Novas por contido

No Pleno do Parlamento galego do mércores, 15 de maio, o Presidente da Xunta asegurou que non existen contratos anteriores ao 2003 co seu amigo Marcial Dorado porque “só hai obriga de arquivar os documentos durante 10 anos”.

Feijoo debe descoñecer que ten un grupo de persoal funcionario especializado no eido da arquivística (Corpo Especial de Arquivos) e acude como sempre aos datos que lle subministran os seus Gabinetes de propaganda. Só deste xeito se pode entender que afirme algo que non é certo. Calquera empregado/a público/a da Xunta pode comprobar a existencia de documentación de máis de 10 anos pero son precisamente consultando cos profesionais da arquivística na Xunta, coa seguinte análise, os que nos demostran que o Presidente ou ben está enganado ou ben está enganando.

1.- A nivel lexislativo temos que considerar que:

A Lei 8 /1995 de Patrimonio Cultural de Galicia  dí literalmente no seu artigo 77:

Artigo 77. Contido do patrimonio documental.
1. Integran o patrimonio documental de Galicia:
a) Os documentos de calquera época xerados, conservados ou reunidos no exercicio da súa función por calquera organismo de carácter público existente en Galicia, así como por persoas privadas, físicas ou xurídicas, xestoras de servizos públicos.

Para maior abastanza no artigo 80.3, alude a que:

Baixo ningún concepto se poderán destruí-los documentos mentres subsista o seu valor probatorio de dereitos e obrigas das persoas e dos entes públicos.

2.- A nivel técnico, se manifesta que:

Os expedientes de contratación (de obras, servizos, asistencia técnica ou de calquera outra índole) están valorados nos arquivos galegos como de conservación permanente, polo tanto nunca deberán ser destruídos e pasarán a formar parte dos depósitos documentais dos arquivos propios da Comunidade. Nomeadamente o Arquivo Xeral da Xunta de Galicia no Tambre na súa fase administrativa e do Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura na súa fase histórica.

En caso de que se acordase a eliminación de series de documentación xestada pola Administración Autonómica, estas deberían ser avaliadas, identificadas e valoradas por unha Comisión de Avaliación que desgraciadamente aínda non existe en Galicia.

Estamos a falar de documentación da Consellería de Sanidade dos anos 90; hai que saber que o máximo responsable da documentación en cada departamento, é o Secretario Xeral do mesmo, neste caso o Sr. Feijoó. Por tanto eses documentos teñen que aparecer a menos que el non fixera ben o seu traballo naquel momento.

3.- A nivel organizativo, se observa que:

Este caso sérvenos para mandar unha mensaxe de alarma, do que pasa coa documentación na Administración Autonómica. Contamos cun grupo de arquiveiros, minimizado, cunhas condicións de traballo paupérrimas que non poden chegar a todas as consellerías e que non dan abasto. A non-nata Lei de Arquivos (somos a única Comunidade que non a ten), contemplaba que houbera persoal técnico suficiente en cada Consellería, pero non se aprobou, porque non interesaba que o control da documentación saíse da esfera política cara a esfera funcionarial. Era mellor contentarse con empresas de mudanzas varias, persoal funcionario sen coñecementos pero adscrito ao arquivo, almacenamento masivo, ou simplemente deixar que se perderan e pudrisen os papeis “non fora que houbese algo malo neles”.

4.- A nivel de asesoramento vemos que:

O Sr. Feijoo pese a gastarse inxentes cantidade de diñeiro  en asesores e gabinetes varios e non acaba de contratar a xente axeitada. Este ano no orzamento a Xunta gástase  directamente 5.318.000 €. Realmente para a utilidade práctica que ten o persoal de Gabinete, non se xustifica detraer esta cantidade de cartos dos servizos públicos e, desde a CIG, propoñemos a súa eliminación.

En definitiva, todo isto ben a dicir o mal asesorado que está o noso presidente, e o pouco que coñece a Administración. Ou mesmo a capacidade que ten de parecerse ao fillo de Geppeto.


Outras novas recentes

Martes, 19 Mai 2026

Concursos de informática, turismo, urbanística, estradas, mobilidade, hidráulico (con informática de experimento)

Dos tres novos concursos de traslados que estamos a negociar (Mesa Sectorial do martes 19), un deles, o das escalas de informática, servirá de “piloto” para un futuro concurso aberto permanente do que pouco concreta a Xunta. Os outros dous concursos son: a) Inspección e subinspección urbanística (A1 e A2); b) Turismo (A2); vixilancia de estradas, mobilidade, dominio público...
Luns, 25 Mai 2026

As sospeitas da CIG confirmáronse: a modificación da RPT da Consellaría de Cultura axustou á medida a praza da dirección do CGAC

O nomeamento da docente de ensino secundario Eva López Tarrío prodúcese após a modificación da RPT en febreiro para abrirlle o acceso á dirección a persoal funcionario desde corpos e escalas sen relación directa co ámbito museístico nin coa dirección de institucións culturais. A Xunta decidiu adaptar a praza da dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) para...
Xoves, 21 Mai 2026

A CIG solicitou unha reunión de urxencia co conselleiro de Facenda ante o pasotismo da directora xeral de Emprego Público respecto ás tom...

Este luns 18/05/26, a CIG solicitoulle ao conselleiro de Facenda unha xuntanza para dar solución e que nos actos de elección de destino participen todas as promocións que estean nesa situación, sen que ningunha quede relegada a un futuro incerto. As case 500 persoas funcionarias de corpos xerais que concorreron á promoción interna do ano 2023 en convocatorias derivadas das...