Novas por contido

O mércores, 9 de maio, tivo lugar unha xuntanza para tratar a proposta de RPT deste novo ente que deriva do Decreto 244/2011, polo que se aproban os estatutos do Instituto de Estudos do Territorio (IET) (DOG 02/01/2012). Incluído na Mesa Xeral do 11 de maio.

Segundo o director da axencia tratan de “poñer orde no IET”  seguindo o establecido para estes efectos no decreto. Así, esta RPT sería unha primeira fase que consistiría na incorporación de varios postos da extinta Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe así como da integración do persoal procedente da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia (SODECO). Os postos da extinta dirección xeral son todos de persoal funcionario e os de SODECO son todos de persoal laboral.

A CIG presenta as seguintes alegacións:

  • En canto aos postos de persoal funcionario, hai dous postos na proposta de RPT que aparecen coma de nova creación, cando realmente son modificacións da RPT vixente.

  • No tema dos postos de LD, e pese á súa legalidade, manifestamos o noso habitual rexeite ao uso desta figura nos postos de xefatura de servizo, os cales deberían ser de concurso.

  • En canto as aperturas a outras administracións, e pese a que só son tres, expuxemos que queremos que sexan AXG (persoal exclusivo Xunta de Galiza). Manifestamos tamén o noso rexeitamento a adscrición a docente dunha praza con rango de subdirector xeral no departamento técnico de estudos.

  • Destacamos que nesta RPT hai moitos postos de administración especial ou xeral/especial que non indican esa suposta “especialidade”, polo que resulta absurdo; instándo á administración a indicar a titulación ou titulacións requeridas. No posto xefatura de sección de educación ambiental, da escala especial, si ten indicadas as titulacións (enxeñeiro, biólogo, licenciado en física, en química ou en ciencias ambientais). Neste caso, indicamos que a "especialidade” de enxeñeiro é demasiado amplia pois, tal e como está, valería calquera enxeñeiro (dende un informático a un industrial).

  • Solicitamos  que se lle quite a titulación de licenciatura en dereito a unha xefatura de servizo xurídico-administrativo, A1, do corpo xeral. De querer manter esa titulación, deberan pasar este posto a unha escala especial. Tamén solicitamos que abran este posto ao subgrupo A2, coma o resto de xefaturas de servizo.

  • Hai unha xefatura de sección á que lle meten dúas experiencias como mérito. Alegamos que as eliminasen e que dean formación ao persoal a través da EGAP. Tamén solicitamos  que retirasen como mérito os coñecementos en urbanismo de tres postos, un deles un posto base subgrupo A1; así como a titulación de licenciado en dereito deste mesmo posto.

  • Finalmente, solicitamos  a retirada como mérito dos coñecementos informáticos nivel usuario de dúas prazas C1-C2, posto que para a cobertura destas prazas xa é necesario ter eses coñecementos.

  • No referente ao persoal laboral, sinalamos que a denominación do posto "encargado/a servizos varios", grupo III, categoría 6, non existe no V Convenio Colectivo, polo que debe corrixirse.

  • En canto á valoración económica achegada pola administración do custo da creación dos 40 postos de laborais, sinalamos que a suma do total do custo está errada á baixa. Aínda así, manifestamos que, segundo esta valoración económica, o crédito orzamentario do que dispón a administración é insuficiente para a creación destes 40 postos, nada máis e nada menos que en case 600.000 euros.

Neste punto, e ante a nosa insistencia, os representantes do IET explican que están tirando do capítulo I da consellería para poder pagar as nóminas dos 40 traballadores/as. Insistímoslles en que para evitar esta situación deberían ter ben especificado na valoración económica de onde sae o crédito orzamentario para levar a cabo a creación das ditas prazas.

Tamén manifesta a administración que o que se pretende inicialmente é “facer unha foto” da situación actual, que o persoal seguirá mantendo a mesma natureza contractual que ten agora, pero que nun futuro próximo (falan de dous meses máis ou menos), e segundo o disposto no Decreto 244/2011, “...o IET realizará un estudo organizativo do servizo, tendo en conta a racionalización das estruturas orgánicas , a evitación de tarefas redundantes e duplicidades e as previsións orzamentarias, a resultas do cal proporase unha nova modificación de relación de postos de traballo ou cadro de persoal do IET no se procederá á creación formal dos postos de traballo, ou ben amortización, dentro das dispoñibilidades orzamentarias existentes.”

Unha vez feito este estudo, convocarannos de novo para a modificación definitiva da RPT. A súa idea é facelo antes do verán.

Ante esta disxuntiva, todas as organizacións sindicais manifestamos o noso temor a posibles amortizacións, ao que a administración respostou que intentarán non ter que chegar a eso, pero en ningún momento negaron esa posibilidade.

No trancurso da xuntanza tivemos coñecemento de que este venres, 11 de maio, habería unha mesa xeral extraordinaria onde se tratarían entre outros, a modificación da RPT do IET. Ante o asombro xeral de todos nós e diante das acusacións de tomadura de pelo e paripé de todo isto, os representantes do IET manifestaron que eles non sabían nada disto pero que, en todo caso, na mesa xeral exporían o mesmo que fixeron hoxe, coa salvedade de que intentarían ter corrixida a proposta de RPT segundo as alegacións que lles manifestamos nesta xuntanza.

Outras novas recentes

Venres, 19 Xuño 2026

Plantón sindical a Educación na negociación da RPT ata que non negocie un acordo para o persoal non docente

O pasado venres 12 de xuño a Consellaría de Educación convocou ás organizacións sindicais (OOSS) para negociar unha modificación da RPT sen aportar documentación algunha o que precipitou ter que adiarse esa xuntanza para o día de hoxe, venres 19 de xullo a petición da parte social e logo de remitir un borrador para a mesa. Hoxe, venres 19, a CIG e as outras OOSS presente na...
Xoves, 18 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix)

No DOG do 18/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2026 pola que se convocan as probas de avaliación para a obtención do certificado de competencias dixitais (ComDix) nos seus niveis de iniciación e intermedio para o persoal ao servizo da Administración autonómica da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, da...
Xoves, 18 Xuño 2026

Contra o decretazo nas listas de substitución da Xunta: folga de 1 hora

Dado que a Administración segue adiante coa aplicación do Decreto 40/2026, que modifica o 37/2006 de listas de substitucións chamamos a todo o persoal que forma parte das listas de contratación e ao que está en activo a una folga o vindeiro día 23 de xuño de 11h a 12h. Este problema afectanos a todas e todos. Ó persoal que forma parte das listas que ve recortados os seus...