Novas por contido

Segundo o acordado nas asembleas, o Comité de Empresa e Xunta de Persoal de Servizos Centrais da Xunta de Galiza veñen de remitir dúas cartas por correo electrónico aos representantes dos traballadores das administracións públicas en Asturias e Andalucía no que lle da conta das actuacións levadas a cabo sobre os empregados públicos galegos polo goberno do PP na Xunta de Galiza en contraposición ao que se prometía no seu programa electoral.

No escrito comunícase que o Partido Popular no seu programa de goberno presentado nas eleccións galegas que tiveron lugar no mes de maio de 2009, xa coa crise, divulgaba as medidas que ía adoptar se gañaba as eleccións,  como indica a páxina 169 do seu programa electoral: Incrementar de forma significativa as cantidades destinadas ao Fondo de Acción social, alcanzando o antes posible o 1% da masa salarial, así como cláusulas de revisión salarial e recuperación do poder adquisitivo.

A Xunta de Persoal e Comité de Empresa advirten aos compañeiros e compañeiras andaluces e asturianos de que o Partido Popular fixo exactamente o contrario. Así, por exemplo, a recente Lei 1/2012, publicada no Diario Oficial de Galicia de 02.03.12, cuxo artigo 3 ELIMINA INTEGRAMENTE O FONDO DE ACCIÓN SOCIAL, agás unha pequena cantidade para casos de discapacidade, suprimindo así unha partida de gastos compensatorios para o persoal de máis de 9 millóns de euros, que existiu na práctica totalidade da historia desta autonomía.

Ademais doutros recortes ben coñecidos por todas e todos nós, como é o caso dos supostos de Incapacidade Temporal ou a redución forzosa baixo criterios discrecionais da xornada e salario do persoal temporal e interino mentres aumenta a privatización dos servizos públicos.

Seguindo o mandato da Asemblea de persoal xa indicada, a Xunta de Persoal e Comité de Empresa dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza considerou necesario comunicar aos órganos representantes do persoal funcionario e laboral de Andalucía e Asturias para que os seus representados poidan VALORAR, de cara aos próximos comicios autonómicos, este exemplo do que pode valer a palabra e as promesas dos líderes e candidatos deste partido e o que poden esperar do seu goberno, como xa o estamos a sufrir en Galiza.

Outras novas recentes

Martes, 29 Setembro 2026

A EGAP responde ás críticas da CIG con autoritarismo

A nosa central denuncia que a Dirección converte o Consello Reitor da Escola nun órgano decorativo A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) do 23 de setembro como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección da Escola á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa...
Xoves, 01 Outubro 2026

Publicación listas provisionais PSX e xerocultor/a

No DOG do 01/10/2026 publican a RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de persoal de servizos...
Xoves, 01 Outubro 2026

A Xunta fabrica comisións de servizo: (con) concursos a contagotas e postos a dedo

Nestes días vanse dar máis postos en comisión de servizos que no concurso de traslados de corpos xerais. Remata un concurso de traslados de corpos xerais e volven dispararse as comisións de servizo. Nada novo baixo o sol da Administración da Xunta: dende o 16 de setembro de 2026 (día seguinte ao da resolución do concurso) xa se concederon 292 postos en comisión de servizo....