Novas por contido

Carlos e Serafín, afiliados de UGT e CIG, están condeados a tres anos de prisión por un delito "contra o dereito ao traballo". Non houbo agresións, non houbo danos, non houbo denuncia de ningún particular ou empresa, non houbo detencións. Houbo unha identificación policial un día dunha folga do transporte do ano 2008, nen sequera foron detidos. A súa condea: tres anos de prisión, firme, con indulto rexeitado.

As organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT convocan manifestacións e concentracións por todo o país, o día 30 de xuño, porque defender os dereitos da clase traballadora non é un delito.

  • A Coruña: 30 de xuño ás 20:00 na Casa do Mar
  • Ferrol:  30 de xuño ás 20:00 na Praza de España
  • Compostela:  30 de xuño ás 20:00 na Praza de Galiza
  • Ribeira:   30 de xuño ás 20:00 na Praza do Concello
  • Lugo:   30 de xuño ás 20:00 na Ronda da Muralla (Edificio Sindical)
  • Viveiro:   30 de xuño ás 12:30 nos Xulgados
  • Monforte:   30 de xuño ás 20:00 nos Xulgados
  • Ourense: 30 de xuño ás 20:00 na Praza Maior
  • Pontevedra:   30 de xuño ás 20:30 na Praza da Peregrina
  • Vilagarcía:   30 de xuño ás 20:30 na Casa do Mar
  • Vigo: 30 de xuño ás 20:00 na Vía Norte

Reproducimos un escrito dos secretarios xerais dos sindicatos na comarca de Vigo:

Estimadas compañeiras e compañeiros:

Como coñecedes por ter participado con nós, as Organizacións Sindicais estamos na rúa permanentemente reclamando obxectivos comúns para a cidadanía, nomeadamente a clase obreira.

Loitamos contra a reforma laboral, contra a austeridade, contra o desmantelamento de servizos públicos: a sanidade, a educación, a dependencia ou os servizos sociais, contra a alta taxa de desemprego, a precariedade da mocedade ... ; loitamos en definitiva para que se devolva á política a súa condición de ferramenta ao servizo da cidadanía.

Os Sindicatos CCOO, CIG e UGT, inmersos na defensa dos dereitos de todas e todos, temos convocado folgas e durante estas sucedéronse denuncias contra moitas das persoas que participaron nestas accións reivindicativas. É crecente a represión contra todas aquelas persoas ou movementos socias que, no libre exercicio de dereitos fundamentais, se opoñen ás políticas antisociais do goberno, exiximos respecto aos nosos dereitos e demandamos condicións de vida e de traballo dignas. Estase a criminalizar a resposta social, especialmente as de carácter sindical.

Debido a estas denuncias, varias persoas foron sometidas a xuízo. Como resultado: compañeiras e compañeiros inxustamente condenados á cadea. É o caso de Serafín e Carlos, traballadores do transporte de mercadorías e das dúas traballadoras do sector de instalacións deportivas.

Mentres se actúa con esta dureza contra a clase traballadora, a Fiscalía e os Tribunais manteñen unha actitude de total pasividade diante do empresariado, que ameza, coacciona e vulnera de maneira cotiá os dereitos dos empregados/as.

Esta grave situación ten culpable: o goberno do PP, que coa súa política elitista e represiva, de confrontación co movemento obreiro e de recorte das liberdades públicas, retrotráenos en moitos aspectos ao franquismo. Os executivos presididos por Rajoy y Feijoo, como bos gobernos de dereitas, aproban medidas servís aos insaciables intereses das grandes fortunas, da patronal e dos mercados financeiros, manteñen unha actitude de total permisividade ao respecto da corrupción e de delitos que comenten as súas amizades ou mesmo membros do seu partido.

Non podemos calar: temos que defender os nosos dereitos, non podemos permitir que loita sindical e a contestación social se vexan limitadas por estas actuacións ou polas novas reformas lexislativas que o PP está a poñer en marcha, a través das que se pretende acometer un ataque brutal a dereitos e liberdades fundamentais como a folga e a manifestación, expresións de contestación social que debe salvagardar calquera sociedade democrática.É por isto polo que nos diriximos a vós para solicitar o voso apoio contra esta inxustiza, rexeitando a persecución penal da liberdade sindical, instando aog goberno do Estado a anular calquera orde de ingreso en prisión para Serafín e Carlos e que lles conceda o indulto, petición que facemos extensible para todo compañeiro e compañeira que se poida atopar na mesma situación.

Solicitamos a difusión desta comunicación e a vosa participación na manifestación que temos convocada para o próximo día 30 de xuño, ás 20.00 h, dende Vía Norte, porque DEFENDER OS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA NON É UN DELITO. NON A REPRESIÓN SINDICAL. POLA LIBERDADE. POLA DEMOCRACIA.

Amelia Pérez Álvarez - secretaria xeral CCOO
Santiago Rodríguez Alonso - secretario xeral UGT
Serafín Otero Fernández - secretario xeral CIG

Outras novas recentes

Xoves, 05 Novembro 2026

Seaga paraliza o seu primeiro plan de igualdade após tentar aprobalo sen negociación efectiva

A sociedade mercantil pública autonómica cancelou dúas reunións consecutivas e deixou a negociación sen nova data. A CIG Administración Autonómica exixe retomar de inmediato os traballos, completar a diagnose e acordar medidas reais para o persoal. A CIG, sindicato maioritario nos comités de empresa da Coruña, Lugo e Ourense, denuncia as actuación da Empresa Pública de...
Luns, 09 Novembro 2026

Dúbidas ante a folga xeral do 11 de novembro

Respostas ás preguntas máis frecuentes para que todas as persoas traballadoras poida facer valer os seus dereitos Desde a CIG tentamos responder ás principais dúbidas que xiran arredor da convocatoria de Folga Xeral do vindeiro 11 de Novembro para que todas as persoas traballadoras do país poidan facer valer os seus dereitos e secundar a mobilización con liberdade. 1. Cal...
Luns, 09 Novembro 2026

A CIG convoca 17 mobilizacións por todo o país na xornada de folga xeral do 11N

A central nacionalista empraza a clase traballadora galega a visibilizar a parálise da actividade económica e laboral da xornada de 24 horas asistindo masivamente ás marchas A CIG anunciou a convocatoria dun total de 17 mobilizacións por todo o país durante a xornada de folga xeral prevista para o vindeiro 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna'...