Novas por contido

O Comité Intercentros xuntouse coa Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar e a Secretaria Xeral de Política Social, para tratarmos as carteleiras, uniformidade, privatización da Residencia de Maiores do Carballiño, e o brote de lexionela na Residencia das Gándaras.

Antes de comezar a reunión, manifestamos a nosa queixa por non terse convocado as xuntanzas que tíñamos acordado e que non exista unha comunicación máis fluída entre a Secretaría Xeral e o Comité Intercentros, máxime cando existe unha importante conflictividade dentro do departamento de Benestar da consellería.

CARTELEIRAS

  • Manifestamos a problemática que temos nos centros de traballo de Benestar, e que non se están a facer carteleiras que cumpran a equidade necesaria entre descanso e traballo, sobre todo en domingos e festivos. Non se está a cumprir a sentenza sobre as carteleiras do TSXG con respecto aos centros da Coruña.
  • Non hai información aos Comités de empresa das modificación que se realizan nos diferentes centros.
  • A única Consellería que aplica nos seus termos a suspensión do Art. 19 é a área de Benestar.
  • Existen informes de prevención onde se manifesta que hai unha importante número de baixas por non ter descanso suficiente no traballo.
  • Esiximos que se repoña o Art. 19., se apliquen as compensacións e se faga unha carteleiras harmonizadas.
  • Manifestamos que dende o ano 2012 lévanse perdido preto de 1500 postos de traballo na área de Benestar (600 de rpt e 800 acumulacións de tarefas).
  • Segundo datos do Comité de Saúde Laboral, o 60% das baixas que dá a mutua por enfermidade profesional ou accidente laboral son por sobre-esforzos. Isto leva a que a conclusión lóxica e a necesidade de máis tempo de descanso no persoal.

Como sempre a Administración bota balóns fora e dí que os Orzamentos non se fan nesta Consellería, que son conscientes do problema pero que a ideia de suspender o artigo 19 parte da Consellería de Facenda e eles non poden facer nada ( sen comentarios).

Afirman que tiveron unha xuntanza con Facenda onde manifestaron que necesitan máis persoal para a área de Benestar e lle fixeron dende a Secretaría Xeral unha solicitude por escrito dun orzamento para a creación de emprego (non nos dín nin canto diñeiro se pediu, nin si sería para este exercicio ou si vai a ser en diferido).

Manifestan tamén que os cadros de persoal do ano 2012 estaban sobredimensionadas e que hai que buscar un equilibrio nas que existen agora e as de 2012 (como se nota que eles non traballan nun centro asistencial).

Preguntamos se existe algunha posibilidade de quen compensasen dalgún xeito os domiingos e festivos, inda que fose sen aplicar o artigo 19; a súa postura é que calquer compensación pasa por incrementar o cadro de persoal, algo ao que se negan. Despois de moito discutir comprométense a establecer nas carteleiras servizos mínimos para fins de semana e festivos alí onde se poida, e que se reaxustarían as mesmas para que se puidese descansar máis. Darán esta instrucción a todas as Xefaturas Territoriais.

UNIFORMIDADE

  • Manifestamos que os uniformes nen serven, tanto polo deseño como polas feituras, material, etc..
  • Os zocos non son antiescorregantes e dan problemas, chegando incluso a ter buratos polos que se queiman os traballadores/as de cociña.
  • Manifestamos que hai centros que non entraron na licitación e aínda están sen roupa de traballo e que non hai remanente para as persoas substitutas.

Preguntamos se non foran a tomar medidas ao persoal polos centros, pois neso quedaran coa empresa adxudicataria. Limítanse a asegurar que son conscientes de que está a haber problemas e que intentarán solucionalos, aínda que dín que é un contrato plurianual e queda por entregar a uniformidade do ano 2016.

Non respostan ao problema de falta de remanente, limitándose a afirmar que dende os centros pódese mercar roupa en casos especiais en que faga falla.

Teñen intención de adaptarse ás necesidades de cara a seguinte licitación (pois ben puideron facelo xa desta), excusando o seu actuar na necesidade de aforrar diñeiro e uniformar por igual.
A CIG manifesta que a compra por parte dos centros influía positivamente no comercio local e no comercio pequeno, mentres que coa compar centralizada a quen se está a beneficiar é a unha multinacional e ás grandes superficies con capital de fora de Galiza. Pedimos que se solucione o problema da uniformidade de cara ao ano 2016, xa que sería irracional que se entregara roupa que non serve, co conseguinte malgasto de diñeiro público. Solicitamos que se nos consulte na vindeira licitación, no caso de que nos se volva ao método de compra por centro que é o que consideramos ideal. Pedimos que se dean instruccións as Xefaturas Territoriais para que naqueles centros en que non hai remanente ou falten uniformes, se compren.

RESIDENCIA DO MAIOR DO CARBALLIÑO

Pedimos explicacións da privatización da Residencia de Maiores do Carballiño. Preguntamos si se vai a privatizar a Residencia completa, e que pensan facer coas traballadoras e cos traballadores que están a traballar na parte da Residencia actualmente aberta.

A Administración di que non é unha privatización, que o centro segue a ser público, as prazas son públicas e a responsabilidade é da Xunta de Galiza. Din que o único que fan é encargar a xestión a unha empresa privada (viva el rock and roll e a manipulación das palabras). Manifestan que son dous centros, xa que teñen un informe de Inspección de Servizos onde dí que son dúas residencias diferentes, coas súas licenzas de ocupación tamén diferentes.

Manifestan que a parte da Residencia que está a funcionar neste momento non se vai privatizar e que podemos garantirlle aos traballadores e as traballadoras a seguridade de que van continuar nos seus postos de traballo. Non se vai a abrir con prazas privadas (solo con prazas públicas, o que quere dicir que se abre con 20 prazas cando ten unha capacidade para 90 residentes).

Afirman que a provincia de Ourense non ten necesidade de prazas públicas en residencias de maiores, e que nun futuro próximo pecharanse centros asistenciais en Ourense (vamos, que a provincia máis envellecida da Galiza e con lista de espera para acceder a prazas públicas, non necesita prazas).

Preguntamos polas súas intencións coa actual cociña e lavandaría provisional e que non cumpre as condicións legais, xa que a residencia no seu conxunto só ten unha cociña e unha lavandaría. A resposta é surrealista: “non temos constancia do que nos estás a dicir e faremos as obras necesarias para que sexan dúas residencias separadas” (é dicir, non hai diñeiro para abrir a residencia con persoal público e si que hai diñeiro para pagarlle a unha empresa 500.000 € ao ano para facer obras innecesarias).

AS GÁNDARAS

Manifestamos que dende o día 4 ata o día 12 de novembro non se tivo información do que pasaba na Residencia das Gándaras, cando xa entre o 5 e o 10 estivo un residente hospitalizado por lexionela mentres continuaron a utilizar o servizo de auga quente co conseguinte risco para a saúde das persoas. Esto é inaceptábel. Demandamos saber cales son as causas, pois preocúpanos que esto poida repetirse neste ou noutros centros.

A Administración manifesta que dende o momento en que se dá aviso a Saúde Pública, todas as actuacións quedan en mans da consellaría de Sanidade, sen que eles teñan responsabilidade algunha. Aseguran descoñecer as causas que provocaron a lexionela, pero que xa se substituiu á empresa encargada da limpeza do sistema, prescindindo da anterior.

Outras novas recentes

Martes, 17 Decembro 2024

Mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF: consecuencias dun acordo "sen letra pequena"

O día 13 de decembro 2024 celebrouse a 9ª reunión da mesa de seguimento do acordo de funcionarios do SPIF onde a Administración presentounos uns gráficos nos que se reflexa a porcentaxe de cobertura así como a de vacacións,  comparando os anos 2023 con 2024. Dende a CIG insistimos que: - Unha vez máis que, logo do traslado do acordo ao persoal laboral, é de recibo que se...
Martes, 17 Decembro 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios

O día 09 de decembro de 2024 tivo lugar a reunión do Comité S.S.L. de Incendios onde se abordaron os seguintes temas: -. Plan de formación 2025/2028. Dende a CIG pedimos que se abra un prazo de alegacións e que se incorpore a lexislación vixente da Lei básica de Bombeiros Forestais, de obrigado cumprimento, en canto neste caso permita un desenrolo do marco formativo, para...
Luns, 16 Decembro 2024

Decreto OEP2024 de escalas sanitarias (Lei 17/89) (MSF 13/12/24)

A Dirección Xeral de Función Pública trouxo á Mesa Sectorial de Funcionarias (13/12/24) o Decreto da OEP 2024 das escalas sanitarias da Lei 17/89. Este persoal segue a ter unha xestión á marxe de Emprego Público, cando se trata de persoal funcionario de Administración. Seguindo o seu modus operandi, onde a boa fe negocial brilla pola súa absoluta ausencia: enviáronnos a...