Máis que CIG-Autonómica

Dous anos e medio despois de finalizar a histórica folga na xustiza galega, aínda hai traballadores e traballadoras que están sendo perseguidas por defender os dereitos laborais de todo o persoal deste sector.

O martes 3 de novembro, a compañeira Chelo Rodríguez e o compañeiro Javier Fernández enfróntanse a un xuízo por un suposto delito de coaccións por exercer o seu labor sindical durante a folga da xustiza do ano 2018 como representantes do persoal.

Consideramos que é un caso absolutamente inxusto e desproporcionado, máxime cando un xuízo de faltas similar contra diversos membros do comité de folga da provincia da Coruña rematou cunha sentenza absolutoria.

Estamos ante unha clara persecución contra os delegados e delegadas sindicais máis reivindicativas na folga da xustiza e unha caza de bruxas contra daquelas centrais que non asinaron o acordo acadado a base de traizóns ás traballadoras que viñan de rexeitalo nas urnas.

Cómpre lembrar que a causa ten a súa orixe no escrito que a Letrada de Penal 6 dirixiu á Secretaría de goberno, quen a elevou á Fiscalía, e esta a enviou ao Xulgado de Instrución, despois de que un piquete informativo falara con ela nunha das xornadas da folga a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos. A letrada arrogouse unhas competencias que non lle corresponden para ampliar os servizos mínimos, sen que este abuso lle carrexara consecuencias mentres que Chelo e Javier seguen perseguidos sen motivo.

A denuncia tamén provocou a apertura dun expediente disciplinario que quedou en suspenso até que conclúa a vía xudicial. É dicir, ademais de ter que sufrir todo este proceso, cando saia a sentenza aínda se terán que enfrontar á resolución do expediente administrativo, sufrindo un dobre castigo. Por iso, dende a CIG seguimos demandando a absolución desta compañeira e deste compañeiro e o arquivo do expediente.

Durante estes dous últimos anos a CIG convocou distintas concentracións en apoio a Chelo e Javier e denunciando a represión sindical que están a sufrir, pero dada a actual situación sanitaria, consideramos que non procede concentrarnos o día 3 diante dos xulgados para mostrar o noso apoio e seguir denunciando a persecución sindical.

NON Á REPRESIÓN SINDICAL!!!
DEFENDER OS NOSOS DEREITOS NON É DELITO!!!

Outras novas recentes

Xoves, 25 Mai 2023

Cobertura de prazas de Medio Rural e a funcionarización

Nova oferta de comisións de servizo e chamamentos polas listas de contratación para a cobertura de prazas no Servizo de Incendios (SPIF) Nestes días estamos a vivir un novo episodio do caos que se está a producir co proceso de funcionarización do SPIF. Dende a Consellería de Medio Rural enviáronos unhas listaxes con prazas para a súa cobertura mediante comisión de servizos...
Xoves, 25 Mai 2023

Os negocios da Vicepresidencia Segunda da Xunta co Colexio de Psicoloxía de Galiza e coa Asociación Nacional de Peritaxe Social

A saturación nos equipos psicosociais dos IMELGA, da Xunta de Galiza, que presentaban un atraso na elaboración de informes periciais, nalgunhas delegacións de ata 2 anos, foi unha das críticas expostas polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na apertura do ano xudicial en setembro de 2022. A resposta inicial da Xunta foi o incremento de horas extras do...
Xoves, 25 Mai 2023

RPT de Augas de Galiza (para MX 29/05/23 e CP 30/05/23)

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Mesa Xeral de Empregados Públicos e da Comisión de Persoal que serán, respectivamente, o luns 29/05/23 e martes 30/05/23, coa seguinte Orde do día: RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE AUGAS DE GALIZA Descargar Esta modificación comezou a súa tramitación cos sindicatos o 4 de outubro do 2022. Case oito meses...