activas de emprego, o documento asinado non contempla nin unha soa medida real que cambie radicalmente a situación das persoas paradas de longa duración. O único que se introducen son cuestións referidas á análise da situación ou incorporación a un programa, ao que hai que sumar a lamentábel dotación orzamentaria que lle dedican a esta cuestión.
As axudas a empresas para a contratación de remudistas -contratos relevo- significa recoñecer a discriminación da actual lexislación española e fomentar a consolidación da mesma, ademais de instalarse, con carácter xeral, na lóxica do financiamento público das empresas de forma alegre a sen garantías reais, limitando ademais os colectivos que puideran ser beneficiarios.
Ademais, neste apartado renuncian a que se recoñeza o dereito á reposición do desemprego de moitas persoas ante o peche de empresas e reducións de cadros de persoal.
En relación ás axudas para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións económicas, ademais de afondar no anterior, en realidade están fomentar e facilitar os despedimentos de traballadoras e traballadores en empresas e medidas de destrución de emprego, facilitando os ERE e os ERTE e as reducións de xornada con axudas públicas que son miserábeis, que xeran problemáticas fiscais ao ter que declaralos a Facenda, ao tempo que seguen instalados na lóxica de darlle cartos ás empresas.
Tamén asumen a aplicación da reforma laboral, e introducen máis medidas para destruír emprego que para crealo.
Impulso de novas formas de explotación laboral e sen solucións para a crise industrial
Estamos neste apartado ante unha acumulación de estudos sen prazos, sen contido reais, sen unha soa medida para afrontar a crise industrial e as consecuencias que está a provocar a chamada transición ecolóxica. Recoñecen a súa incapacidade total para elaborar unha axenda galega, propia, non dependente do deseño inxusto e discriminatorio que dende Madrid e Bruxelas teñen feito para a nosa industria e que nos está a levar á ruína.
Especial gravidade ten cando Galiza é o territorio no que se rexistra maior caída de produción industrial, onde hai unha Lei de Fomento Empresarial que ten resultado de auténtico fracaso na creación de industria. Cando hai unha negativa do Goberno galego a poñer en marcha nin unha soa das 50 medidas contidas no documento ‘Por unha Alianza no sector industrial galego’.
Ademais, na CIG rexeitamos a submisión absoluta ás actuacións insuficientes e inxustas que o Goberno do Estado español ten en marcha e que están a provocar unha situación dramática coa aplicación do calendario de descarbonización, tal e como se recolle no apartado relativo a esta cuestión no documento do acordo.
Nese sentido, denunciamos que os asinantes desisten de que Galiza teña calquera clase de protagonismo ante a situación específica que padecemos, ou a ter unha planificación propia para adoptar as medidas necesarias para que esa descarbonización non sexa dramática para as traballadoras e traballadores das empresas atinxidas, para a economía e o emprego das comarcas afectadas e para todo o país.
Estamos ante un despropósito, porque nin sequera teñen en conta a necesidade de reverter as materias primas e a enerxía ao servizo do desenvolvemento industrial de Galiza.
Ridícula dotación orzamentaria
Xunto a isto, temos que denunciar a ridícula dotación orzamentaria que se destina a esta suposta estratexia de reindustrialización nas comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas de carbón. Non din nada de nada, non fixan prazos, non establecen medias paliativas para xa, porque é agora cando xa se están vendo afectadas. Nin tan sequera contemplan que se garante a inclusión de Galiza na estratexia de transición baixo as mesmas condicións e cos mesmos dereitos que outros territorios do Estado español.
No relativo á industria 4.0 chaman a promover a utilización de plataformas dixitais para fomentar a internacionalización das PEMES, con todo o que significa e que dende a CIG temos denunciado. Cómpre ter presente que a día de hoxe as plataformas dixitais e as novas realidades derivadas da industria 4.0 están a destruír emprego, fomentan a deslocalización e xeran novas formas de explotación laboral e de precariedade.
Apropiación indebida do AGA
Para disfrazar a súa incapacidade e darlle algún contido real ao acordo botan man do AGA, apropiándose, de forma indebida, indecente e irrespectuosa de acordos asinados recentemente no Consello Galego de Relacións Laborais relativos ao financiamento e á posta en marcha do servizo de mediación e arbitraxe de procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo individuais (AGA); isto supón unha usurpación e un desprazamento do Consello Galego de Relación Laborais, que é o organismo no que se aprobou.
Retroceso na loita por unhas cláusulas sociais xustas na contratación pública
Estamos ante a peor versión da aplicación da Lei de Contratos do Sector Público, xa que impiden, dificultan e renuncian a introducir medidas que favorezan a reversión ao público de servizos concesionados cos que se lucra o sector privado. Xunto a isto, denunciamos que se permite a licitación en lotes, poñendo así en perigo a situación das traballadoras e traballadores en moitas das concesións actuais.
Ademais, mentres a CIG está a denunciar a explotación laboral das persoas que traballan nos Centros Especiais de Emprego (CEE) polas condicións laborais precarias que se lles impoñen, demandando que se aplique o convenio de sector, tanto nos CEE con ánimo de lucro como sen ánimo de lucro, e advertindo de que pedirá a súa descatalogación se non muda a situación, CCOO e UGT avalan con este acordo a utilización e fomento destes centros, co que iso implica de discriminación e abuso das persoas con capacidades diferentes.
Os dereitos só se conquistan loitando!
Este novo acordo asinado entre os sindicatos CCOO e UGT e a patronal coa Xunta constitúe unha nova evidencia de que o chamado diálogo social non é a solución nin para a clase traballadora nin para a situación de emerxencia nacional e social na que nos atopamos.
Este novo acordo asinado entre os sindicatos CCOO e UGT e a patronal coa Xunta constitúe unha nova evidencia de que o chamado diálogo social non é a solución nin para a clase traballadora nin para a situación de emerxencia nacional e social na que nos atopamos.
Resulta lamentábel ver como UGT e CCOO contribúen a transmitir ao conxunto da sociedade galega falsas expectativas de solución aos graves problemas que provocan as nefastas políticas económicas e laborais que este mesmo Goberno aproba.
Con este novo acordo, UGT e CCOO asumen a súa submisión ao Partido Popular e á patronal, abandonando e traizoando a defensa dos intereses da clase traballadora e do pobo galego no seu conxunto.
Na CIG estamos cada vez máis firmes no convencemento de que os dereitos sociais e laborais non se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social.
Os dereitos conquístanse coa mobilización, e será loita da clase traballadora e do pobo galego a vía fundamental para a súa defensa e conquista e para alcanzar as políticas alternativas coas que na Galiza poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.
Por todo isto, faise máis necesario ca nunca traballar na consolidación e ampliación da maioría sindical que representa a CIG no conxunto do país, tendo en conta que o poder económico vai recruar a súa ofensiva para que a central non siga a avanzar e que as alternativas que defendemos non saian adiante.
Afondar na acumulación de forzas
É preciso afondar nos elementos fundamentais que vertebran a CIG, como o asemblearismo, a participación, a combatividade e a construción de organización para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade co obxectivo de acumular máis forzas para avanzar na construción de poder sindical, porque onde hai sindicato hai melloras reais nas condicións laborais e de vida.
Polo que é imprescindíbel unha acción sindical individual e colectiva atrevida e coherente para aproveitar ao máximo as fortalezas do modelo sindical da CIG co obxectivo de actuar en defensa da clase traballadora, nomeadamente onde aínda non hai organización sindical, onde os abusos laborais son maiores, onde a individualización das relacións laborais é total; en definitiva, onde hai máis explotación e discriminacións.