Manifestación nacional da CIG o día 3 de novembro en Compostela
- Detalles
Para a CIG é esencial ademais que as mobilizacións se leven a cabo antes de que as anunciadas reformas sexan aprobadas e non ten ningunha expectativa de que a remodelación do goberno vaia favorecer que se muden unhas políticas que xa estaban decididas polo goberno e respaldadas polo partido político que o sustenta.
Contra os orzamentos da Xunta
Pero esta mobilización pretende amosar tamén o rexeitamento da central sindical aos orzamentos presentados pola Xunta de Galiza. Uns orzamentos que segundo o secretario xeral, Suso Seixo, se caracterizan pola caída do capítulo de investimentos e por favorecer a entrada de capital privado desviando a orzamentos futuros os custos da construción dos novos hospitais e centros de saúde, favorecendo a privatización de servizos públicos esenciais e a precarización das condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras.
Para a CIG é imprescindíbel que se incrementen os investimentos produtivos para reactivar a economía e para que se cree emprego.
Neste sentido, e á vista dos datos da EPA do terceiro trimestre que se veñen de facer públicos, a falta de medidas estruturais fan albiscar un panorama moi negativo para o emprego en Galiza. Panorama que contrasta co optimismo do goberno galego, que recentemente aseguraba que o paro en Galiza non superaría, en 2011, o 15,1%.
Fronte a isto, a central sindical afirma que da EPA tírase que se segue perdendo emprego estrutural, nomeadamente no sector da Industria e que só se creou emprego temporal (o 94% dos contratos asinados en xullo, agosto e setembro, dos que a maioría foron de 1 a 3 meses e nun 68% no sector Servizos). Neste contexto a CIG prevé que en 2011 seguirá aumentando o paro, porque a Xunta de Galiza non adopta, nos orzamentos, medidas de apoio aos sectores produtivos e reproduce mimeticamente as impostas polo goberno do Estado.