Novas por contido

A semana pasada dábase a coñecer tralo Consello da Xunta a dimisión “por motivos persoais” do director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá. Ese mesmo día, traballadores do edifico administrativo San Lázaro puxéronse en contacto coa CIG para amosar a súa preocupación porque estivera a policía rexistrando as dependencias de Traballo. Comentáronos que, xunto coa marcha de Odilo, cesaran tamén ao xefe de servizo de Formación e mostraban o seu malestar pola situación de falta de información.

Posteriormente, a prensa daba a coñecer que o director xeral fora a declarar ante a policía sobre a trama de falsa axudas para cursos de formación sobre a que hai un proceso xudicial aberto no xulgado de instrución nº6 da Coruña. Curiosamente, e semella que o Gabinete que nos custa a todas e todos 350.000€/ano non ten ben informada á conselleira, pois ao día seguinte Beatriz Mato aseguraba non saber nada deste tema.

Aínda así, resulta difícil de crer que non saiba nada pois Odilio Martiñá era home de máxima confianza da conselleira de Traballo e Benestar. Cómpre recordar que antes de ser director xeral de Traballo e Economía Social ocupara o cargo de director xeral de Relacións Laborais, tamén con ela. Porén, foi de 2003 a 2005 cando exerceu o cargo de director xeral de Formación e Colocación.

Cremos que a conselleira debe acudir a dar explicacións ao Parlamento, que debe cumprir a Lei de Transparencia e boas prácticas, pero cremos que tamén lle debe unha explicación aos seus traballadores e traballadoras públicas.

Cómpre recordar que recentemente a Xunta publicou o seu Código Ético e de Conduta para o persoal que traballa na Administración autonómica, co obxecto basicamente de discernir entre o que é un agasallo de cortesía e o que poder ser un suborno. Porén, non vemos que as persoas representantes da Xunta lle esixan un comportamento exemplar aos seus altos cargos que aparecen citados en casos de corrupción e nin sequera aclaren porque aparecen a declarar diante da policía.

En calquera caso, máis molesto resulta para as traballadoras e traballadores públicos da Xunta ver nos seus centros cada pouco a policía facendo rexistros ou ver como compañeiras e compañeiros de traballo son chamados a declarar en casos de corrupción no máis absoluto mutismo por parte dos seus superiores; antes do de Traballo polo fraude nos cursos de formación, estivo o da Axencia de Infraestruturas co caso Pokemon ou o da Axencia de Innovación co caso Campión.

Desde a CIG-Autonómica Compostela lle demandamos á conselleira de Traballo e Benestar que deixe de tomar o pelo á cidadanía e declare a que se debeu este último rexistro e como de grande é o iceberg do que só lle estamos a ver a punta a este caso. Por outra banda, fai un chamamento ao Goberno da Xunta a que deixe de botar terra sobre os casos de corrupción e evite a mala imaxe pública que lle está dando a esta Administración autonómica cada vez que aparece a policía rexistrando as súas instalacións sen dar unha mínima explicación. Por outro lado, facemos un chamamento ás traballadoras e traballadores da Xunta a combater a corrupción e poñer en coñecemento xudicial calquera destas prácticas.

Outras novas recentes

Venres, 27 Xuño 2025

Rueda culmina a creación do «Instituto Galego de Trolas» (IGT), en suplantación do IGE

Co silandeiro cesamento do director do IGE, Rueda liquida o que até o de agora fora o Instituto Galego de Estatística, vendido ás empresas privadas e transformado nun medio de censura máis, xunto coa RTVG Esta é a crónica dunha suplantación fría e rapidamente calculada. Dende o intre en que Rueda encargou un informe á medida á empresa Sondaxe —grupo de La Voz de Galicia—...
Mércores, 02 Xullo 2025

Xerencia do Consorcio: deus os dá e o PP os xunta!

O xerente non xestiona e a xerenta adxunta para escolas infantís non resolve pero ameazaO 6 de marzo de 2025, o persoal do Consorcio pasou a ser persoal da Consellaría de Política Social da Xunta de Galiza. Nas nosas nóminas xa non aparece o NIF do Consorcio. Pero é o único cambio que se percibe porque a xestión por parte do Consorcio segue a ser nefasta e seguimos a...
Mércores, 25 Xuño 2025

Nova etapa para o persoal do Parque Nacional Illas Atlánticas

Grazas a un intensivo traballo sindical da CIG o persoal do PN das Illas Atlánticas regula e mellora notablemente as súas condicións de traballo. O Acordo foi asinado o mércores 25 de xuño coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o conselleiro de Facenda e Administración Pública. Dende a transferencia á Xunta en 2008, o Parque Nacional das Illas Atlánticas...