Novas por contido

Baixo o lema «Retroceder en dereitos incrementa a violencia. Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade», a Secretaría das Mulleres da CIG acusa ao Goberno do PP na Xunta de Galiza de amparar comportamentos machistas.

Este 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, a Secretaría das Mulleres da CIG lanza unha campaña para denunciar a permisividade das condutas machistas nas institucións públicas, reclamar que se revertan os recortes en materia de igualdade aplicados pola Xunta de Galiza e a posta en marcha dun plan galego pola igualdade.

No marco da campaña, baixo o lema «Retroceder en dereitos incrementa a violencia. Por unha Galiza con dereitos, traballo digno e igualdade», está organizado en Compostela o Encontro Nacional de Mulleres da CIG, que comezará ás 10:30 h no salón de actos da Facultade de Ciencias Políticas. Ao remate da xuntanza, delegadas e afiliadas sairán en manifestación até a sede do PP (rúa San Pedro de Mezonzo), onde farán unha concentración.

Sobre a escolla deste lugar como remate da marcha, a Secretaría Confederal das Mulleres explicou que após anos denunciando os comportamentos machistas que sosteñen o sistema económico e social no que vivimos, artellando propostas para que os poderes públicos incorporen de maneira transversal a perspectiva de xénero, tanto na análise das causas da violencia machista como nas posíbeis solucións, nesta ocasión acusa co dedo ao Goberno da Xunta como responsábel e cómplice da violencia institucional.

Como exemplo, referiu o apoio público ofrecido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, a un imputado por agresión sexual como o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, poñendo en dúbida a muller que o denunciou.  Mais salientou que tamén constitúe violencia institucional o modelo de servizos sociais aplicado pola Consellaría de Política Social, coa conselleira Fabiola García como máxima responsábel da situación de precariedade, pobreza laboral e infravaloración dos traballos profesionais de coidados.

A Secretaría das Mulleres da CIG advertiu que o desmantelamento das políticas de igualdade e a tolerancia de condutas machistas desde o poder que ostenta o PP, transmiten mensaxes perigosas que normalizan a violencia e deixan ás mulleres máis desprotexidas. Neste senso, aseverou que quere denunciar estes retrocesos, esixir responsabilidades políticas e reclamar servizos públicos, igualdade real e protección efectiva para todas as mulleres na Galiza. Non importan as leis se estas non se executan. Non abonda introducir epígrafes nos orzamentos dirixidos á igualdade se ao final se opta polo lucro derivado da privatización de servizos esenciais que deberían ser universais.

Parálise nas políticas de igualdade

A CIG denunciou que a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade, que ficou reducida a unha dirección xeral, desvinculando a violencia de xénero da promoción da igualdade e poñendo á fronte do departamento a un home de perfil técnico, constituíu a maior parálise na institucionalización das políticas de igualdade de xénero dende a supresión do Servizo Galego de Igualdade. Esta decisión levou á CIG, xunto con outros 41 colectivos feministas, a solicitar en xuño de 2024 a intervención da Valedoría do Pobo.

Á modificación no organigrama da Xunta hai que sumarlle un descenso nos orzamentos da Xunta dirixidos á loita contra a violencia de xénero do 6,4% con respecto a 2025, xusto cando a taxa de violencia de xénero na Galiza aumentou case un 10% a respecto de 2024. A CIG alertou que, de media, os xulgados de violencia contra as mulleres reciben 21 denuncias, case unha denuncia cada hora. É máis, a central sindical pode afirmar que a metade dos orzamentos destinados á violencia non van destinados ás mulleres.

A isto engadiu que os centros de atención ás vítimas as 24 horas están en mans de empresas privadas, que se aplica unha política social baseada na mercantilización dos coidados coa privatización dos servizos e a precarización das condicións laborais, ou que hai unha falla de desenvolvemento da Lei da dependencia.

Alzar a voz ante quen ten responsabilidades

Fronte a isto, a CIG reclamou a recuperación da Secretaría Xeral de Igualdade e do Servizo Galego de Igualdade, con orzamentos e persoal efectivos, un sistema público galego de atención ás persoas, e que os centros de crise 24 horas e os centros de información ás mulleres sexan recursos públicos, xestionados directamente pola Administración, con persoal competente e que dean cobertura a todo o territorio.

A CIG puxo énfase non só na denuncia destas situacións, senón que unha vez máis artella propostas para garantir a eliminación da violencia contra as mulleres e camiñar cara á tan ansiada igualdade real. Mais sinala que non vai ficar calada cando quen ten a responsabilidade de protexer ás vítimas e castigar a violencia se pon do lado do depredador. Afirmou que vai alzar a voz, dándolle a palabra ás protagonistas desta violencia institucional que non cesa: a das mulleres acosadas, agredidas, precarizadas e empobrecidas por mor das decisións políticas do goberno da dereita na Galiza.

Ante a negativa do PP tanto a recibilas como a sentar a negociar, a CIG levará a voz de todas estas mulleres á sede do PP. Desta volta, a CIG concluíu que cambiou o conto e a carapuchiña vermella vai ser a que coa axuda da súa avoa dependente castigue ao lobo e ao seu cómplice o cazador.

Precísanse medidas e non propaganda

A Secretaría das Mulleres da CIG foi moi crítica tamén co goberno do Estado por limitar a súa acción á propaganda e facer grandes anuncios que non se materializan en medidas reais nos centros de traballo, nin protocolos efectivos que preveñan, actúen e sancionen os acosos nas empresas.

Reivindicou o inmediato desenvolvemento normativo do Convenio 190 da OIT para garantir unha protección real contra todo tipo de violencia e acoso no traballo e, ante os fallos detectados no sistema de denuncia e na atención ás vítimas de violencia machista, pediu que se realicen informes de investigación e se acheguen solucións efectivas para garantir a protección.

A CIG rematou a súa comparecencia facendo un chamado á sociedade galega a participar nas mobilizacións convocadas para a tarde do 25 de novembro pola Marcha Mundial das Mulleres e outros colectivos feministas do país, dos que a CIG forma parte.

 

 

Outras novas recentes

Venres, 17 Xullo 2026

Oposicións a enx.agronómica, agrícola, obras públicas, informática e arquivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial do xoves 16 de xullo, tratáronse as convocatorias de diversos procesos selectivos: enxeñaría agronómica e informática (A1), e enxeñaría técnica agrícola, obras públicas e arquivos (A2). Viña tamén o proceso selectivo de persoal veterinario, pero non enviaron a documentación polo que foi retirado da orde do día (probablemente quede para a semana que ven)....
Venres, 10 Xullo 2026

Modificacións das RPTs do Medio Rural e de Presidencia, Xustiza e Deportes (CP 10/07/2026)

Na modificación da RPT do Medio Rural os postos creados son insuficientes e non prevalece o sistema ordinario de provisión de postos, aínda que se incluíu o posto no acordo do SPIF. Canto á RPT de Presidencia, Xustiza e Deportes, non tiveron en conta o incremeto de media hora en todos os postos de persoal limpador, non aceptaron o aumento do complemento específico dun posto...
Venres, 17 Xullo 2026

Datas dos concursos de traslados e procesos selectivos (MSF 16/07/26)

Na Mesa Sectorial de Negociación do xoves 16, a directora xeral de Emprego Público (DXEP) deu información actualizada das previsións das datas de toma de posesión dalgúns concursos de traslados e procesos selectivos. Indica a DXEP que debido ás incidencias técnicas das últimas semanas, tiveron que ampliar os prazos (como foi en corpos xerais ou escalas sociosanitarias) para...