Novas por contido

O 24 de xullo de 2013 ven de saír publicado no Diario Oficial da Unión Europea a formalización dun contrato de Augas de Galicia coa empresa Adantia, S.L. cuxo obxecto refírese a ....actividades de asesoramento, colaboración, asistencia e apoio auxiliar, técnico e legal a Augas de Galicia na xestión dos expedientes de calquera dos tributos referidos ao canon da auga, coeficiente de vertedura e canon de saneamento, este último ata a súa total extinción [....] O importe total do contrato ascende á cantidade de 871.926 € e conta cun prazo de execución de 24 meses.

A desfachatez que caracteriza a este organismo non ten límites. Dende a CIG vimos denunciando estas prácticas dende hai moito tempo, a última vez o pasado 3 de xullo. Cónstanos tamén que a empresa adxudicataria deste servizo público é unha vella coñecida en Augas de Galicia, onde son habituais as súas “colaboracións”, por suposto moi ben remuneradas.  

Lamentablemente, xa non nos sorprende a capacidade que ten este organismo dependente da consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para levar adiante a imparable carreira privatizadora de servizos públicos que caracteriza a política do actual goberno da Xunta.

Desta volta, se botamos unha ollada ás condicións técnicas do contrato, observamos ata que punto este contrato está dirixido a un determinado perfil de empresa, non só pola exixencia de ter realizado servizos ou traballos de consultoría ou asistencia técnica de similar natureza nos últimos tres anos, senón pola necesidade de que eses traballos fosen realizados por un importe económico moi concreto e aproximado ata o último céntimo.

Resulta insultante e unha aldraxe ao conxunto dos empregados públicos da administración autonómica galega que Augas de Galicia recurra a unha empresa privada para contratar a 8 persoas con experiencia en tributos ambientais, tramitación de expedientes administrativos tributarios, experiencia en materia de programación de aplicaciones informáticas, mantemento de bases de datos ou en labores administrativas, tal e como se desprende das bases do contrato. Que pasa, que o persoal da Xunta de Galiza non dispón da experiencia necesaria para facer eses traballos?

Coa formalización deste contrato, Augas de Galicia insiste unha vez máis no seu modelo privatizador de servizos públicos e volve a ignorar que si dispón de persoal nas distintas categorías laborais, escalas ou administración xeral que está plenamente capacitado para a realización deses traballos. Ou resulta agora que dentro do persoal da Xunta de Galiza non hai licenciados en dereito, enxeñeiros, biólogos, químicos, licenciados en ciencias ambientais, informáticos ou persoal administrativo?

Resulta insólito que o organismo que xestiona tanto os recursos hídricos do noso país como os distintos tributos relacionados con eses recursos, poña en mans alleas á administración pública a xestión dos expedientes referidos a tributos propios como o canon da auga ou o canon de saneamento. Dende a CIG consideramos que estas prácticas son, cando menos, moi perigosas.

Por certo, Adantia S.L., a empresa “afortunada” coa adxudicación deste contrato, dispón dunhas oficinas porta con porta coa sede de Augas de Galicia sita na Praza de Camilo Díaz Valiño. Será para manter cercanos os contactos e, de paso, tomar o café xuntos......

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

A CIG mobilízase para reclamar salarios dignos fronte á carestía da vida

XFcfJrNfTHw A CIG-Administración reivindica o estabelecemento dunha cláusula de revisión ao IPC, medidas que faciliten o acceso á vivenda e mellores condicións laborais Máis de 200 delegadas e delegados dos distintos sectores que integran a CIG-Administración Pública manifestáronse este mércores 4 de novembro en Compostela contra a perda de poder adquisitivo do persoal...
Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...