Novas por contido

O venres 22 de xuño tivemos unha Mesa Xeral de Empregados Públicos nos que tratamos cos representantes da Administración a Relación de Postos de Traballo do Instituto de Estudos do Territorio, os concursos de traslados de gardacostas, estatística e consumo, e varios asuntos de interese no apartado de rogos e preguntas. Convocada Comisión de Persoal Extraordinaria

RPT do IET

A postura da CIG foi moi crítica coa proposta da Administración tanto polas formas como polo fondo. Non aceptamos que nos convoquen a unha xuntanza previa sen tempo por diante e cunha documentación extensa de xeito que resulta imposíbel estudala en profundidade. Así, a CIG non comparte as felicitacións que transmitiron CCOO, UGT e CSIF.

En canto ao fondo:

  • Rexeitamos as amortización que propoñen, incluíndo os supostos criterios que levaron a decidir os postos concretos que eliminan. Dubidamos da obxectividade que pretenden transmitir, e en todo caso criticamos a utilización da titulación como criterio para eliminar postos. O feito de que muden os criterios segundo os grupos non nos dá ningunha garantía de obxectividade.
  • Rexeitamos que a forma de provisión das xefaturas de servizo siga a ser a libre designación.
  • Non aceptamos a excesiva cantidade de requisitos de titulacións académicas, algo habitual na CMATI.
  • Non queremos apertura de postos a outras administacións mentres non haxa acordo de reciprocidade negociado e efectivo.
  • Non comprendemos a disparidade entre algunhas titulacións para un mesmo posto.
  • Denunciamos que a RPT está feita a medida do persoal que a está a cubrir determinados postos, a quenes se lles valora a experiencia como mérito, co que están a blindar as prazas e pechar a porta ao resto do persoal.
  • Reclamamos eliminar a experiencia ben sexa como requisito ou como mérito. Pero en todo caso, que se convirta en formación como mérito.
  • Non estamos conformes co cambio de xornada para algúns traballadores que até agora tiñan xornada de mañá.


Fora da RPT, reiterámonos na denuncia que xa fixemos nunha anterior Mesa Xeral respecto da existencia de dous laborais "titulados grao medio" (antigos xefes en SODECO), exercendo responsabilidades con persoal a cargo.

Concurso gardacostas

Inda que aceptaron algún cambio, resulta insuficiente para a CIG xa que non afecta ao que son os eixes fundamentais do concurso, como son mudar a baremación sobre antigüidade ou do cómputo do traballo desenvolvido en función do nivel e grupo de clasificación.

Rexeitamos especialmente o engadido final da base II.2 que permite un abuso en canto se pode retirar da fase de resultas calquer posto para despois cubrilo mediante comisión de servizos. A Dirección Xeral da Función Pública xustifica que o texto que incorporan é unha copia literal das bases da administración do estado, ao que a CIG respostou ao DXFP que a nosa realidade é ben distinta da da Administración do Estado: "Estamos a falar de dúas administracións cunha periodicidade moi distintas nos concursos de traslados. Que chegado o día en que os concursos fosen anuais, até podería desaparecer a fase de resultas. Pero a nosa realidade é que estamos a falar de casos como o de gardacostas en que este é o seu primeiro concurso de toda a historia, o de arquitectos técnicos que levan tres promocións en destino provisional por non teren concurso. Que nesta situación hai demasiada xente fora do posto e que vai concursar. E que a posibilidade de retirar postos de resultas e sen criterios, pode dar lugar a chanchullos para posteriores comisións de servizo."

Mención especial facemos da intervención do CSIF, con quen a CIG tivo unhas palabriñas durante a Mesa Xeral. Pretende o CSIF:

  1. Mudar a antigüidade de xeito que en troques de ter un máximo de 5,5 puntos teña 3 sen mudar a puntuación por ano traballado.
  2. Xuntar no mesmo concepto os méritos por cursos de idiomas e cursos de galego. Afirman que para un gardacostas é mais importante saber inglés que galego.
  3. Reducir a puntuación dos cursos de galego.


Ante estas posicións, a CIG deu unha dura resposta:

  • En canto á antigüidade estamos nas antípodas do CSIF xa que o que buscan é reducir o peso deste concepto. A CIG, por contra, quere aumentar a puntuación por ano traballado de xeito que a antigüidade sexa un concepto de máis peso no concurso de traslados.
  • En canto ao idioma, rexeitamos esa posición tan sometida da lingua de noso e que vai na liña do que quere o PP. Preguntamos ao representante do CSIF que idioma utilizan coas pescantinas e mariñeiros e nosoutros mesmos respostamos: se non poden falarlles en inglés, utilizarán o castelán, que seguro que lles entenden mellor que co galego.


Concurso de estatítica e consumo

Estas bases son unha copia das de gardacostas, polo que serve o referido.

So engadir unha brincadeira dirixida ao CSIF: para os de consumo, e dada a importancia que ten polas súas funcións, pedimos que teñan en conta o idioma chinés, xa que teñen que vixiar a etiquetaxe de moitos produtos de consumo.

Rogos e preguntas

Toma de pose do concurso do SPDCIF: advertimos dos perigos que pode supoñer retrasar a súa toma de pose para o outono caso de que veña un mes de outubro como o do ano pasado. Reclamamos que sexa xa, en xullo, mentres está operativo o reforzo.

Cronograma: solicitamos a Función Pública que publique un cronograma dos procesos que estean pendentes para información dos interesados/as, pois moitos deles non supoñen custe económico e se poden efectuar.

Concursos de traslados pendentes: seguen a existir unha chea de concursos non convocados cun retraso vergoñento. Puxemos o caso dos arquitectos técnicos que levan tres tomas de pose provisional. Non queremos agardar a despois do verán, polo que exiximos negociación e convocatoria xa. O Director de Función Pública retificase na súa intención de convocalos despois do verán.

Descreto de listas: solicitamos, como xa fixemos na Comisión de Listas, a negociación dun novo decreto.

Procesos selectivos pendentes da 3ª oportunidiade: lembramos a Función Pública que inda hai procesos selectivos pendentes das tres oportunidades que establece a Lei da Función Pública.

Conductores:  na Mesa Xeral do 25/5/2012 solicitamos a FP que enviase aclaracións ao parque móbil e delegacións sobre o disposto no convenio colectivo de que o tempo de dispoñibilidade é tempo efectivo de traballo. Queremos saber se o fixeron. DXFP: preguntaron e din que está todo conforme ao convenio; que se sabemos dalgún caso concreto que llo notifiquemos.

Ordenanzas-postos a amortizar no concurso: insistimos no que dixemos na Mesa Xeral do 25/5/2012, de que queriamos o cese das persoas responsábeis de enganarnos por canto para a eleición de destino de ordenanzas aparecen postos que foron retirados do concurso porque os ían amortizar.

Promotores de emprego: en nome de todos os sindicatos, pedimos xuntanza con traballo. Resposta o DXFP que xa enviou correo convocando para o martes.

Xubilación especial: trasladamos a Función Pública que se está a proceder incorrectamente, impedindo o dereito á xubilación especial aos 64 anos a persoal laboral en posto de funcionario no ámbito da Consellería do Medio Rural e do Mar, dado que por parte desa consellería se emiten informes nos que se fai constar que non existen postos de persoal laboral vacantes no conxunto da Xefatura Territorial de Medio Rural e Mar da Coruña, cando temos constancia do contrario, xa que na práctica se continúa a considerar o ámbito consellería por separado. Indicamos que a potestade de autoorganización e as opcións da consellería de manter materialmente separada a xestión do persoal non pode ir en detrimento dun dereito recoñecido no V Convenio e que continúa vixente até o 31 de decembro de 2012. Por parte da Dirección Xeral da Función Pública, informan que darán unha resposta no seu momento aos casos que se presenten, sen entrar a valorar a actuación da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Veterinarios:  informa o Director Xeral de Función Pública que esta semana vamos ter unha xuntanza na que nos dirán o calendario que van seguir.

Outras novas recentes

Xoves, 12 Decembro 2024

UGT torpedea e crispa a negociación do I Plan de Igualdade de Portos de Galiza (05/12/24)

Esta foi a reacción á postura manifestada pola CIG de rexeitamento a dar validez tanto á proposta de plan de igualdade como de diagnose elaboradas pola Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta antes da constitución da comisión de igualdade, que Portos puxo enriba da mesa. A xuntanza de constitución da Mesa de Igualdade de Portos de Galiza foi, cando menos,...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...