Novas por contido

O presidente da Xunta de Galiza cando xustificou que no proxecto de orzamentos houbese unha rebaixa salarial para os empregados públicos foi coa promesa de non proceder a despedimentos e manter na súa totalidade a dotación de persoal e así cadrar as contas públicas.

A proposta de modificación da relación de postos de traballo da Consellaría de Traballo e do Benestar presenta unha redución de 251 efectivos. Esta brutal eliminación de postos de traballo non só afecta a postos vacantes; tamén implica o despedimento do persoal laboral indefinido, 19 postos de traballo, aos que se lles aplica a reforma laboral do goberno de Rajoi; despedimentos obxectivos por causas económicas. Por primeira vez a Xunta fará uso desta reforma laboral que prima o despedimento case que gratuíto.

Aniquílanse as unidades de valoración da dependencia de Ferrol e de Santiago, 8 e 6 postos de traballo respectivamente. Elimínase a dotación de persoal do complexo xuvenil de Gandarío; 11 postos de traballo. Continúa a sangría de postos na residencia de Tempo Libre de Patos-Nigran, 3 postos, nas residencias de maiores, no centro de atención a persoas con discapacidade de Redondela, 4 postos.... e así ata achegares a totalidade de 251 efectivos.

Sen embargo, a Consellaría decide crear outros postos de traballo sen contido e duplicalos para satisfacer a súa clientela; catro postos de comisarios políticos, servizos de coordinación de centros.

O comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza rexeita, enerxicamente, esta política de destrución dos servizos públicos.

Rexeitamos na súa totalidade a proposta da Consellaría de Traballo e do Benestar de proceder á supresión de 251 postos de traballo da relación de postos e facemos un chamamento aos empregados públicos para mobilizarse e tentar impedir esta brutal amortización dos postos dos nosos compañeiros e compañeiras de traballo.

Esiximos que o presidente da Xunta de Galiza cumpra o seu compromiso de non promover a despedimentos.

Esiximos que a Xunta de Galiza non bote man da reforma laboral que propicia os EREs nas administracións públicas.

Outras novas recentes

Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...