Dende fai uns meses os sindicatos estamos a sufrir unha constante campaña de descrédito, especialmente dende o anuncio da folga xeral do mércores 29, e con mais virulencia a medida que se achega a data. A cada pouco salta na prensa que somos uns chupóns, que recibimos subvencións, que temos unha amplísima cuadrilla de liberados/as e delegados/as, todos vagos e malfeitores.
A campaña se repite con cada folga xeral
A maioría da xente non o lembra, pero non hai mais que ir ás hemerotecas para chegar á conclusión de que isto non é novo. Cada vez que se produce algún tipo de mobilización sindical contundente, especialmente cando se convoca unha folga xeral, atopamos páxinas e páxinas escritas con argumentos similares aos presentes.
O mellor inimigo é o que desiste de dar batalla, e que mellor que desmobilizar á clase traballadora para que as cousas vaian polo rego que interesa aos poderosos? Se os traballadores e traballadoras chegan á conclusión de que os sindicatos e os seus cadros son todos uns chupóns, desmobilizamos á masa social, e sen exército non se pode ir á guerra.
A campaña de descrédito ven por múltiples frontes, pero con especial saña dos grupos de ideoloxía mais conservadora (incluíndo medios de comunicación e Partido Popular). Curioso, pois estamos ante unha folga xeral convocada contra as medidas dun goberno "social-demócrata". Pero claro, hai que protexer aos amigos, á clase empresarial, desa orde de bárbaros traballadores/as que se atreven a pedir dereitos.
Subvencións: todos uns chupóns
Estamos ante unha reforma laboral, reforma das pensións, recortes salariais, e folga xeral. Estamos en crise, e o capital conseguiu abaratar os despedimentos e incrementar as posibilidades de privatizar servizos. Neste ambiente, como se atreven os sindicatos a abrir a boca, os sindicatos chupóns, subvencionados, que viven dos contribuíntes? Durante varios meses os ríos soaron, o que, claro, é que auga levan.
Destaca nesto o señor Rajoy, a señora Esperanza Aguirre, e agora tamén o señor Feijoo. O Partido Popular, na súa defensa do capital, é o mais crítico coa resposta social, supoñemos que por medo ao que lle poida afectar á conta de resultado das empresas.
A verdade que vende moi ben iso de que todos somos uns chupóns subvencionados, ao que temos que dicir que o Partido Popular está a amosar un cinismo de categoría: certo que os sindicatos reciben subvencións, e certo que reciben fondos para a formación dos traballadores e traballadoras, pero, como no evanxeo, que tire a pedra quen estea ceibe de culpa.
Asociacións veciñais, clubs deportivos, empresas privadas, cooperativas, autónomos, certames, festivais, festas.. até a Igrexa, asociacións empresariais e partidos políticos reciben subvencións (estes últimos por traballar arreo, non si?). Vivimos nunha sociedade subvencionada, e estariamos dispostos a sentarnos cos representantes políticos para discutir as subvencións, pero evidentemente, se falamos de todo, incluídos os partidos políticos. Hipócritas!!
Isto afecta a todos e todas, incluídos aos sindicatos. Mais, con orgullo, afirmamos que a CIG, que non é a organización mais beneficiada, é das poucas (se non a única) que ten un fondo de resistencia, un fondo dedicado a capitalizar diñeiro para casos de folgas de longa duración nas que a parte patronal gaña a batalla por inanición dos traballadores/as. E dito fondo nútrese reservando un euro mensual das contribucións dos afiliados e afiliadas. Isto ven a conto para afirmar que a CIG pode presumir de que ten un balance de contas óptimo, non comparábel cos de outras organizacións sindicais. Isto é, que tendo un número de afiliados/as importante e coa nosa economía saneada, podemos perfectamente sobrevivir sen ningunha clase de subvencións. Xa que logo non temos problema algún en chegar a acordos que acaben coas subvencións, a uns e outros, cos políticos que ladran.
Os vagos e malfeitores
Disque hai demasiados liberados/as e delegados/as, xente que so quere escapulirse de traballar. Pode ser, haberá de todo. Inclusive pode que haxa algún político que realmente traballe, que crea no que fai, que non amose a man por detrás a ver se cae algo, que se mereza o seu vergoñento salario, demais complementos e privilexios que eles mesmos fixan.
Os sindicatos, igual que os partidos políticos, asociacións e demais ‘chiringuitos’, reflicten a sociedade na que están inmersos. Haberá honrados e ladróns, traballadores e vagos, comprometidos e aproveitados.
Se nos baixan o salario, se o concurso ten unhas bases moi adaptadas, se disque houbo filtracións nun exame, se hai pouca ventilación, se a mesa e cadeira do traballo están derramadas, se temos pouco espazo, .., sempre somos os sindicatos os culpábeis porque non facemos abondo. Igual que antes, haberá de todo, non si? Pero, é posíbel ir á guerra sen exercito? Hai participación masiva nas accións sindicais?
Entre os delegados e delegadas, liberados e liberadas, haiche de todo. E na CIG presumimos de que, sendo certo o anterior, temos moita xente que traballa, que da a cara, que cre no que fai, que lle dedica ás súas funcións de representación moitas mais horas das que se pode pensar, sacando inclusive tempo á noite.
Por certo, que a CIG-Autonómica terá uns 20 liberados/as institucionais para toda a nación, nunha empresa que conta cuns 24.000 traballadores/as e centos de altos cargos estudando día tras día como servir mellor aos seus amos. A isto hai que sumarlle os liberados/as por acumulación de horas, liberacións que se conseguen acumulando o crédito horario de outros delegados/as (unhas 40 horas mensuais para os funcionarios e que se as ceden a outros, certo que producen algunha liberación, pero a costa de que moitos delegado/a cedan o seu crédito horario).
Un dereito fundamental
A figura das delegadas e delegados sindicais existe porque hai una lei orgánica detrás e hai unha lei orgánica porque a liberdade sindical é un dereito fundamental. O Sr. Feijoo deberá facer unha última relfexión sobre que máis dereitos fundamentais está disposto a reformular porque "estamos en crise".
O número de delegadas e delegados regúlase en función do apoio e votación democrática das traballadoras e traballadores no seu dereito lexítimo. Se comeza a tirar pedras contra a representación democrática, as seguintes reflexións do Sr. Feijoo poderían ir na seguinte liña: por que entón non 30 parlamentares en lugar de 75? por que non goberna só o partido máis votado e suprimimos os concellais e parlamentares? por que non nos cargamos o senado? por que non tamén o congreso?. Non sería razoable en época de crise suprimir o poder lexislativo xa que os mercados ditan as normas? Non sería máis económico recuperar a dictadura!!??
Reflexións de Feijoo
Feijoo entrou na guerra aberta por Rajoy e Esperanza Aguirre. É un asunto que vende ben ante a opinión pública e que coa desmobilización das masas que o día 29 de setembro deberían, en conciencia, saír á rúa a demandar mellores condicións de vida, vai axudar que a clase empresarial consolide as melloras que lles agasallou o PE (Partido Español, que o Socialista e o Obreiro xa o perderon).
Aceptamos a reflexión que nos ofrece Feijoo: propoñémoslle unha proporcional redución de axentes e liberados políticos; propoñémoslle unha redución de liberados da CEOE e contratos subvencionados das organizacións de empresarios; propoñémoslle unha redución de gabinetes, asesores, ..; e tamén lle propoñemos unha redución dos privilexios e retribucións dos políticos.
Para rematar, tamén lle propoñemos unha reflexión sobre este xustísimo sistema en que os bancos e especuladores primeiro se forran para levarnos á ruína despois, e, non pasa nada, o pagamos entre traballadores, traballadoras e pensionistas.