Novas por contido

Un diario con tiraxe para todo o Estado advirte de que en Galiza hai nenos que “ya no saben contar de 1 a 10 en castellano” debido ás políticas de “inmersión lingüística” da Xunta. Di tamén que “el español recibe peor trato que el inglés en Cataluña, País Vasco y Galicia” e non teñen dúbida en afirmar que “estos alumnos tendrán más dificultades para expresarse en español que en inglés, catalán, vascuence o gallego”.

Neste medio critícase tamén un decreto que regula as materias a impartir en galego, aprobado cun amplísimo respaldo da comunidade educativa.

Din que aínda que a letra da norma legal sinale determinadas materias para ministrar neste idioma, “aquellos colegios que lo deciden pueden impartir casi todas sus asignaturas en gallego, como está ocurriendo en algunas zonas de marcado carácter nacionalista”.

Mentres, unha asociación que se presenta como defensora da liberdade de escoller idioma leva o dito decreto aos tribunais de xustiza, creando abondo balbordo na imprensa, mais con escaso suceso nas sentenzas. Este mesmo colectivo publica anuncios nos xornais acusando tamén ao Goberno de Galiza de “imponer el gallego en la sanidad”. Unha outra organización envía un comunicado aos medios afirmando que as políticas de impulso do galego supoñen un “alarmante deterioro de los derechos civiles”.

A todo isto, os gobernantes responden defendendo o cumprimento da lei, aínda que na realidade tal aplicación diste de ser realidade, o cal é denunciado polo movemento cidadán en defensa do galego, que reclama a adopción das medidas necesarias para que se poñan en práctica as normas aprobadas, que é unha obriga democrática elemental.

Estes parágrafos non eran un repaso da actualidade dos últimos meses, senón o que as hemerotecas recollen que acontecía no ano 1996, pouco despois de que a Xunta presidida por Manuel Fraga Iribarne nunha das súas maiorías absolutas, aprobase o decreto 247/95. Esta norma regulaba uns mínimos de aprendizaxe en galego nas diferentes etapas do ensino non universitario. A descrición apocalíptica e o discurso eran cuspidiños aos de hoxe, co decreto aggiornado. É imposíbel non ter unha fortísima sensación de déjà vu a respecto do que aconteceu en 1996, gobernando o PP, co que sucede na actualidade co bipartito, só que neste tempo mudou a disposición dos actores no escenario político e institucional.

As piruetas do PP

Nada máis tomar posesión eu como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (pouco despois de comezar a última lexislatura do PP con maioría absoluta), solicitei unha entrevista co responsábel de Política Lingüística do Goberno galego, daquela Jesús Pablo González Moreiras. No encontro achegueille propostas de acción e de colaboración, que pasaban inescusabelmente polo cumprimento das leis.

Escoitou o que eu lle formulaba e, cando finalicei, retrucoume: “Iso está moi ben. Estudarémolo –un xeito elegante de dicir que non–. Mais non todo o mundo ve as cousas como vós as vedes. Hai moita xente que considera que desde a Xunta estamos a impulsar demasiado o galego.” Mentres o comentaba, tirou dun caixón algunhas cartas críticas co goberno do PP, onde o acusaban de impor o galego no ensino, na sanidade, no comercio, na administración... Había xente molesta polo feito de que a lingua galega existise e tivese unha mínima presenza en sectores nos que estaba excluída durante a ditadura franquista.

Tentei cortarlle a argumentación ao director xeral. Esa non podía ser escusa para a inacción, pois sempre existen persoas e colectivos contrarios a calquera cousa. A calquera. Ademais, as posturas alí manifestadas eran predemocráticas e, tan residuais, que mesmo carecían de representación parlamentar, xa que oficialmente todas as forzas políticas mantiñan un discurso de impulso do galego. Outra cousa, que ambos sabiamos e seguro que pensabamos nese momento, era a distancia entre o discurso, a vontade e a práctica.

Cando vin estes días o apoio explícito do PP á manifestación vehiculizada a través da convocatoria de Galicia Bilingüe, lembrei aquela conversa. Porque persoas e grupos contrarios á existencia do galego sempre existiron. Aí están por exemplo os traballos das profesoras Carme Hermida ou Pilar Freitas Juvino para quen o dubide, amosando como se organizaron ao longo do tempo as forzas contrarias á recuperación, restauración e extensión social do galego.

Mais a novidade de onte é que esta mobilización de rúa contra o galego, a primeira histórica con estas dimensións e este obxectivo único de desamparar o dereito individual e colectivo a poder expresarse e recibir información na lingua propia de Galiza; a novidade, digo, é o respaldo dos actuais dirixentes do PP galego, dispostos a encabezaren o ranking dos máis españolistas de todo o Estado. Agora, a forza política que noutrora criticaron os grupos galegófobos, é a que lles dá voz parlamentar e respaldo simbólico, o cal ten repercusións nos aspectos económicos e no eco mediático.

A mudanza de discurso do PP prodúcese unha vez que pasan á oposición, aínda que non todos os seus dirixentes concorden en considerar un acerto retirar a carauta galeguista que tan bos réditos ofreceu durante lustros. Os ventos da rúa Génova e dos medios de comunicación próximos chamaron por unha outra actitude, que paseniño foi gañando terreo. Comezaron a criticar así a posibilidade de que se aplicasen as normas e acordos que eles mesmos refrendaran. Mais quero subliñar que o seu rexeitamento é máis á posibilidade que á súa consumación, xa que estes feitos case non se producen: a lexislación lingüística no ensino non se cumpre, os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico están desprotexidos, en moitas administracións non hai en galego nin os formularios máis habituais, nos medios de comunicación a lingua galega perde espazo, a oferta editorial neste idioma é insuficiente, no ámbito laboral continúan as discriminacións... En fin, que estamos sobre todo ante unha “guerra preventiva”, como advertiu o profesor Henrique Monteagudo.

O PP mobiliza contra o galego

A marcha do odio e do racismo lingüístico de onte foi apoiada só por organizacións foráneas (Ciutadans, AVT etc) ou marxinais dentro de Galiza (Falange Auténtica, UPyD, Centro Democrático Liberal de Galicia, Unificación Comunista de España etc). A única excepción a isto foi o PP, que se adheriu e puxo a súa maquinaria organizativa a funcionar, dando o toque de corneta, igual que fixeron no seu día contra a igualdade xurídica para as e os homosexuais, para o cal enchían autobuses destino a Madrid. Traen agora para Galiza a súa táctica de realizar crispantes mobilizacións carcas, que xa se demostrou fracasada nas pasadas eleccións Xerais. Porén, a afluencia de onte, mesmo nas estimacións máis exaxeradas, só pode ser considerada un fracaso, tanto por estar moi por debaixo das expectativas formuladas como porque o PP en convocatorias para outros temas é capaz de mover moitísima máis xente.

O que vimos foi, sobre todo, unha manifestación do PP-Jekyll contra o PP-Hyde. Como se poden burlar dos seus potenciais votantes apoiando agora a derrogación da Lei de normalización lingüística que se aprobou cando os populares presidían a Xunta e Mariano Rajoy era deputado no Parlamento galego? Non era Alberto Núñez Feijóo vicepresidente da Xunta cando se aproba o Plan xeral de normalización da lingua galega que agora se negan a permitir aplicar? En que punto esqueceron que José María Aznar gobernaba con maioría absoluta cando se ratifica a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias contra cuxo contido tamén agora se mobilizan?

Outras novas recentes

Xoves, 04 Xuño 2026

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua do segundo semestre de 2026

No DOG do 04/06/2026 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2026 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional. Convocan as actividades formativas que figuran no anexo II,...
Venres, 05 Xuño 2026

Corpos xerais: modificación da RPT, datas de elección de destino e tomas de posesión

Na Comisión de Persoal de hoxe, 05/06/2026, o único punto da orde do día foi a modificación da RPT de corpos xerais da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, que nace da necesidade de contar con prazas suficientes para dar destino definitivo a todas as persoas de todos os procesos de corpos xerais que están pendentes de que ese acto se realice. Aínda que non...
Luns, 08 Xuño 2026

Caos nas listaxes de contratación

O venres 05/06/26 na Comisión de Persoal, dende a CIG, demos aviso de que as listas de contratación estaban resultando un caos, e que así o estaba reclamando o persoal a través de queixas por rexistro que nos están facilitando, xa que están recibindo chamadas para incorporarse no posto unha hora despois e senón serán penalizadas; e notificacións con coberturas que, en vez...