A central realizou mobilizacións e asembleas en todas as comarcas. As marchas de delegados/as da CIG reclaman un cambio radical nas políticas para termos protección social, emprego e industria en Galiza.
A CIG subliña a necesidade de retomar a mobilización e a resposta social para forzar que os gobernos lexislen a favor das maiorías sociais e non do capital. Canto máis se avance na crise derivada da pandemia manténdose este tipo de políticas inxustas e erráticas por parte do Goberno español e da Xunta, máis devastación haberá, tendo en conta que en Galiza xa estabamos nunha grave crise industrial, social e demográfica.
A crise non se pode enfrontar coas mesmas receitas neoliberais
Esta crise non se pode enfrontar coas mesmas políticas neoliberais que tanto dano teñen causado á clase obreira e que xa se demostraron fracasadas. Unhas políticas que chegan ademais nun contexto de pobreza xeneralizada e precariedade laboral froito da aplicación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva, e de profundos recortes e desmantelamento dos servizos públicos, o que nos deixa nunha situación moito peor e de maior debilidade que na crise de 2008.
Malia os compromisos públicos, o Goberno de coalición non só non derrogou as reformas laborais, das pensións e das prestacións por desemprego, senón que promove unha reedición do pacto social, con todo o que isto significa de políticas laborais inxustas, antiobreiras e de profundo españolismo. O novo acordo social asinado entre o Executivo de Pedro Sánchez, a patronal e os sindicatos españois, que cualificamos de "nova reforma laboral", non garante o emprego nin os ingresos das familias, que deixa en exclusiva nas mans da patronal as decisións sobre a continuidade e duración dos ERTE, ao tempo que se desvían cartos da Seguridade Social, o FOGASA e o SEPE para financiar as empresas.
Este tipo de políticas que o Goberno español están a aplicar son o caldo de cultivo para que a ultradereita poida medrar. O fascismo non se combate con receitas neoliberais nin con máis centralismo.
Feixoo máis preocupado polo rendemento electoral que polo futuro de Galiza
A CIG critica a xestión do Goberno de Feixoo, máis preocupado por facer electoralismo sen escrúpulos de ningún tipo e fomentar unha fraudulenta imaxe reivindicativa ante Madrid, que por exercer as súas competencias e por desenvolver as capacidades que como pobo galego e como nación temos para afrontar esta situación.
As receitas de Feijoo e da súa 'comisión de expertos' afondan no mesmo de sempre: máis regulacións, menos dereitos laborais e redución da carga fiscal para as empresas, promovendo un modelo económico baseado no fomento obsesivo do sector servizos e na eucaliptización do país. Mais Feixoo renuncia a pór en marcha unha política industrial que manteña os nosos sectores produtivos estratéxicos, eficaz para atraer novos proxectos e pechar os ciclos produtivos; a poñer os nosos recursos naturais ao servizo desenvolvemento económico e social de Galiza e non ao servizo da grandes multinacionais; e a reclamar unha transición enerxética xusta para Galiza.
Todo este conxunto de medidas que se nos están impondo converten a desescalada sanitaria nunha desescalada infernal nos dereitos laborais, o emprego e o benestar. Non podemos permitir que esta crise novamente a volva pagar a clase traballadora e o conxunto do pobo galego con máis precariedade, desemprego, emigración e pobreza.
A CIG fai un chamado a dar na rúa toda a resposta que sexa precisa para mudar esta situación e termos unha Galiza soberana e con futuro.