Novas por contido

A Administración volve a insistir cun modelo de carreira que non cumpre as mínimas expectativas nin da CIG nin das persoas empregadas públicas. De todos os problemas, eivas, discriminacións e desigualdade que leva consigo este modelo, e que levamos anos denunciando, non corrixen nin un.

Tráennos, ademais, un texto que foi negociado fóra das mesas e sen a presenza da CIG polas outras organizacións sindicais e isto é o produto desa submisión:

1. Seguen a teimar en que exista prazo para as solicitudes no canto da nosa proposta de que o recoñecemento dos graos debe producirse no momento en que a persoa empregada pública reúna os requisitos. Non admiten que sexa un sistema aberto análogo ao dos trienios ou ao dos sexenios do profesorado. O sistema de prazos implica que aínda que unha persoa cumpra os requisitos non vai poder acceder á carreira ata que a Xunta abra o prazo, e isto pode prolongar a perda do dereito en ata 3 anos. O prazo para solicitala vaise prolongar ata mediados de decembro de 2025 e terá efectos retroactivos dende o 01/01/2025.

2. Seguen esixindo estar en activo nunha data: o obxecto disto é excluír ao persoal que non estaba traballando nesa data exacta, neste caso no 31/12/2024. Si atenden á nosa alegación anterior deixaría de ter sentido.

3. Non permiten acceder a todos os graos da carreira. No SERGAS o persoal xa cobra o grao IV. Este sistema debe DAR ACCESO A TODOS OS GRAOS de xeito simultáneo e non consecutivo.

Calquera persoa que cumpra os requisitos para acceder a máis dun grao, debe poder acceder a eles simultaneamente, para iso estamos a falar dun sistema extraordinario. Seguen a penalizar ao persoal con máis antigüidade moito do cal non vai poder acceder ao grao IV antes da xubilación.

Ao mesmo tempo perden a oportunidade de paliar o castigo que a Xunta, CCOO e UGT impuxeron ao persoal interino, xa que de admitir o acceso a todos os graos recuperarían en parte os graos perdidos.

4. Fenda salarial. Manteñen a referencia aos importes previstos nos acordos anteriores de xeito que o subgrupo superior cobrará máis do triplo do subgrupo inferior, agrupación profesional. Defendemos un incremento dos importes inferiores para minorar a fenda retributiva.

A Lei 30/1984 establece que o soldo dos funcionarios do grupo A non poida exceder en máis de tres veces o soldo dos funcionarios do grupo E. Se ben é certo que isto fai referencia ao soldo, a filosofía e o espírito da norma parecen claros ao establecer unhas limitacións para NON INCREMENTAR A FENDA SALARIAL entre grupos.

5. Non admiten o reinicio da carreira nun novo subgrupo coas contías do mesmo. Ao acceder a un novo subgrupo por promoción interna a contía dos graos anteriores debería corresponderse coa do novo subgrupo. O importe de todos os graos debería percibirse na contía do subgrupo onde se prestan servizos, pero a administración non o quere admitir.

6. Seguen liándoa co cómputo da antigüidade: para o cómputo da antigüidade deberían ter en conta os certificados de servizos prestados a efectos de trienios e non outros criterios. No o admiten e iso vai dar lugar a que a moitas persoas lles computen un tempo menor.

7. Formación. Non podemos aceptar requisitos de horas de formación mentres non se dea acceso á mesma a todo o persoal que o solicite e mentres non se recolla a nosa demanda de non existir prazo aberto para as solicitudes. A EGAP debería habilitar de urxencia formación suficiente para que quen queira acceder a ela poida facelo.

8. Manteñen a chantaxe da funcionarización. A Xunta segue mantendo a privación do dereito á carreira como sanción ante a negativa á funcionarización do persoal laboral fixo. Que se lles restitúa a carreira no grao que corresponda, se permita acceder aos novos graos e se lles abonen os atrasos derivados da suspensión.

9. Reducen pero manteñen os tramos dos efectos económicos. Fraccionar a carreira, aínda que o reduzan de 4 a 3 anos significa adiar aínda máis o acceso pleno. Con isto só se cobrará o 33% do importe no 2025, o 66% no 2026 e só o 100% no 2027. Esiximos que non existan tramos, e a carreira se faga efectiva na súa totalidade co 100%.

10. Seguen mantendo exclusións. Non se nos escapa que o obxectivo da Administración e excluír ao máximo persoal posible da carreira. Continúan excluíndo a unha parte importante do persoal dalgúns entes. Solicitamos que lles apliquen a carreira subsidiariamente, que deberá pagar o ente, mentres non teñan unha propia.

11. Non admiten que haxa un grao máis. Mentres noutras administracións xa hai un grao V, nesta restrínxese tal posibilidade, o que vai implicar que haxa persoas que queden no grao IV durante decenios ata a xubilación.


Estamos ante unha oportunidade perdida para darlle a volta a un sistema de carreira que non cumpre as expectativas da maior parte das persoas empregadas públicas. De aquí á Comisión de Persoal, que non é mesa de negociación, solicitamos que a Xunta atenda as demandas do persoal, cun novo modelo de carreira extraordinaria máis equilibrado e áxil.

Outras novas recentes

Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo dos subgrupos A1, A2, C1, C2 e agrupación profesional

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo A1, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo...
Martes, 23 Xuño 2026

Convocatoria de cursos de linguaxe administrativa galega

No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27. Os...
Venres, 26 Xuño 2026

A CIG esixe explicacións pola falta de postos na elección de destino de corpos xerais

Dende a CIG solicitámoslle a Emprego Público que nos aclare posto a posto a tremenda desfeita que está a facer nos procesos de elección de destino dos corpos xerais. Temos moitísimas queixas de persoas traballadoras que están nestes procesos e que non saben o motivo de que se “comeran” tantos postos. Non sabemos se en Emprego Público pensan que só son “dúas ou tres persoas...