Novas por contido

A promoción interna de corpos xerais (OPE-2008) xa pasou, non sen tempo, pola Comisión de Persoal (10/2/09), polo que nuns días será publicada no DOG.

Moito mudaron as cousas dende o primeiro borrador (10/12/08) ate o derradeiro tras varias xuntanzas, alegacións e discusións. Finalmente temos uns textos que, sen enchernos de ledicia, supoñen un importante paso adiante no modelo de promoción.

  • Reducción e racionalización de probas: non hai ningún grupo con exercicios de desenvolvemento de tema nin lectura ante o tribunal. Todas as probas de todos os grupos van ser tipo test, agás o segundo exercicio do subgrupo A1 que é un suposto práctico a desenvolver podéndose levar lexislación. En C2 retiran a proposta inicial de incorporar “Access”.
  • Temario: reducción importante de temario e desaparecen case por completo os temarios ambiguos, substituíndose por disposicións normativas.
  • Recualificación de posto: tal e como estaba previsto na oferta de emprego, e por primeira vez na historia, quen supere o proceso quedará no posto, ben sexa por ocupar un posto aberto ao grupo superior, ben por recualificación do mesmo. Esto é de aplicación a A1, A2 e C1. Laiámonos de que non se aceptara a recualificación tamén do C2.
  • Concurso: no seu conxunto non é totalmente do noso agrado, pero recoñecemos a importancia da antigüidade (50% do concurso), e a igualdade no máximo de puntuación de grao e nivel (a proposta inicial triplicaba o nivel, que é a circunstancia, en comparación co grao, a historia).

Poren, hai outras cousas que non foron aceptadas, como:

  • Non se establece a nota de corte nas bases, quedando ao albedrío do tribunal.
  • Eliminación da proba específica de galego a cambio da realización de todos os exercicios no idioma propio de Galiza.
  • Recoñecemento do mérito que supón ter superada a fase de oposición de promocións internas anteriores (e quedar fora pola suma coa fase de concurso). Subliñar o compromiso de que quen estea nesta circunstancia quedará exento/a, voluntariamente, da fase de oposición na promoción interna vindeira.
  • Procurar unha formula que produza o menor impacto de desprazamentos en C2.

Como nunca chove a gusto de todos/as e cada quen fala da feira segundo lle vai, queremos facer constar algunha cuestión que deu lugar a controversias ao longo do proceso de negociación:

  • Dereitos de conciliación: é obrigatorio por lei que nas fases de concurso aparezan estes méritos. A puntuación que se recolle é pequena, pero a nosa proposta é limitala inda mais.
  • Informática en C2: a estas alturas, sería unha faena mudar o software (Microsoft Office), polo que reclamamos un compromiso público de que as vindeiras realizaranse con software libre, algo ao que a Directora de F.P. non se comprometeu.
  • Permanencia no posto (A1, A2 e C1): recibimos criticas por non ter opción de mudar de posto. Conformes, pero comparando a actual recualificación coa situación anterior que forzaba ao desprazamento (incluíndo cambios de localidade), resulta mais xente beneficiada con este sistema.
  • Hai quen ve demasiado sinxela a fase de oposición. Esta visión provén de funcionarios/as con poucos anos de antigüidade. Non lles falta razón, pero deben entender que a promoción non existiu antes do 2002 e para a CIG hai un criterio fundamental: comezar polos mais antigos. Estamos certos de que co paso do tempo a visión da feira será outra. 
  • Rematamos co CSIF. So hai unha explicación ante a súa proposta de ampliar as distancias dos chanzos nos méritos de nivel e grao. Que negocie un ex-subdirector xeral.

Se dubidabas en presentarte á promoción interna, esta á unha boa ocasión.

Outras novas recentes

Mércores, 30 Setembro 2026

En mans de quen están as traballadoras do Consorcio? Alguén aos mandos? Hai alguén aí?

Xuntanza coa xerencia do Consorcio (29/09/26) O martes 22 de setembro tivemos que pecharnos no Consorcio porque a situación para moitas das traballadoras que deixaron de prestar servizos no Consorcio, é insostible. Manifestamos que non nos moveríamos do acceso ao edificio se o xerente non nos daba un día e hora para reunirnos por culpa das ilegalidades que están facendo...
Venres, 25 Setembro 2026

Novos actos de elección de destino, Consorcio, comisións de servizos en Política Social, INTECMAR (mesa sectorial do 23/09/26)

Preguntamos pola promoción interna de Psicoloxía xa que a primeira parte foi o día 30 de xuño e o segundo exame tiña que ser en 40 días e sacaran resolución ampliando 20 días máis. O prazo (coa ampliación) rematou o pasado 18 de setembro e non temos máis información. O que nos din da DXEP é que remataron de preparar o listado de postos e continuarán en breve, pero non da...
Mércores, 30 Setembro 2026

Erros na elección de destino en C1-C2-AP de mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza

A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza). Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e...