Novas por contido

A CIG decidiu suspender a folga de fame pero mantén a manifestación prevista para o vindeiro 15 de decembro contra a represión sindical.


A Audiencia Provincial de Pontevedra comunicou hoxe a absolución dos tres sindicalistas condenados a tres anos e un día de prisión polo Xulgado do Penal número 1 por participar nun piquete na folga do comercio de alimentación en 2009. A CIG decidiu suspender a folga de fame iniciada pasado venres 23 de novembro tras coñecer a decisión xudicial, pero mantén a convocatoria de manifestación para o sábado 15 de decembro en Pontevedra contra a represión xudicial.


A absolución dos dous sindicalistas da CIG e un de CCOO que foran condenados a tres anos de prisión coincidiu coa celebración de concentracións de protesta diante dos Xulgados das sete cidades galegas. Ao remate da protesta que tivo lugar de 12.00 a 12.30 horas diante da Audiencia Provincial de Pontevedra, o secretario xeral da CIG dirixiuse a todos/as os presentes para anunciarlles a boa nova.


Suso Seixo lembrou que nos tempos que corren as organizacións sindicais “non temos moitas ocasións de comunicar feitos positivos”, polo que se amosou especialmente satisfeito polo contido da sentenza. Neste senso, salientou o feito de que o texto poña en causa a decisión do Xulgado do Penal por infravalorar o dereito á folga. “A Audiencia Provincial dálle moita importancia, como non pode ser doutro xeito tratándose dun dereito fundamental, ao dereito de folga”. De feito, a sentenza recolle que unha das facultades do dereito fundamental de folga é a súa publicidade e a súa proxección exterior, prevalecendo sobre o dereito a traballar en día de folga, “que non é fundamental”. Rexeita así mesmo que os agora absoltos tivesen coaccionado gravemente ás traballadoras do establecemento, “tal e como se desprende das súas propias declaracións”. Neste punto, lembra que existen tipificacións penais máis benévolas para castigar as supostas coaccións que non foron contempladas polo Xulgado do Penal e sinala que precisamente a diferenza entre falta e delito “depende da intensidade das coaccións”. Ao mesmo tempo, considera que a sentenza inicial vulnera tamén o dereito fundamental á presunción de inocencia ao dar por feito que os tres sindicalistas actuaban coordinados (“de avanzadilla”) co grupo de persoas que causou danos no local con posterioridade xa que este extremo “non quedou probado no xuízo”. Finalmente, recolle que “o exercicio abusivo do dereito de folga non pode identificarse coa participación en grupos de folguistas, e tampouco a mera representación dos mesmos é, de acordo coa Lei, motivo suficiente para ser responsabilizado polo delito de coaccións cometido por outros”.



Numerosas mostras de apoio internacionais As mostras de solidariedade coa folga de fame traspasaron nos últimos días as fronteiras da Galiza e son moitas as organizacións que xa trasladaron o seu apoio á CIG, amosando ao mesmo tempo o total rexeitamento á represión e persecución sindical. Entre outras, recibiuse o apoio da central vasca LAB, a Confederação Caboverdiana dos Sindicatos Livres- CCSL, a União dos Sindicatos de Viana do Castelo (CGTP-IN), os gregos Secretariado Panhelénico do sector do Comercio–Servizos de PAME e a Pancyprian Federation of Labour PEO, a Confederación General del Trabajo de la República Argentina, o Sindicato dos Trabalhadores nas industrias de Alimentação de São Paulo e Região-SINDEEIA/STIA, a União Geral dos Trabalhadores do Brasil e a CGTB-Central Geral dos Trabalhadores do Brasil. Así mesmo, tamén trasladaron o seu apoio o Comité de Empresa do Persoal Laboral da Delegación Provincial de Educación e O.U. e o Comité de Empresa da Consellaría de Cultura de Ourense; o Comité de Empresa das Entidades Xestoras da Seguridade Social da provincia de Pontevedra; e a Xunta de Persoal Funcionario da Xunta de Galiza na provincia de Lugo.

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 13 Novembro 2026

Promoción interna corpos xerais; funcionarización en excedencia (para CP 17/11/26)

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 17 de  novembro, coa seguinte Orde do día: Convocatoria do proceso de funcionarización para o persoal laboral fixo que está na situación de excedencia. Descargar Convocatoria de promoción interna ao corpo superior-A1. Descargar Convocatoria...