Novas por contido

A CIG esixe que a Conselleira de Política Social abra mesa de negociación válida coa representación legal do persoal

Coñecemos por informacións nas redes de que a Conselleira de Política Social ten convocado reunión para tratar o problema do persoal dos seus centros coas organizacións sindicais. Destes encontros a CIG aínda non tivo comunicación oficial, nin tampouco os Comités de Empresa provinciais nin o Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta.

Si Fabiola García agora, logo de máis dun ano calada co noso conflito, esta a tratar unha posible negociación de condicións de traballo fóra das mesas de representación dos traballadores que sabe perfectamente que non ten validez....Non será unha manobra para dilatar e bacilar aos sindicatos e así non entrar no fondo do conflito?

Esto é serio de máis para facer unha carreira a ver quen se reúne antes mais cando sabemos que non vai servir para nada. Dende a CIG dirixímonos a Conselleira de Política Social para instar a negociación nas mesas legais xa que temos que ser os sindicatos que vos representamos xuntos os que nunha mesa formal de negociación traballemos a prol da mellora das condicións de traballo si non é tempo perdido.

Que van facer CCOO e UGT, que son representación minoritaria, negociar “acuerditos” de eficacia limitada para os seus afiliados excluíndo ao resto das traballadoras?

A loita pola que nos mobilizamos todos estes meses esta clara:

Recuperar os artigos suspendidos do V Convenio Colectivo Único da Xunta de Galiza, como a compensación de domingos e festivos, dous fins de semana alternos libres ao mes, os 7 festivos anuais….
Ampliación do cadro de persoal dos centros, que se rebaixou en máis de 800 contratos anuais dende 2012, reforzando así o servizo que esta nunhas condicións insoportables a costa da saúde e a seguridade de todos traballadores que coidamos e atendemos as persoas.
Aumentar as prazas de xestión pública recuperando os servizos públicos privatizados
• Mellorar os medios materiais e a formación de cara a aumentar a seguridade e a calidade do servizo

O xoves 18 participamos nunha xuntanza con AGACAL para discutir a futura Resolución que rexerá na elaboración de listas de contratación temporal de persoal investigador. Asistimos os sindicatos con representación na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

No segundo borrador modificaron algunha cousa, pero menteñense outras discrepancias. En grandes liñas:

  • Van recrutar persoal investigador senior, con requisito de título de doutor/a, anos de experiencia como investigadores principais, publicacións internacionais, patentes etc... que será xente que parece que é para liderar proxectos de investigación... pero... temporalmente. Que futuro tenen eses proxectos se logo a xente remata os contratos? Van contratar outras persoas sucesivamente, en precario, en vez de postos estables?

  • Poñen como requisito ser doutor/a, ter acadada a suficiencia investigadora ou DEA. Pero tamén vale estar matriculada/o nun curso de doutoramento. Non parece moi equilibrado.

  • O idioma galego ten que ser requisito, Celga 4. Non vale un “compromiso” de sacalo. E se o Celga 4 é requisito, non poden puntuar niveis inferiores.

  • O idioma inglés ten que ser requisito, non mérito. 

  • Algo que é un requisito, non pode ser un baremo.

  • Non pode ser que ter DEA (co que eso implica) teña un valor de 2 puntos e unha persoa simplemente por estar matriculada xa teña 1 punto.

  • Non aceptamos que puntuen o mesmo a experiencia en empresas privadas que no sector público.

  • Teñen que ampliar os prazos de tres días para reclamar a valoración de méritos.

  • Se elaboran unhas listas para simplificar a contratación temporal, non poden vir con procesos selectivos restrinxidos cando excepcionalmente o consideren. E se meten o proceso selectivo, terán que sentarse a falar das bases.

En definitiva, a futura Resolución avanzou algo, pero ainda lle falta.

Teñen previsto sacar as listas en abril-maio, e xa en xuño funcionando.

A CIG quéixase no Consorcio polo emprego de comentarios de whatsapp para a xestión da vacinacion e a reorganizacion das citas do persoal

Dende a CIG coidamos que o sistema de comunicación da Xerencia Adxunta da rede de escolas infantís “A Galiña Azul” ten coas direccións é surrealista de todo. Nel, e por medio de audios e textos transmitidos por whatsapp, dita instrucións e suxestións nas que abondan as apreciacións e opinións persoais.

Non é a primeira vez, e agora repítese coas vacinacións. Así hai situacións que rozan o absurdo: audios da xerenta valorando os efectos secundarios da vacinacion, incluso cuestionándoos e dubidando das traballadoras se non van a traballar. Chega a dar a entender que se alguén presenta síntomas ou se atopa mal (incluso febrícula ou outros compatibles coa Covid19 e outras infeccións) ten que ir traballar. Pon como exemplo que o persoal sanitario foi traballar igual (por certo con outra vacina).

Ao longo dos audios sementa todo tipo de valoracións sobre as citacións das vacinas, por se coincide todo o persoal da escola ou as parellas educativas, polo que se terían que pechar aulas. Indica ás direccións dos centros que comuniquen ao cadro de persoal que non vaian vacinarse se citan a moitas traballadoras; que xa se encarga ela de reprogramar a vacina con Sanidade.

Dende a CIG insistimos que a comunicación do cambio ten que ser feita por un medio oficial ás traballadoras para que o Sergas non as deixe fóra por non asisitir a súa citacion por SMS.

En definitiva, tería a ben a xerenta adxunta das escolas infantís comunicarse coas traballadoras públicas a través dun sistema formal e non a través de audios de whatsapp? A alguén se lle ocorre que unha dirección poida negar o dereito a asistir a unha citacion do Sergas a unha traballadora por uns comentarios nun audio dun grupo de whatsapp?

Somos conscientes de que o servizo ten que cubrirse e que se fixo mal a xestión previa das listaxes enviadas dende o Consorcio ao Sergas, porque sempre van tarde, mal e arrastras. Non admintimos que se faga arriscando a saúde das traballadoras nin de toda a comunidade educativa!!

Suspendida dende o luns a vacinacion pola prohibición das vacinas de AstraZeneca, esperamos que cando se reactiven o fagan ben, agora que xa teñen “a experiencia”. Serán quen de facelo?

En resposta á denuncia presentada pola CIG-Autonómica en setembro do ano pasado, a Inspección ven a constatar que a consellería de Educación incumpriu todos e cada un dos requirimentos que lle fixo despois de detectar irregularidades.

O requirimento que practica a Inspección de Traballo consta de 8 puntos:

No primeiro punto, e en relación á revisión da avaliación específica de exposición á Covid diferenciando as tarefas de máis risco ou as peculiaridades de determinadas actividades coma as do persoal coidador, a consellería mantense na súa posición entendendo que non teñen que levar a cabo ningunha revisión polo que non cumpre o requirimento practicado pola inspección.

No segundo punto, respecto da valoración do persoal especialmente vulnerable e da adaptación do seu posto a consellería volve a entender que non procede modificar a avaliación e polo tanto tampouco modificar a valoración do risco nin a adaptación de ningún posto, atrevéndose incluso a indicar que a maioría dos casos positivos son alleos aos centros e importados do ámbito persoal e familiar, polo que a inspección volve a concluír que non se cumpre o requirimento, que estima que determinadas funcións ou postos están sometidos a un risco maior que o de “baixa probabilidade de exposición” aplicado a todos por parte da consellería.

No terceiro punto, no que a inspección fai unha análise de varios protocolos de centros tipo, esta indica que o seu contido é practicamente idéntico salvo cuestións intrínsecas a cada centro e que non afectan ás medidas de prevención e deixa constancia de que son anteriores a última versión do protocolo polo que habería que revisalos e que ademais conteñen contradicións.

Neste punto incluso a inspección indica que nada se di da protección do persoal coidador que non pode manter as distancias, exposto máis de 15 min, en espazos pechados.... e que a xuízo da inspección debe implicar unha unha valoración sobre o nivel de exposición do/a traballador/a e a necesidade de dotar a este persoal de epis adecuados (polo menos de protección das vías respiratorias de nivel FFP2 nas tarefas de maior risco).

No cuarto punto, a inspección solicita que se faga unha revisión das avaliacións tipo adaptas á ultima versión do protocolo tendo en conta as modificación propostas pola inspección a volve a responder que tales modificacións son “insignificantes” e que non atenderá as modificación proposta polo que non se cumpre co requirimento practicado pola inspección.

No quinto e sexto punto, no que se solicitaba que se resolveran as incongruencias sobre os epis a empregar en diferentes tarefas, así como a garantir a posta a disposición dos mesmos ó persoal, a consellería segue sin atender ás recomendacións da inspección e novamente esta volve a concluír que non se xustifica o cumprimento do requirimento, xa que a pesar de reiterar a necesidade de xustificar a entrega de mascaras FFP2 e ficha técnica das mesmas, a consellería non aporta esta documentación e tampouco se acredita a entrega de máscaras cirúrxicas xa que indica descoñecer que si os epis están ou non a disposición do persoal.

No sétimo punto en canto a formación e o reforzo de limpeza:

  • En canto a formación a inspección determina que non queda acreditado que todo o persoal dos centros de ensino recibira a formación pertinente.

  • Respecto do reforzo de limpeza a Vicesecretaria da consellería fai un informe no que pon de manifesto que o reforzo da limpeza que esixe o protocolo Covid non implica obrigatoriamente a necesidade de incrementar o persoal e que se reforzou naqueles centros nos que se solicitou, en canto o persoal de cociña entende que tampouco se precisa ese reforzo baseándose en que con carácter xeral neste curso diminúe o número de alumnado que solicitou o servizo de comedor.

A inspección neste punto non atopa irregularidades xa que os datos analizados son moi xenéricos.

No punto oitavo, respecto do dereito de información, consulta e participación da Representación Legal dos Traballadores a inspección determina que non procedeu ó cumprimento en todos os términos do requirimento xa que non se atendeu ás nosas solicitudes de negociación do protocolo a aplicar e tampouco se concreta como se levará a cabo o seguimento da súa aplicación.

En conclusión... a consellería de Educación segue a considerar que está por encima do ben e do mal, non atende a ningún dos requirimentos da inspección de traballo, tira balóns fóra e despreza o seu persoal. Estudaremos medidas.

O director xeral de Función Pública anunciounos o mércores 17 no medio dunha xuntanza, que nos convocaban para negociar o luns 22 a Oferta de Emprego Público do ano 2021, dos postos dependentes de Función Pública (persoal funcionario e laboral de Administración, agás persoal funcionario de escalas sanitarias).

Xunto á convocatoria enviaron os criterios xerais da OEP, pero sen números, que enviarán o mesmo luns 22 (se cadra un ratiño antes de sentarnos, para que nos dea tempo a mirala un pouco e así poder discutila).

Un ano máis, o goberno do PP na Xunta converte a obriga legal de sentarse a negociar nun mero trámite formal, con todo xa decidido antes de sentarse, sen mover unha letra. Se cadra tan só llo adiantaron un pouco antes a CCOO e UGT, para que non se queixen.

O que nos adiantou o DXFP é que os criterios da OEP serán similares aos do ano anterior. Así que xa nos facilitaron o traballo, pois o ano pasado, fixeron o mesmo, non nos deron tempo sequera a alegar por escrito, e centramos a nosa actividade en discutir o pouco que nos deixaron e a facer denuncia pública. Esto dixemos o ano pasado:

A proposta da consellería implica a destrución de 17 postos de traballo de grupos baixos e cobertura mediante concurso ordinario para a financiación da creación de 10 altos (dous postos de subdirector/a xeral, cinco servizos, duas secciósn e un secretario/a de alto cargo), todos postos abertos a outras administracións e cobertura mediante libre designación ou concurso específico.

A proposta de modificación da RPT de Política Social vai ser discutida nunha xuntanza coas persoas responsábeis políticas da consellería o mércores 17 de marzo. 

Na escasa documentación que nos entregan (unicamente unha memoria, sen información económica), queda claro o que lle gusta ao goberno do PP:

- Crear 10 postos altos, abertos a outras administracións para poder traer amigos/as ou compañeiros/as de partido mediante libre designación ou concurso específico. Crean xerarquía pero reducindo as posibilidades de promoción do persoal propio de grupos altos.

- Destruen 17 postos de niveis baixos, dos que 15 son de concurso ordinario. Algúns vacantes puras, outros ocupados con titular. Entre outros: 

  • 11 postos base C2 (nivel 12), outro C1/C2 (nivel 16), un posto base C1 (nivel 14), unha xefatura de grupo C1/C1 (nivel 14), e un posto de telefonista.
  • No lote da destrución van dous postos que non son de concurso ordinario: un posto de director/a dun centro, libre designación, nivel 25, AXG; e unha xefatura de servizo, concurso específico, nivel 28, AXG.

Esta é a proposta: ligazón. Se queres aportar algo, contacta coa CIG.

A CIG vén de presentar denuncia contra a Xunta por non subministrar máscaras FFP2 ao persoal das escolas infantís e os centros de maiores a pesar de ser requirida pola autoridade laboral.

Nas escolas infantís, centros de día e residencias de maiores dependentes do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar, da Axencia Galega de Servizos Sociais e residencias de xestión directa, dependentes da Consellaría de Política Social, as persoas usuarias non levan máscara (escolas infantís de cero a tres anos) ou non a levan en moitos momentos da xornada (persoas maiores dependentes, menores residentes ou incluso persoas con discapacidade ou diversidade funcional).

A CIG denunciou xa no mes de agosto na dirección territorial de Galiza da Inspección de Traballo e Seguridade Social, entre outras cuestións, a falta de equipos de protección individual de protección respiratoria para o cadro de persoal de escolas infantís porque os nenos e as nenas non levan máscaras e, evidentemente, non se pode manter a distancia de seguridade. Que ten unha crianza ao seu coidado ten que darlle afecto, o que implica proximidade, hai que collelas no colo para consolalas, darlles de comer e cambialas; momentos estes nos que se expulsa gran cantidade de aerosois.

Tamén puxemos en coñecemento ante a Autoridade Laboral a falta de máscaras FFP2 nos centros de día e residenciais para a protección do cadro de persoal exposto ao risco. Moitas das persoas usuarias dos centros de maiores sofren demencias, polo que sacan a máscara, e teñen que ser axudadas no aseo (da boca tamén) e na inxesta (nese momento acostuman tusir por broncoaspiración), ou simplemente non a poden ter colocada todo o día.

A autoridade laboral, despois de realizar as dilixencias oportunas e requirir a protección respiratoria do persoal mediante as máscaras FFP2, maniféstanos que a Administración xa lle comunicou a súa decisión de non proceder a subministrar estes EPI para as escolas infantís e os centros de maiores.

Para xustificar a sua negativa a protexer ao persoal deste risco laboral a consellería de Política Social e o Consorcio achegaron á inspección de traballo un informe do Comité Clínico no que indican que non é necesario usar máscaras FFP2 nestes servizos e, aínda así, a autoridade laboral, reitera no seu requirimento e resolve que teñen que subministrar estes EPIS aos cadros de persoal.

Pero, quen é o comité clínico, do que apenas se sabe nada e é quen de indicar que non se precisa protección respiratoria para traballar con persoas usuarias sen máscara? É o mesmo que lle indicou ao Señor Feijoo que esixira unha resposta do Ministro de Sanidad de que as máscaras FFP2 deberían etar indicadas na poboación xeral?

Para máis, a conselleira de Política Social, Fabiola García, nas súas visitas aos centros de traballo, preséntase usando as máscaras que non quere dar ao seu persoal. En resposta, a CIG presentamos unha denuncia contra a Xunta por pasar da lexislación en materia de protección de riscos laborais e ignorar á autoridade laboral.

Recibimos un segundo borrador da Resolución que regulará o proceso de elaboración das listas propias da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), para a contratación temporal de persoal investigador e abre o prazo de presentación de solicitudes en 2021.

Estamos convocados a discutilo coa axencia, o xoves 18 de marzo. Se queres dicirnos algo sobre o asunto, contacta coa CIG.

Recibimos proposta de modificación da RPT de Atriga, consistente en:

  • Abrir á estala técnica de finanzas aos postos de delegado/a (Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).
  • Incrementar o nivel das xefaturas de unidade de inspección (de 26 a 27) e subxefaturas (de 24 a 25).

A proposta tan só toca eses dous aspectos, e para financiar o incremento de orzamento botan man de "remanentes" (amortizacións anteriores de postos baixos? Veremos).

A xuntanza vai ser o martes 16. Se queres comunicarnos algo, podes contactar coa CIG.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está metido en medio dun proceso que xenera moitisimas dúbidas entre o seu persoal. 

Vamos a tentar respostar ás cuestións que quedaron pendentes da anterior asamblea, e procurar atender as que recibamos polo chat durante a asemblea que transmitiremos en directo por YouTube.

Lembra que para empregar o chat e así poder participar en directo, YouTube require que te identifiques cunha conta de gmail. Lembra tamén que YouTube permite modificar a calidade dos videos (nós imos emitir a 720 píxeles): revisa a túa calidade premendo na roda dentada que verás no curruncho inferior dereito da pantalla de YouTube.

Ir á emisión en directo da Asemblea: https://i.gal/consorcio180321

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

A CIG demanda o aumento de efectivos de axentes ambientais e que se cumpran os compromisos adquiridos

Tras a primeira xuntanza do Consello da Xunta, o presidente Rueda falou de que “hai unha grande intencionalidade” detrás dos lumes acontecidos estes días. Polo tanto dende a CIG demandamos en consecuencia o aumento de persoal para poder facer fronte a elevada actividade incendiaria. Dende a CIG denunciamos que actualmente dos 387 axentes ambientais pertencentes a...
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...
Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...