Novas por contido

Poñemos a túa disposición o folleto de retribucións para o ano 2021 do persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración autonómica de Galiza.

A CIG reparte o folleto de retribucións en papel impreso todos os anos. No ano 2020 tivemos que interrumpir o reparto por mor do confinamento. Este ano 2021 non o imprimimos tamén pola pandemia. Pero poñémolo a túa disposición en arquivo informático por se queres consultalo e conservalo.

Agardamos que para o ano 2022 a cousa estea xa normalizada.

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria enviounos unha proposta de instrución de servizos mínimos do persoal laboral que ocupa praza nos diferentes centros de formación da axencia, e convocounos a unha xuntanza para discutilo o mércores 3.

Se queres achegarnos algo sobre o asunto, contacta coa CIG.

A Consellería do Medio Rural privatiza a tramitación de solicitudes de cortas de uso doméstico para deixala en mans dunha empresa privada, coa conseguinte perda do servizo público para as persoas administradas.

O recente anuncio por parte da Consellería do Medio Rural da tramitación dos permisos de uso domestico a través do teléfono 012, que ademais é un teléfono de pago con custe, é unha clara privatización do servizo. Con anterioridade a xuño de 2020 (momento de entrada en vigor do decreto 73/2020 que establece a obrigatoriedade de que todas as solicitudes de aproveitamentos madeireiros sexan telemáticas) podíanse tramitar nas oficinas agrarias comarcais ou nos distritos forestais por persoal empregado público da Consellería de Medio Rural.

Esta imposición da comunicación telemática obrigatoria dirixida a unha poboación rural cada vez máis avellentada foi amplamente criticado pola nosa central sindical. Unha imposición ás bravas que incumpriu as garantías da propia Lei de Administración Dixital de Galicia que requiría un estudo previo da competencia dixital da poboación a que se dirixía a medida e que se saltaron totalmente. Así dende a CIG demandamos en numerosas ocasións que as declaracións responsables de uso propio, corta de madeira para leña para o consumo no fogar, se poda realizar tamén de xeito presencial Para elo esiximos que a Consellería de Medio Rural faculte de maneira urxente ao persoal habilitado para que as persoas que acudan aos Distritos Forestais poidan realizar o trámite correspondente, e non teñan que chamar ao 012.

Fixeron caso omiso e a a Xunta de Galiza continúa afondando no incumprimento das súas propias normas, en concreto o establecido no artigo 77 da Lei 4/2019 de Administración Dixital de Galiza: «Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado», créase o rexistro autonómico onde constará o persoal funcionario habilitado para a expedición de copias auténticas e a realización da identificación e da sinatura electrónica das persoas interesadas que carezan dos medios electrónicos necesarios. No artigo 12 desta mesma norma, fala da igualdade dixital nos seguintes termos para o rural: “Así mesmo, prestarán especial atención aos factores que poidan agravar as dificultades de relación dixital, en particular a idade, a localización no medio rural ou a situación de precariedade económica ou de exclusión social.”

O telefono 012 do Centro de Información Xunta de Galiza 012 é un telefono de pago e que está saturado, posto que é o encargado de tramitar varios servizos da Xunta como son:

• Demanda de emprego
• Medidas derivadas da Covid 19.
• Permiso de queimas, agro, gandería, cortas de madeira, avisos de Vespa velutina.
• Información turística, vivenda, reclamacións eléctricas.
• Dependencia, discapacidade, Servizo Quérote.
• Demandas de emprego, listas contratación, procesos selectivos.
• Incidencias telemáticas, cita no rexistro.
• Danos de lobo, danos de Xabaril...

Tamén dende a CIG denunciamos que o teléfono 012 sufre fallos con consecuencias directas para os usuarios/as que poden ver perigar a súa axuda ou ser sancionados/as. Algunhas das eivas e efectos do mal funcionamento notificados á Xunta e que non se corrixiron son:

• Danos de fauna (lobo e xabaril) que se perden as comunicacións.
• Persoas que perden as axudas por mal asesoramento dos operadores.
• Persoas que teñen que ser sancionadas por solicitar unha comunicación de queima (agrícola) no lugar de ter que solicitar unha autorización de queima (forestal). Este feito, non pasa cando acoden presencialmente ás dependencias dun Distrito Forestal, xa que alí son asesorados e informados polas persoas empregadas públicas da Consellería.

En definitiva, o feito de que as comunicacións para corta de madeira se fagan sen asesoramento directo e control dos funcionarios públicos, axentes ambientais e forestais, produce como resultado moitas veces aproveitamentos inadecuados en ribeira ou zonas de protección e talas masivas ou a feito de carballeiras con graves danos para o medio ambiente.

A Xunta esta a desprazar aos funcionarios da Galiza encargados ata hai pouco de dar os permisos, xestionar e controlar após da corta, acompañado todo o proceso, substituíndoos polo 012 e polos corpos e forzas de seguridade.

Así acaba de publicitar que esta a formar ao Seprona nestes aplicativos e así poder realizar o control policial destes aproveitamentos derivando competencias propias da Galiza cara o estado Español. Unha xestión perversa, acompañada de boas doses de propaganda, da militarización e o control policial do monte que ten como único obxecto culpabilizar ao cidadán da súa mala xestión e facer caixa de privatizacións.

A Dirección Xeral de Función Pública emitíu unha nota informativa coa previsión das datas e lugares de realización dos primeiros exercicios dunha serie de procesos selectivos que están paralizados por mor do covid-19.

A primeira previsión fixa o día 14 de marzo e Silleda como a data e lugar de realización dos seguintes primeiros exercicios:

  • A2-Fisioterapia (OEP-2018), ás 9h.
  • A2-Terapia ocupacional (OEP-2018), ás 9h.
  • II-020-Terapeuta ocupacional (OEP-2017), ás 9h.
  • A2-Enfermaría (OEP-2018), ás 16:30h.

O director xeral de Función Pública comprometeuse a avisar con antelación

Efectivamente, comprometérase a iso. Durante un tempo o compromiso era de avisar con un mes de antelación. Posteriormente rebaixou o compromiso a "un mes ou catro semanas".

Iso foi o que mantivo xuntanza tras xuntanza, e non cumpriu. Porque dende a data do anuncio (18 de febreiro) á data dos primeiros exercicios (14 de marzo), non van sequera catro semanas.

En diante teremos que pedirlle que xure ou prometa, que a palabra vaille perdendo valor.

Como andan as medidas de seguridade?

Segundo a nota informativa, contan coa autorización "provisional" da Dirección Xeral de Saúde Púlbica, que deberá ser confirmada pola autoridade sanitaria despois de que a DXFP solicite confirmación dez días antes do 14 de marzo.

O mesmo día 18, Función Pública emitiu outra nota informativa, sobre "normas COVID para o desenvolvemento das probas dos procesos selectivos". Despois de lela, temos dúbidas:

  • Chama a atención que sigan a facer moito fincapé no contaxio por contacto directo e pouco por aerosois.

  • A ventilación, fundamental en espazos pechados, ocupa un só parágrafo no protocolo e resulta claramente insuficiente: en probas de máis de 2h abren as portas dos pabellóns... 15 míseros minutos!!?

  • En aulas só di que a ventilación será "manual" pero non obriga a abrir as fiestras todo o tempo nin indica a frecuencia de ventilación; tampouco fala de superficie en m2 dos 'pabellóns' nin das 'aulas' para calcular a necesidade de renovación do aire. Non estaría de máis que contasen con medidores de dioxido de carbono.

  • E logo o cachondeo das máscaras: simplemente esixen máscara. Non se pode deixar á vontade da xente a máscara que vai levar, deberíalla facilitar FP. Haberá xente que leve máscaras sen homologar, hixiénicas, cirúrxicas, de diferentes tipos, FP2, con ou sen ponte nasal, ou máscaras que xa son da familia pola cantidade de horas de uso que teñen polo que perderon a efectividade. Como contrapunto, o protocolo das probas CELGA esixía específicamente máscara cirúrxica ou FP2 homologadas, nunca de tea nin hixiénicas, e no caso de dúbida a organización proporcionaría máscara cirúrxica ás persoas asistentes.

Presentarse a un exame, ser membro do tribunal ou colaborador, non pode implicar unha exposición a un risco maior da necesaria baixo un protocolo discutible.

A CIG denuncia os efectos negativos nas condicións laborais do persoal da Xunta e a perda da independencia no réxime de informe e autorización dos proxectos con impacto no territorio.

O PP empregou a vía de emendas do seu propio anteproxecto para introducir, a calada e sen debate parlamentario, unha serie de medidas que afectan directamente as condicións laborais do persoal empregado público da Xunta. Ampárase na crise da Covid, cun discurso de falsa simplificación administrativa, para impoñer traslados e funcións, pero tamén para saltarse os informes técnicos dos funcionarios/as públicos na autorización de proxectos.

O público é servizo, o privado beneficio
Pretende cambiar o sistema de traballo derivando informes previos dos procedementos de autorización cara as empresas privadas. De ir para adiante, sentará un precedente inédito na Galiza, xa que elimina a independencia para realizar un informe preceptivo e/ou vinculante para a autorización de proxectos que poden ter impacto social, ambiental ou sobre o patrimonio cultural.

A creación de bolsas de expertos externos ou que empresas colaboradoras entren na xestión e informe vai ter consecuencias directas sobre o noso entorno, pola explotación sen control dos recursos da Galiza, ao non garantirse nin poder xestionar por parte dos poderes públicos os posibles conflitos de intereses ou a independenza empresarial.

A Xunta do PP abre as portas ao expolio da Galiza
Ademais, se sumamos a esta falla de independencia, a redución do trámites e a falla de secuencia de informes (serán paralelos), a creación dun “catalogo” (guia) do que van ser accións “informables” o non (estudos e avaliacións de impacto ambiental, etc…) e que o silenzo administrativo terá carácter positivo, da como resultado a facilidade total para dar luz verde á implantación de calquera actuación. Un panorama perfecto para que as empresas constrúan calquera tipo de proxecto en calquera tipo de solo e territorio. Un parque eólico ou unha mina, un parque industrial ou de explotación gandeira intensiva poderá autorizarse incluso nun espazo natural protexido.

Para o persoal da Xunta: un café e unha palmadiña
Para os trámites para os que sexa necesario persoal empregado público non aplica as fórmulas que xa ten hoxe a Xunta para xestionar o incremento de traballo, como a contratación por acúmulo de tarefas ou as comisións de servizo voluntarias. Aquí o PP instaura a mobilidade forzosa a cambio, como moito, dunha gratificación extraordinaria, que ademais é potestativa.

A denuncia da CIG
Na CIG non nos quedamos caladas ante esta intención de desmantelamento do público e de deterioro das condicións do persoal e esiximos a paralización destas medidas na pasada Mesa Xeral de Empregados Públicos (9/02/2021). Alí a Xunta do PP deu a calada por resposta, e mentras “van facendo” co seu partido.
Tamen acudimos aos grupos parlamentares para expoñerlles os nosos argumentos, tan so o BNG respostou. Así que si nada o para, a lei vai a pleno no Parlamento o día 23 de febreiro, e coa maioría absoluta do PP, non se esperan dificultades para a súa aprobación.

Estes son os artigos que adicionan nas emendas e que pretenden cambiar directamente as condicións laborais do persoal empregado público:

Reasignación de efectivos (Emenda 22,adición de novo artigo 75)
Os secretarios/as xerais poderán mover forzosamente (na mesma localidade )ao persoal para xestionar os fondos europeos (para a recuperación ou “outros”).
Si necesitan trasladar o persoal dunha consellería o a outra, ou de entidades instrumentais por medio da dirección xeral de Función Pública.
O persoal trasladado poderá (posible, non seguro) sempre condicionado ao orzamento percibir complemento de productividade ou gratificacións extraordinarias.

Creación de unidades administrativas de carácter provisional (E 23, novo artigo 76)
Crean unidades provisionais con persoal funcionario de carreira. Xustifican pola experiencia do funcionariado que a provisión dos postos se faga con persoal funcionario de carreira trasladado e descartan expresamente a contratación de persoal interino ou laboral temporal (so de xeito subsidiario).

Asignación de funcións a tempo parcial (E24)
A secretaria xeral técnica da consellería poderá asignar novas tarefas ata o 80% da xornada, logo deberan facer as propias para o que poderán contar ou non co apoio de persoal internino/laboral temporal, unicamente se o titular que foi facer outras funcións era voluntario/a.


Quen fai a lei fai a trampa
En conclusión, na CIG valoramos negativamente unha proposta deste calado unha lei coa asignación arbitraria de novas funcións, sen límites temporais, sen compensacións negociadas e tirando aínda máis da corda dun persoal empregado público sobresaturado. Ademais aplica prazos ridículos para informes e amplía a burocracia para dar cobertura á entrada a empresas colaboradoras ou expertas para o que ata o de agora fai o persoal funcionario.

A lei de simplificación administrativa e reactivación económica non xera emprego, tan só posibilita a depredación.
Para máis, esta lei que non apoia aos pequenos sexan labregas, autónomos, pymes ou empresas, tampouco xera emprego público para a tramitación extraordinaria dos macro proxectos que pretenden vender ao mellor postor a riqueza de Galiza e que nos pon ao servizo das grandes empresas privadas.

O 18 de febreiro tivo lugar a primeira reunión da comisión de seguimento do Acordo de Teletraballo onde tratamos de resolver as cuestións da nova regulación de teletraballo ordinario que comezou a andar este 4 de febreiro.

A CIG tratou coas direccións xerais de Función Pública e de Avaliación e Reforma Administrativa o procedemento para as solicitudes de teletraballo no Portax, acceso universal, intrucións para a autorización, formación, transición entre teletraballo covid e ordinario e prevención de riscos nesta modalidade laboral entre outras.

Ampliación do teletraballo Covid dúas semanas máis, mentres duren as restricións establecidas para Galiza.

Solicitude no Portax: Xa se habilitou o acceso ao Portax ao persoal do Consorcio e outras entidades da Xunta para posibilitar a solicitude telemática. Ademais a DXFP dixo que estaban a piques de rematar a actualización e facer máis sinxelo o camiño dentro do aplicativo (fóra de permisos e licenzas).

Plan individual de traballo para a xustificación motivada de circunstancias que difiren da norma xeral como superar os límites 50% xornadas ou o 40% da unidade ou o ámbito subxectivo): Realiza a persoa traballadora co subdirector/a ou xefe/a servizo, pode meterse despois da solicitude.

Formación. Neste momento están a centrarse en formar ás persoas autorizadoras de teletraballo de cara a fixar criterios homoxéneos en unidades transversais con funcións semellantes e un plan de obxectivos teñen en conta as funcións e categorías específicas das unidades singulares. Na EGAP hai 4 convocatorias e outra formación específica. Solicitamos tamén un maior plano formativo incluíndo a prevención de riscos sicosociais.

Guía na web para teletraballar con preguntas máis comúns para solucionar dúbidas xerais (FAQ).

Datos xerais de teletraballo. Faise un repaso do acontecido no 2020, que ao noso ver, esta afectado pola Covid, polo que non é exacto (hai teletraballo covid sen formalizar solicitudes) e difícil de valorar como ordinario pola necesidade de acudir ao teletraballo persoas que non valorarían de non ser pola Covid esta opción.

A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa informa que o pasado ano aprobáronse o 90% das solicitudes e hoxe hai 3.000 persoas empregadas públicas teletraballando con resolución. Hoxe teñen pendentes 1200 solicitudes para resolver. Non temos hoxe ningunha denegacion de 2021 en base a nova normativa.

Dende a CIG reclamamos o teletraballo covid para o persoal administrativo dos centros educativos e reclamamos aclarar con Educación a posibilidade de teletraballo ordinario nos centros onde hai mais dun auxiliar administrativo xa que o permite motivadamente a nova regulación que asinamos.

Transición entre teletraballo Covid e teletraballo ordinario. Avisamos que se vai dar unha avalancha de solicitudes que colapse o procedemento de autorización ao remate do teletraballo Covid, polo que demandamos:

1. Xustificación científica previa ao remate do estado da epidemia e os efectos da incorporación masiva do persoal (transporte e centros administrativos) en base ao principio de precaución. Mantemento do teletraballo coas burbullas o máximo tempo posible para evitar novas ondas pandémicas.

2. Resolución transitoria positiva e revisable das solicitudes para evitar a reincorporación total das persoas solicitantes.

Lei de impulso demográfico. Aínda que para a CIG esta lei é claramente unha oportunidade perdida pola súa falta de concreción xeral e de medidas de aplicación directa demandamos que nas solicitudes de teletraballo se teña en conta o seu factor dinamizador no asentamento de poboación no rural. Ao reducirse desprazamentos ás cidades onde se concentra a maioría dos centros administrativos posibilítase a vida destes empregados públicos nas vilas e aldeas.

Por outra parte fixemos valer o artigo 50 e a disposición derradeira desta Lei de impulso demográfico coa que modificaron á LEPG na flexibilidade e solicitamos a negociación da regulación da flexibilidade por conciliación por coidado de fillos menores de idade e se aplique directamente xa a menores de 14 anos.

No DOG do 18/02/2021 publicase a Resolución do 12 de febreiro de 2021 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

- Solicitudes: telemáticas a través do enderezo https://egap.xunta.gal/matricula

- Nº máximo de cursos a anotarse: 5

- Unha vez seleccionados si se renuncia hai que facelo con 3 días de antelación

- As faltas de asistencia non poden superar o 10% da duración do curso

- Prazo de matrícula: 10 días ( ata as 23:55 do día 2 de marzo)

A Xunta, a través da súa Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), presentounos o martes 16 de febreiro un borrador dunhas listas de contratación temporal de persoal investigador. 

A contratación de persoal investigador é algo suficientemente específico como para que en principio a CIG non se opoña a separalas do actual sistema de listas de contratación temporal que depende de Función Pública. Porén, hai moitas cousas que corrixir na proposta inicial.

Estas listas son para persoal que vai apoiar o actual cadro de persoal do Agacal ou son postos estruturais disfrazados de temporais? Que futuro teñen os proxectos cando rematen os contratos? Van contratar a outras persoas sucesivamente, en precarioi, en vez de convocar postos estables?

Non ten sentido que fagan contratos temporais por cada subvención e proxecto, porque esas subvencións repítense anualmente e necesitan persoal sempre, porque sempre teñen proxectos de investigación en marcha e sempre nas mesmas áreas de especialidade. Deste xeito, contratan a unha persoa con cargo aos fondos do proxecto A no ano 2021, remátalle o contrato e aos dous anos fanlle outro para o proxecto B, aos tres anos para o proxecto C.., ou ben a mesma persoa contrátana 50% para un proxecto e 50% para outro, e incluso sabemos de entidades distintas que contratan a tempo parcial dentro da mesma subvención á mesma persoa. E volta a empezar.

Respecto das bases da convocatoria:

  • Solicitudes e prazo: non ten sentido que a maiores de presentar a solicitude por rexistro electrónico, haxa que enviar a documentación por correo electrónico.

  • Requisitos específicos
    • Poñen como requisito ser doutor/a, ter acadada a suficiencia investigadora ou DEA. Pero tamén vale estar matriculado nun curso de doutoramento. Esto é, ter pagada a matrícula. O requisito mínimo non debe ser estar matriculado, senon ter DEA. 
    • Os requisitos de idioma galego teñen que ser os mesmos que se lle esixen ao resto do persoal: non nos vale un “compromiso” de adquirir os coñecementos no idioma.

  • Baremo de méritos
    • Para ter DEA debe superarse varios cursos de doutoramento, facer un traballo de investigación e defendelo nun tribunal. Como é posible que isto se valore con 2 puntos e a unha persoa por estar simplemente matriculada obteña 1 punto?
    • En ningún concurso de traslados nin proceso selectivo vimos que a puntuación por ter unha titulación fose diferente en función da cualificación. Rexeitamos que aquí puntuen diferente o doutoramento en función da cualificación.
    • Neste nivel de cualificación, o dominio do idioma inglés debe ser un requisito, non un mérito.
    • O mesmo co idioma galego: debe ser un requisito, non un mérito. E en todo caso, non poden puntuar o nivel mínimo (Celga 1) cando se require o Celga 4. Deben puntuar só os niveis superiores.
    • Capaitación para traballar co nanimais de experimentación: aparece no baremo de méritos, pero debe aparecer como requisito para postos específicos.

  • Documentación a presentar
    • Pedir certificado médico xunto á presentación da solicitude é xerar un gasto de diñeiro e de tempo innecesario, a maiores de que as circunstancias de saúde poden mudar co tempo. Abondaría con requirir o certificado só no momento da contratación.

  • Procedemento de elaboración das listas
    • Van facer o que lles peta, pois non haberá ningún tipo de contratación sindical nin no momento da elaboración inicial das listas nin ao longo do tempo.
    • O prazo para emendar e reclamar ás exclusión das listas é demasiado curto (tres días hábiles).
  • Procesos selectivos
    • Gardanse o dereito de facer “excepcionalmente” un proceso selectivo entre as persoas das listas. Non ten sentido.
    • E en todo caso, en que casos e de que maneira? Queda ao seu libre albedrio.

En definitiva, este sistema necesita darlle unha volta, tanto no que é o procedemento, como a non precarizar ao persoal investigador.

Por falta de persoal, van ter que ser os xefes de servizo quenes muxan as vacas, e o persoal enxeñeiro quen limpe o chan na Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

Asistimos á segunda xuntanza (16/02/2021) para discutir a proposta da RPT de Agacal que nos achegan dende a Consellaría de Medio Rural, sendo a destrución de emprego o máis grave da proposta.

Agacal elimina 47 postos de traballo e crea 25. Podíamos supoñer que así reducirían o gasto en persoal. Pero non: curiosamente incrementan o gasto no capítulo de persoal. Como é esto posíbel? Pois eliminando postos baixos (limpeza, oficial agrario, peón, ordenanza, etc), e creando xefaturas. 

Segundo as persoas responsábeis da política de persoal da consellería e da axencia, vamos cara a unha Administración máis especializada na que xa non é tan necesaria xente que se adique a pasar chamadas de teléfone ou a transcribir o que lle ditan outras persoas. Certo, pero, quen vai limpar o chan? Quen vai muxir as vacas e dar de comer aos animais? O xerente vai poñer os zocos para limpar o esterco? Se a resposta é “non”, entón non queda outra: vaino facer Seaga ou Tragsa. E así continuarán as sentenzas xudiciais por contratación en fraude de lei.

Outra das consecuencias de tanta amortización é que queren retirar algún posto do concurso de traslados de corpos xerais. Din que eles non son responsábeis do atraso, e non poden ter postos bloqueados agardando anos polo concurso. Pero esquecen unha cousa: eles son Administración Autonómica, non son algo á parte. Así que teñen que comer con patacas os actos doutros órganos da mesma Administración

Agacal non confía no persoal empregado público ao servizo da Administración Autonómica

A totalidade dos postos de libre designación están abertos a seren cubertos con persoal doutras administracións. É dicir, que para cubrir todos os postos de certa responsabilidade ou confianza, non lles abonda co que teñen. 

Din que ás veces son difíciles de cubrir, pero na CIG preguntámonos se non haberá outras causas: será que a xente sabe que os sistemas de provisión a dedo requiren do empurrón dun amigo/a ou levar o carné na boca? Podería ser que haxa un exceso de centralización de postos en servizos centrais ata o punto de que dificulta atopar xente, mentres que en servizos periféricos hai carencia de postos de nivel?

Agacal ten a intención de substituir moitas xefaturas de negociado (A2/C1/C2) por “unidades de apoio administrativo”, co mesmo nivel 18 pero abertos só aos grupos C1 e C2. Así conseguen reducir o orzamento e probablemente tamén o gasto.

Pero se no anterior caso cortan por arriba, noutros cortan por abaixo: xefaturas de sección que debían ser A1/A2/C1 e que quedarán só como A1/A2.

Algúns postos teñen o requisito de “experiencia”. A CIG propón que pasen a “mérito”, ou que como alternativa á experiencia permitan a formación. Non facelo así dificulta a mobilidade voluntaria do persoal e a cobertura dos postos.

Os responsábeis de Agacal comprométense a facer unha nova RPT antes de final de ano, e para entón (falou de maio) xa estarían discutidos os pluses. Mentres tanto, engadirían nesta RPT se quedou algunha sentenza atrás.

A CIG solicita a cobertura urxente de vacantes do servizo  de gardacostas para que se poda realizar a vixilancia contra o furtivismo, a loita contra a contaminacion mariña e o salvamento pesqueiro.

As preto de 150 persoas empregadas públicas do servizo de gardacostas encárganse da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño e da importantísima loita contra o furtivismo. A falla de persoal pola non cobertura das vacantes, das baixas, vacacións e descansos fai que haxa unidades operativas do servizo nas que resulta imposible cubrir ás 24 horas. Por exemplo, a falla dun patrón ou mecánico fai inviable o uso de embarcacións anulando este recurso en toda a unidade. Así, o panorama a curto ou medio prazo de non dar cobertura a preto de 40 vacantes nas escalas, ás xubilacións e ás substitucións dos permisos e vacacións do persoal é intolerable.

O servizo de gardacostas: un servizo público esencial para Galiza

Seica a consellería xustifica a lentitude para cubrir as vacantes xeradas pola toma de posesión do último proceso selectivo nunha posible “reestructuración do servizo”. Isto xa o temos escoitado outras veces. Lembrámoslle aos responsables da consellería que reestruturación non é sinónimo de desmantelamento, polo que xa adiantamos que na CIG opoñerémonos a calquera reestructuración que supoña a eliminación de unidades operativas ou servizos. Apostamos pola descentralización como garantía de efectividade, diminuíndo os tempos de reacción no salvamento. O control das nosas costas fronte o furtivismo require a presenza e o coñecemento do territorio. O mantemento completo de todas as unidades ás 24h e os 365 días é fundamental para o desenvolvemento dos recursos pesqueiros e acuícolas da Galiza.

Dende a CIG reclamamos a cobertura urxente das vacantes con persoal das listas e a oferta da totalidade na OEP de 2021, cunha convocatoria de proceso selectivo que sume estas ás da oferta de emprego de 2018 pendente de execución. Ademais aínda quedan cuestións das escalas de gardacostas sen resolver: cumpre que a Xunta inste dunha vez ao recoñecemento dos coeficientes redutores do réxime especial do mar que lles permita xubilarse anticipadamente.

Outras novas recentes

Xoves, 25 Abril 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería do Mar (18/04/2024)

Punto 1. Lectura e aprobación da acta da reunión anterior Apróbase o contido da reunión anterior (21/11/2023) onde se incorporan as alegacións presentadas pola CIG onde indicamos que as embarcacións do servizo de Gardacostas sexan considerados como lugares de traballo e por tanto se avalíen os seus riscos laborais. Punto 2. Formación dentro do marco da Seguridade e saúde...
Venres, 26 Abril 2024

Inadmisión de diversas solicitudes dos graos I e II da carreira profesional

No DOG do 26/04/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II do sistema de complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral. - RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se inadmiten determinadas solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e...
Xoves, 02 Mai 2024

A administración pública galega en apoio ao pobo Palestino

Cesamento do fogo xa! Israel ten que rematar coa agresión a Palestina e finalizar a ocupación! As administracións públicas, baixo o principio de servizo á cidadanía, non deben xestionar decisións políticas que supoñan alimentar a agresión de Israel a Palestina. O conflito en Gaza, xunto ás duras restricións que o goberno israelí impón a Cisxordania, teñen un impacto...