Novas por contido

A CIG-Autonómica denuncia ante a presidenta do Comité de Seguridade e Saúde Laboral que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático carece de protocolos claros, formación actualizada e medidas de bioseguridade para a manipulación, traslado e almacenamento de fauna salvaxe morta, pese ao risco real de transmisión de enfermidades como a peste porcina africana (PPA) ou a gripe aviaria.

A prevención da peste porcina africana depende fundamentalmente da detección temperá na fauna salvaxe, que é a principal vía de entrada e expansión do virus. Non se pode esperar a que a enfermidade entre nas granxas: o risco hoxe aínda está no monte, e é a Consellaría de Medio Ambiente quen ten a competencia directa sobre este ámbito. 

Malia esta responsabilidade ao persoal axente ambiental, garda de recursos naturais e persoal dos centros de recuperación de fauna (CRF) indicaselles unicamente que deben envolver, precintar e trasladar os cadáveres aos CRF, onde quedan almacenados en conxeladores.

A CIG Autonómica subliña que o virus da PPA, aínda que non afecta ás persoas, sobrevive semanas ou meses en roupa, rodas, caixas de pick-up ou ferramentas, polo que a falta de desinfección e trazabilidade pode converter ao persoal e aos vehículos oficiais en vectores involuntarios de transmisión, especialmente cando eses mesmos vehículos visitan explotacións porcinas ou zonas agrícolas. Polo que só o persoal formado e especializado da Consellaría deberá aproximarse e facer a recollida e levantamento de acta e control da trazabilidade con todos os pasos de bioseguridade e control. 

Situación dos centros de recuperación de fauna

Denunciamos que estes centros están escasísimos de persoal e carecen de veterinarios/as asignados de maneira estable. Nestes centros mestúrase fauna viva en recuperación con cadáveres potencialmente infectados, sen confirmación de que estas instalacións funcionen como instalacións autorizadas para xestionar, almacenar e trasladar materiais de alto risco sanitario procedentes de animais, nin garantías de separación, desinfección ou trazabilidade interna.

Ademais, non existe un sistema control efectivo que permita saber que cadáver trasladado aos CRF se recolleu, onde, por quen, onde se depositou, quen o analiza nin que ocorre se un caso resulta positivo. 

Falta de coordinación e de delimitar os actores responsables

Non nos consta que se realice unha coordinación axeitada con outras consellarías implicadas como a Medio Rural e Sanidade. Nin que exista un protocolo de actuacións coherente entre servizos que traballan no monte. Sabe o persoal de incendios forestais que facer se atopa un xabarín morto no monte? E se chama ao 112, como da o aviso e a quen?

A Xunta segue sen meter aos axentes ambientais da CMACC no sistema de emerxencias do 112, a pesar que a lexislación do estado así o indica. Polo tanto pode ser que ante un aviso, os axentes ambientais da zona nin sequera sexan informados. 

A CIG critica tamén que, malia este escenario de risco, a Consellaría celebrou recentemente reunións con representantes do sector da caza e con corpos de seguridade sen convocar nin informar ao persoal axente ambiental, a pesar de que o control da fauna salvaxe e da actividade cinexética é a súa competencia directa.

Con isto a Xunta delegou completamente o control da crise da PPA nos cazadores, sen establecer protocolos específicos nin coordinación efectiva co persoal de medio ambiente (como se fai noutras comunidades), o que non só é ineficaz, senón que pode converter á actividade cinexética nun vector de transmisión se non vai acompañada de medidas estritas, supervisión e formación obrigatoria.

A CIG solicita ante a presidenta do CSSL da CMACC: 

    • Protocolo oficial completo de manipulación e traslado de fauna morta e medios de desinfección, precintaxe e traslado. 
    • Implantación dun sistema obrigatorio de desinfección de vehículos e EPIs.
    • Clarificación das condicións de seguridade e uso dos CRF.
    • Creación dun sistema de trazabilidade sanitaria, incluíndo protocolo de actuación ante resultados positivos.
    • Actualización da avaliación de riscos laborais, incorporando riscos biolóxicos de alta resistencia.
    • Plan formativo obrigatorio e simulacros periódicos, con mecanismos de auditoría.

A CIG Autonómica considera que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático non pode seguir con reunións propagandísticas e medidas improvisadas mentres faltan os mínimos esenciais para detectar os focos onde realmente aparecen, na fauna salvaxe e no medio natural. 

 

Outras novas recentes

Xoves, 29 Outubro 2026

BYE, BYE FABIOLA!

Hai despedidas tristes. Cando unha compañeira ou compañeiro de traballo abandona porque non pode manter á súa familia co salario que cobra, ou remata farta e con medo ás agresión que todas e todos sufrimos. eowpzSxtLVM| Nestes últimos tempos, marcados polos conflitos en ensino infantil 0-3, en menores, na discapacidade, en dependencia, en residencias, nos SAF, servizos...
Mércores, 28 Outubro 2026

Xuntanza para a modificación da Orde de horarios do Servizo de Gardacostas (23/10/2026)

Despois da reunión de mesa sectorial de hai un mes onde se abordou a modificación da Orde do 2 de maio de 2006 pola que se establece o réxime de prestación de servizos, horarios, vacacións, licenzas e permisos e compensacións económicas para percibir polo persoal do Servizo de Gardacostas de Galiza, é previo á levar o texto á Comisión de Persoal onde se aprobaría, a...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...