Queremos Galego convoca mobilizacións e outros actos de protesta en rexeitamento do ditame supostamente favorábel á retirada dun libro de texto escolar por reproducir que “o galego é a lingua propia de Galiza".
A plataforma cidadá Queremos Galego, integrada por máis de 700 entidades sociais de diferente tipoloxía, entre elas a CIG, convoca para esta quinta feira (xoves) 15 de decembro ás 11.30 da mañá unha concentración diante da sede do Valedor do Pobo, en Santiago de Compostela.
O motivo da convocatoria é protestar pola resolución do Valedor de instar, tal e como recollían onte algúns medios de comunicación, á retirada dun libro de texto da materia de Coñecemento do Medio que reproduce literalmente o artigo 5.1 do Estatuto de autonomía: “O galego é a lingua propia de Galiza”.
Para a plataforma cidadá é “un auténtico despropósito” que o representante dunha institución encargada de velar polos dereitos das cidadás e dos cidadáns de Galiza perante os Poderes públicos do país, entre os que están os dereitos lingüísticos, “poida ditar unha recomendación que equivale a descoñecer lexislación lingüística tan básica como a que emana do Estatuto de autonomía”.
Para Queremos Galego, decisións como esta “inhabilitan” a Benigno López para seguir no seu cargo “nin un minuto máis”, toda vez que o actual titular xa se ten caracterizado noutras ocasións por declaracións e actuacións “pouco proclives a considerar o galego como unha lingua plenamente oficial”.
Por isto, ademais da concentración convocada para esta quinta feira a plataforma cidadá anima a toda a cidadanía a escribir á presidenta do Parlamento de Galiza, Pilar Rojo, para que cese a Benigno López a mesma institución pola que foi no seu día nomeado.
Accións de Queremos Galego contra a censura dun libro de texto que reproduce o artigo 5.1 do Estatuto
1) Concentración esta quinta feira (xoves) ás 11.30 h diante da sede do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, en Santiago). Ao finalizar, entregaremos un escrito exixindo a súa dimisión.
2) Mobilización este sábado ás 17 h na praza do Toural (Santiago de Compostela), exixindo o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación, que deu amparo á censura dun libro de texto por dicir que o galego é a lingua propia de Galiza.
3) Envío de correos individuais á presidenta do Parlamento para que os grupos políticos cesen o Valedor: Descárgao aquí.Envíao ao correo da Presidenta do Parlamento:pilar.rojo.noguera@parlamentodegalicia.com
4) Envío de correos individuais ao presidente da Xunta para que cese o conselleiro de Educación: Descárgao aquí. Envíao ao correo do Presidente da Xunta: secretaria.presidente@xunta.es