Novas por contido

En plena situación de emerxencia social coa vivenda, con centos de desafiuzamentos ao ano no noso país, o organismo autónomo da Xunta con competencias nesta materia amortiza 36 postos de persoal funcionario, 10 dos cales están ocupados, co que dificulta a atención, xestión e o asesoramento necesarios.

O 25 de setembro houbo unha primeira reunión para tratar a modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Nesta modificación proponse a amortización de ata 36 postos de persoal funcionario fronte aos 11 que se crean, o que supón un recorte no capítulo de persoal de máis de 800.000€. Non cambia para nada a RPT de persoal laboral na que só hai 4 postos creados por execución de sentenza de cesión ilegal.

A primeira reflexión que debemos facer é que esta proposta concreta que nos achega a Xunta, con este brutal recorte, non resulta moi coherente coa continúa mensaxe de recuperación económica e boa marcha da Administración autonómica.

A realidade é outra, a realidade social que nos demostra que son necesarios máis recursos públicos e menos indiferenza política para paliar a dificultade de acceso á vivenda e, por suposto, a sangría dos desafiuzamentos. Fai falta un maior parque público de vivendas e fai falta máis persoal para informar, asesorar e xestionar a pesada burocracia que rodea o dereito á vivenda. Por outra banda, tamén entendemos necesario un cambio político xa que actualmente o IGVS só ten en conta ás persoas que botan da casa por "execución hipotecaria" pero non as que botan da casa por non poder facer fronte ao aluguer.

As persoas representantes do IGVS deron de prazo ate o venres, 3 de outubro, para presentar alegacións por escrito. Porén, xa avisaron de que non habería outra nova reunión previa á Mesa Xeral senón que contestarían as alegacións por escrito. Desde a CIG reivindicamos unha verdadeira negociación colectiva xa que esta non se substancia con reunións de trámite, informativas ou aclaratorias.

 

Moita amortizacións a discreción e pouca reorganización

O IGVS motiva a proposta no recente Decreto de estrutura, no que se reducen as subdireccións dos servizos centrais de 7 a 5 e que din lles obriga a unha “reorganización” do persoal. A realidade é que está reorganización ten máis de amortización a discreción de todo posto que se atope vacante. A única reorganización dáse na reconversión de 4 postos base C2-nivel 12 (amortízanse) en 4 novos postos C2-C1-nivel 16 (créanse) especializados en “atención ao público” ou a reconversión de dúas xefaturas de sección A1-A2-C1 nivel 25 en dúas “unidade xurídicas” A1-nivel 26 co requisito indispensable de “licenciatura en Dereito”.

A categoría máis castigada coas amortizacións volve ser a de auxiliar administrativo (posto base C2), que afecta especialmente ás xefaturas provinciais da Coruña e Ourense. Co que resta de postos base do grupo C2 terán que facer nas xefaturas territoriais a “atención ao público” xa que nestas non crean postos especializados de maior nivel como nos servizos centrais, algo non só inxusto desde o punto de vista da carreira administrativa senón pouco funcional.

Entre os postos que se amortizan hai 10 ocupados, 6 dos cales son en destino definitivo, 1 que está ocupado en adscrición provisional por razóns de saúde e outros 3 están ocupados en comisión de servizos de xeito temporal.

Desde a CIG manifestamos a nosa máis rotunda oposición a este tipo de xestión dos postos de traballo públicos onde se enfoca a prestación dos servizos unicamente en función de criterios de recorte indiscriminado do gasto e non de criterios sociais.

En canto ás creacións, nótase esa falta de tacto social na ausencia de postos da categoría de “traballador/a social” ou na ausencia de postos de “asesoramento legal”. Hai un aumento dos requisitos de coñecemento en Dereito e postos xurídicos pero non orientados cara a cidadanía senón simplemente cara a maquinaria burocrática interna do IGVS.

Así mesmo os postos de “información” que se crean son insuficientes e lles falta esa proxección de asesoramento xurídico externa. Por último, cómpre destacar que existe na Xunta unha oficina temporal de asesoramento ás persoas desafiuzadas (Programa Reconduce), que actualmente se atopa saturada e que non ten unha dependencia nin orgánica nin funcional do IGVS.

En canto ás amortizacións, destacamos a nosa preocupación tanto pola situación da persoa adscrita por razóns de saúde como pola amortización dos postos ocupados en propiedade pois, neste último caso, aínda que quedan en adscrición provisional no novo posto, implica unha clara desvantaxe nos concursos de traslados pois fican obrigados a concursar a todos os postos da localidade; no caso por razóns de saúde queremos saber se vai haber posibilidades de recolocar a esta persoa facilmente nesa localidade. En todo caso, solicitamos por escrito, a solución que lle propoñer dar a cada unha destas persoas.

Por último, o IGVS en particular, e a Xunta en xeral, deben ter en conta que este tipo de política de amortización indiscriminada provoca problemas funcionais en canto a que se recorta maioritariamente os postos xerarquicamente inferiores, co que crean unha pirámide dos recursos humanos públicos invertida e dificulta a correcta prestación dos servizos públicos á cidadanía.

 

Outras consideracións

  • Titulitis: observamos unha obsesión xeneralizada coas titulacións como criterios case exclusivos para destacar a formación; temos unha Escola Galega de Administración Pública e hai que darlle un traslado aos seus plans de formación cara as RPTs.
  • Catálogo de postos: nesta RPT atopamos novas denominacións de postos e reconversións doutras, con algunha incongruencia dentro do que é habitual atopar noutras RPTs pero tamén dentro desta. Atopamos, por exemplo, a xeneralización da denominación das xefaturas de negociado (nivel 18) en “I”, “II” ou mesmo “III”, cando niveles inferiores como os novos 16 de información teñen unha maior definición das súas funcións na súa denominación. Resulta chamativas tamén as novas “unidades xurídico-administrativas” na xefatura do servizo técnico xurídico, a diverxencia na denominación do persoal inspector, a ampulosa denominación das novas unidades de información, etc. Cremos necesario crear un catalogo de postos nos que se consigne as funcións propias destes e non que quede a discreción de cada centro, ou mesmo cada ocasión na que se realiza unha reforma de RPT. En calquera caso, os postos que realizan as mesmas funcións deben ter a mesma denominación e as mesmas retribucións.
  • Apertura de postos a outras Administracións: resulta escandaloso que practicamente todas as Libres Designacións están abertas a outras Administracións (de feito son os únicos postos). En termos netos, nesta proposta abren 4 postos máis de LD a outras Administracións. Máis preocupante resulta a apertura das 4 xefaturas territoriais a persoal funcionario dos concellos, cos que non existe reciprocidade. Cremos que na Xunta existe persoal dabondo preparado para ocupar os postos estruturais e que se debe priorizar o mérito e capacidade denantes de criterios puramente de confianza política, xa que non son estes postos políticos senón de persoal funcionario.
  • Traslado de postos de localidade con persoa titular: hai 2 postos da Coruña que se trasladan para Ferrol e un de Pontevedra que se traslada para Vigo. Di o IGVS que os dous primeiros cren que se atopan sen titular pero que o de Pontevedra si que o ten pero que falaron coa persoa e “non ten inconveniente”. Cómpre destacar que estes traslados poden causar un prexuízo co resto de persoas con postos semellantes que “tampouco terían inconveniente” en que lle moveran o posto á súa localidade de residencia.
  • Unidades xurídicas (A1 nivel 26): destaca o IGVS que na proposta de RPT hai un erro coas unidades xurídicas das xefaturas territoriais que deben ser por concurso (na documentación achegada figuran como LDs). Crean dúas novas desas unidades xurídicas dependendo da xefatura do servizo técnico-xurídico de servizos centrais. Nos servizos periféricos pode ter a súa razón xa que non existe xefatura do servizo xurídico pero nos servizos centrais debera ter a mesma configuración que o resto de servizos xurídicos. Demandamos que se son necesarios postos no técnico-xurídico que se creen 2 seccións A1-A2-C1 nivel 25 co mérito (non requisito en dereito) para equilibrar o dereito á promoción profesional dos corpos xerais xunto coas necesidades do sercvizo; hai que ter en conta  que o posto da xefatura do servizo xa ten o requisito en Dereito e que na Xunta existe unha escala especializada en Dereito, como é a escala de letrados/as.
  • Novos postos de información: a xustificación do IGVS para converter varios postos C2 nivel 12 en postos C1-C2 nivel 16 é  que “non se cubren”; se non se cubren é porque teñen unha maior responsabilidade que outros polos do mesmo nivel porque conleva unha atención ao público especializada. En calquera caso, tamén se da esa atención nas xefaturas territoriais e deberían crear postos homoxéneos. Propoñemos non inventar novos postos e crear “negociados de información e rexistro” nivel 18, que xa existen noutras rpts e se adaptan mellor á complexidade do que demanda o IGVS con ese plus de “asesoramento”.
  • Inspectores/as de Vivenda:Uns postos conservan a denominación de “inspectores/as de vivenda” e outros postos levan engadido o de “tramitador/a”. A explicación do IGVS é que había persoal inspector que se negaba a desenvolver outro traballo máis aló do ligado estritamente a inspección (redactaban a acta a aí se quedaban); o IGVS entende segundo a lei de creación da escala e unhas instrucións internas que lle corresponde tamén encargarse doutro tipo de xestións (pedir consumos de auga, electricidade...) e sumalas á acta para elaborar o informe. Din que do informe para adiante (incoación do expediente) non lle correspondería a eles. A idea é que todo o persoal inspector faga as mesmas funcións. Admiten modificar a documenación actual e poñerlle o de “tramitador/a” a todos os postos.
    • Ante a detección de varias diferenzas en canto á escala e méritos, comunican a intención de converter todos estes postos en “Inspector/a tramitador/a” de nivel 22 A1-A2-C1 co mérito do carné de conducir; só manterían un novo posto en Pontevedra que sería nivel 22 A2-C1 porque non lle da o orzamento para abrilo a A1.
    • De novo se bota de menos un catálogo de postos e unha discusión desas “instrucións internas” ás que fai referencia o IGVS coa parte sindical. A maiores resulta necesario na Xunta regulamentar dunha vez as condicións de traballo e niveles dos diferentes corpos inspectores, algo que supera o ámbito negocial concreto desta RPT, pero que convidamos a Función Pública a abordar.
  • Arquitecto/as Técnicos/as: resulta necesario homologar os niveles co resto de postos semellantes noutras consellarías, de xeito que se cumpra o principio básico de que a igual traballo, mesma retribución. Entendemos tamén que este tema excede a discusión neste ámbito e debe ser tratado con Función Pública, á que, de novo, instamos. En calquera caso, destácase que o novo Decreto de estrutura vén de implicar a asunción de novas funcións, que a parte da retribucións, teñen unha problemática específica que afecta as súas condicións de traballo e responsabilidade civil e para o que lle solicitamos ao IGVS unha reunión específica, á din que estar abertos.

 

Varios erros

Durante a reunión detectáronse varios erros na documentación polo que demandamos que os aclaren e remiten outra correxida. Chama a atención especialmente o posto MA.S02.00.000.15770.003 (Secretario/a de Secretario/a Xeral): figura como LD nivel 18 cando aparece baixo a dependencia dun posto con reango de subdirección subdirección. Entendemos que procede poñelo como concurso; no tocante ao nivel procede poñer un 16 ou ben cambiar todas as secretarías de subdirección da Xunta como 18.

 

Asistencias técnicas

Informática: o IGVS ten na RPT un servizo de informática con 5 postos que desaparece con esta proposta e cuxos postos de nivel inferior á xefatura do servizo dependen agora da AMTEGA (a xefatura amortizouse).

Parte deste servizo informático sempre contaba co “apoio” dunha ou varias asistencias técnicas. De feito, actualmente ten en vigor o seguinte contrato, que remata o 28-08-2015: SERVIZO QUE TEN POR OBXECTO O MANTEMENTO, ACTUALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DE NOVAS FUNCIONALIDADES NOS SISTEMAS DE INFORMACIÓN DO INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO (368.000,00 € sen IVE con INDRA).

Nos pregos pode observarse que a finalidade do contrato parece ser bastante estrutural como estrutural debe ser o mantemento de programas e aplicacións dun organismo público. Eses pregos establecen que os cartos son para pagar 4 nóminas: un xefe de proxecto, un analista funcional e dous programadores (un deles con capacidades tamén de analista). Desde a CIG solicitamos a creación, canto menos, deses novos 4 postos en RPT e que se deixen de facer esta encomenda (así como tantas outras), postos que deberan proverse de acordo á lei.

Asesoría xurídica: tamén neste eido conta o IGVS con outro contrato de asistencia técncia. No mes de abril o IGVS asinou un contrato de servizos de asesoramento xurídico para as persoas propietarias das vivendas do Plan Aluga. Non é que sexa de moita entidade (24.000€) e semella unha cuestión puntual pero non resulta moi coherente aumentar o persoal con coñecementos en Dereito e logo seguir a contratar asesoría xurídica externa. Se resulta preciso, propoñemos que se creen máis postos de asesoría xurídica en materia de vivenda, pero discriminando en primeiro lugar ás persoas socialmente máis vulnerables.

 

Documentación anexa:

 

Outras novas recentes

Mércores, 18 Decembro 2024

Convocatoria do Consello Reitor da EGAP (26/12/24)

O 17 de decembro recibimos a convocatoria da EGAP para asistir ao Consello Reitor, que este ano se estableceu o 26 de decembro de 2024. Como é habitual na EGAP, a convocatoria non se remite coa documentación a tratar na xuntanza (a secretaria da EGAP indica que se enviará en "datas próximas"), quizais coa expectativa de que a leamos por Noiteboa ou Nadal... Entre os puntos...
Xoves, 19 Decembro 2024

A Xunta quere aprobar unha moi escasa Oferta de Emprego Público do 2024

Para seguir a tradición, a Administración achéganos na propia mesa (para que non dea tempo a reflexionar nin a alegar) catro follas cos anexos das prazas da OEP 2024. Limítanse a contarnos o que hai nas táboas. Polo tanto, ademais de que poidamos impugnar a propia OEP, estudaremos impugnar a falta de negociación. E ante a falta de datos ou de tempo para poder estudalos ou...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...