Novas por contido

Dende a CIG-Administración denuncian un novo caso de “nepotismo e enchufismo” na Consellería de Traballo e Benestar

A CIG-Administración vén de denunciar publicamente un novo caso de “nepotismo e enchufismo” na provincia de Ourense por parte do delegado da Xunta, Rogelio Martínez, e do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas. A central sostén que o departamento autonómico “inventou” unha praza inexistente nun centro de formación profesional para colocar a un “comisario político” do PP.
 
San CaetanoSegundo explican dende o sector de Autonómica da CIG-Administración, “atopámonos coa invención dunha praza de responsábel no centro de formación profesional Valverde de Requeixo-Allariz, dependente organicamente do centro integrado de formación profesional Santa María de Europa de Ourense, na que figura José Antonio Cid Vila".

Dende a CIG denuncian que esta praza non existe no organigrama da Consellería de Traballo e Benestar, “e non temos constancia de que esta persoa aprobase algunha oposición ou que teña sido contratado como funcionario interino ou persoal laboral temporal; é máis, temos fundadas sospeitas de que figura tanto no IAE como na Seguridade Social como autónomo”.

Para a central nacionalista trátase dun novo intento de enchufar a unha persoa que, segundo a información que manexa a CIG, “o único mérito coñecido que ten é o de ser un comisario político do Partido Popular e amigo persoal do anterior portavoz do PP Antonio Miranda”.  Na súa opinión, con esta manobra a Xunta pretende novamente que persoal alleo á Administración entre nela pola porta de atrás sen respectar ningún dos principios constitucionais de acceso á función pública.

Finalmente esixen que, de confirmarse a vinculación desta persoa como autónomo para traballar nun posto de administración da Xunta, sexa anulado o contrato e se cree o posto de responsábel do centro de formación ocupacional Valverde na Relación de Postos de Traballo da Consellería de Traballo e Benestar e se cese de xeito inmediato ao delegado autonómico en Ourense e ao xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

Outras novas recentes

Xoves, 19 Novembro 2026

O sector dos coidados e a atención ás persoas en loita!

As traballadoras do sector de coidados e atención denuncian a precariedade da súa situación laboral e dos servizos que se prestan desde a Consellería de Política Social e a Consellería de Educación. Centos de manifestantes marcharon en Santiago de Compostela o sábado 14 de novembro, reclamando a creación dun Servizo Público Galego de Atención ás Persoas que garanta servizos...
Mércores, 18 Novembro 2026

RPT do Mar (centros de ensino) (26/11/26)

A Secretaría Xeral do Mar convocounos a unha xuntanza para o xoves 26 de novembro, para tratar unha proposta de modificación da súa Relación de Postos de Traballo. A proposta afecta ás escolas oficiais nautico-pesqueira de Ferrol e Ribeira, ao instituto en acuicultura da Illa de Arousa e ao instituto marítimo-pesqueiro do Atlántico de Vigo. En todos eles crean postos de...
Venres, 13 Novembro 2026

RPT Emprego, Comercio e Emigración (11/11/26)

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocou aos sindicatos a unha xuntanza para falar da súa proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo da consellería. Descargar Contactamos coa consellería para pedir explicacións polo feito de que nos convocasen con menos de 48 horas de antelación (restando a xornada de Folga Xeral), o que imposibilita estudar...