Novas por contido

O obxectivo é a elaboración dunha alternativa que concrete os incumprimentos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), así como dos acordos nacionais e internacionais que amparan o galego, e propoña accións concretas que comprometan a colectivos sociais e institucións na súa execución, partindo dos acordos unánimes.

Coa finalidade de acadar avances na normalización da nosa lingua e garantir a súa presenza e oferta en todos os espazos e para todos os usos, acadáronse e ratificáronse acordos nacionais e internacionais, entre os que salientan a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (1996), a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas (2001), o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG, 2004), o Protocolo de Donostia para a garantía de dereitos lingüísticos (2016) e a Lei Paz Andrade (2014)

Porén, estes acordos non se respectaron e as medidas que sinalaban non se aplican. Chegouse, incluso, a lexislar na súa contra, co resultado da aceleración da tendencia negativa no uso do galego e unha porcentaxe de incapacidade para falalo inédita até agora. Co obxectivo de mudar este rumbo do galego e parar a emerxencia lingüística, a CIG forma parte da plataforma Queremos Galego, e participa activamente no Proceso social de Lingua Vital.

O sábado 20 de setembro tivo lugar a primeira xuntanza dos grupos de traballo deste Proceso social de Lingua Vital, para elaborarmos unha alternativa que dea resposta ás necesidades lingüísticas actuais. Estes grupos abranguen os 7 sectores seguintes:

  • dereitos lingüísticos
  • onomástica, toponimia e corrección lingüística;
  • servizos públicos (saúde, xustiza, administracións: local, autonómica e estatal)  
  • ensino e mocidade
  • medios de comunicación e novas tecnoloxías
  • ámbito socioeconómico
  • lusofonía e proxección exterior

Un primeiro paso dos traballos é debater, decidir e poñer en común as propostas. No caso do PXNLG os nosos obxectivos son:

  •  Avaliar o cumprimento das medidas contempladas no PXNLG: cada sector e ámbito ten unha serie de medidas no PXNLG. Trátase de identificar o grao de cumprimento e efectividade de cada unha delas.
  • Identificar os principais obstáculos para a efectivización das medidas incumpridas: coñecer o motivo polo que as diferentes accións propostas foron incumpridas e que cómpre remover, modificar ou aplicar para a súa execución.

O proceso continuará nos plenarios comarcais de Queremos Galego durante o mes de outubro, coa participación de asociacións e colectivos de ámbito local e persoas a título individual que realizarán achegas ao proceso.

Para o mes de novembro os grupos de traballo debaterán todas as propostas recollidas e acordaremos os resultados que serán plasmados no documento final, que recollerá as prioridade das accións e un calendario de execución.

Lingua Vital Xa! 

 

Outras novas recentes

Venres, 23 Outubro 2026

Voto en contra do PP a máis cursos de galego e á xornada completa do persoal lingüista (Pleno do Parlamento do 20/10/26)

Un grupo nutrido grupo de lingüistas e unha representación da CIG acudimos ao Pleno do Parlamento o 20 de outubro, onde se debateu sobre a situación límite que está a soportar este persoal e a altísima demanda de formación en galego desatendida ano tras ano pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). O BNG presentou unha iniciativa para ampliar a dotación de cursos...
Luns, 19 Outubro 2026

Convocatoria promoción interna A2-Inspección de consumo (para MSF 20/10/26)

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convoca Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario para o martes 20 de outubro, para discutir a convocatoria da promoción interna á escala de inspección de consumo, subgrupo A2. Descargar. Outra vez nos envían a documentación sen tempo abondo para a súa difusión e preparación, sen unha negociación...
Venres, 16 Outubro 2026

A Dirección Xeral de Emprego Público pasa o rolete pola Lei de medidas e a Lei de orzamentos de 2027, sen negociar (CP 15/10/26)

Na xuntanza da Comisión de Persoal do 15 de outubro, a directora xeral volveu ás andadas de facer imposíbel calquera posibilidade de negociación efectiva, impedindo que haxa calquera avance nas condicións laborais do persoal da Administración xeral da Xunta e entes. Xa se está a convertir en costume ter que dicirlle á diretora xeral de Emprego Público que coa CIG non conte...