“En defensa do emprego e as prestación sociais” será o lema baixo o que a CIG vai desenvolver este ano a campaña do Día da Clase Obreira Galega. O vindeiro 10 de marzo a central convoca aos traballadores e traballadoras a participar nas concentración e manifestacións organizadas en cada unha das comarcas na defensa dos postos de traballo. Ademais, o 11 de Marzo farase entrega en Compostela do premio co que a central quere recoñecer publicamente aquela loita dos traballadores e traballadoras que sobresaíra durante o ano anterior polas súas características e por servir de exemplo para o futuro.
Como cada ano, a CIG ten organizadas mobilizacións para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, reivindicar melloras para os traballadores e traballadoras e lembrar os feitos que marcaron aquel histórico ano 1972. A central viña organizando habitualmente mobilizacións nas cidades de Ferrol e Vigo, aínda que, nesta ocasión, dada a gravidade da crise económica, a CIG decidiu ampliar os actos a todas as comarcas.
Desta volta as reivindicacións céntranse nos dous temas prioritarios que máis preocupan á clase traballadora neste momento: a caída do emprego e a garantía das prestacións sociais. O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, referiuse neste senso ás elevadas taxas de destrución de emprego que se veñen rexistrando nos últimos meses na Galiza, e que afectaron fundamentalmente aos/ás contratados/as a tempo parcial. “Até agora as empresas rescindían os contratos temporais, ao tempo que non creaban novos postos, o que levou a unha caída importante da contratación”. Non obstante, agora tamén se atopa en perigo o emprego estábel. “hai ameazas serias de EREs, principalmente suspensións temporais, pero se a crise non se arranxa nun período curto comezarán a incrementarse os expedientes de extinción de emprego”.
Ligada a esta características do emprego en tempos de crise atópase a cuestión das prestacións sociais. Dende a CIG esíxese ás administracións que garantan a ampliación do dereito á cobertura das prestacións sociais, xa que o elevado número de traballadores e traballadoras que pasan ao desemprego logo dun contrato a tempo parcial, provoca que as prestacións sexan por períodos breves. Neste contexto resulta imprescindíbel retomar unha vella reivindicación da CIG: a creación do salario de inserción social, como recurso de auxilio até a incorporación de novo ao mundo do traballo. Nunha data tan significativa corresponde aos traballadores e traballadoras deste País sentar as novas bases de solidariedade e dereitos no traballo.
Xuntanza co futuro presidente da Xunta
Perante o cambio xurdido tras os resultados do pasado 1 de marzo, o Secretario Xeral da CIG, avanzou que está previsto un encontro o vindeiro luns 9 de marzo entre o futuro presidente da Xunta e as organizacións sindicais deste País. Xuntanza na que Seixo dará traslado a Alberto Núñez Feijóo das reivindicacións realizadas dende a central contra a crise económica. O Secretario Xeral reiterou a necesidade de levar a cabo unha forte apostar polo investimento público e produtivo, así como aumentar o gasto social, co obxectivo de relanzar a economía. Ao tempo, avoga por garantir a inxección de recursos ao sistema produtivo galego e ligado a esta proposta a necesidade de crear unha Banca Pública Galega a través da que canalizar os recursos ao sistema produtivo e ás familias.
Seixo proporá na reunión a necesaria reforma da Lei de Caixas de Aforro e “reclamaremos un compromiso claro cos investimentos públicos destinados a ámbitos fundamentais como o ensino ou a sanidade”, apunta Seixo. Dende a CIG vaise exixir ao futuro goberno da Xunta que non faga efectivos os cambios que ten anunciado en materia de lingua (como a derogación do decreto do galego), “porque nos parece que sería afianzar as políticas de abandono da defensa do noso idioma, unha práctica iniciada polo anterior goberno do PP e que neste momento pretende mesmo ser agresivo con normas consensuadas que supoñen unha mínima protección para o galego”, afirmou Xesús Seixo.
Programa de mobilizacións:
Ferrol: manifestación ás 20 horas dende o local da CIG (Avda. do Esteiro).
Vigo: manifestación ás 20:00 horas dende a Vía Norte.
A Coruña: concentración ás 12:00 e posterior manifestación até a Delegación do Goberno.
Compostela: concentración ás 11:30h na Praza de Galiza.
Pontevedra: Manifestación ás 12:00 dende o Pazo da Cultura até a Subdelegación do Goberno, con concentración na rúa Michelena.
Ourense: Concentración ás 11:30 horas na rúa do Paseo.
Lugo: Concentración dende ás 11:30 horas na rúa da Raíña.
A Mariña: Asemblea-concentración de delegados de Alcoa e fábricas auxiliares nas instalacións da empresa do aluminio.